10 ene 2008


Algunhas efemérides do 2008.
Andoliña venres 11 xaneiro (na imaxe, F. Cuevillas; texto n. 1450)
Como outros anos, reviso as efemérides deste novo 2008. Será en primeiro lugar o ano dedicado ó poeta e editor Xosé María Álvarez Blázquez no Día das Letras Galegas. Tamén será o centenario do nacemento do dramaturgo coruñés Xenaro Mariñas del Valle, membro das Irmandades da Fala, e dos pintores Laxeiro e Urbano Lugrís; estamos tamén a cen anos do Romance de lobos de Valle Inclán. O centenario do pasamento do poeta Curros Enríquez (7 de febreiro) é outra cita digna de recordo, mesmo dos sucesos que rodearon o seu enterro multitudinario na cidade coruñesa.
Tamén sería bo lembrar os 50 anos da morte do gran Luís Pimentel (13 febreiro) e a fundación en Madrid do grupo Brais Pinto, con Ferrín, Reimundo Patiño e Fernández Ferreiro. Onte neste mesmo diario Xabier Cordal evocaba os 50 anos do Percival de Ferrín e das mesmas datas son o Don Hamlet de Cunqueiro, Samos de Ramón Cabanillas e o Diccionario Enciclopédico de don Eladio Rodríguez. En 1958 falecían o pintor Carlos Maside e o prehistoriador Florentino Cuevillas (30 xullo) e nacía, da man de Alfonso Gayoso Frías, Eufonía, unha fermosa revista dos exiliados en Buenos Aires.l

Cúmprense 50 anos do ‘Percival e outras historias’ de Ferrín (Xabier Cordal en Galicia Hoxe 10 xaneiro. Por certo, graciñas a Xabier Cordal pola mención que fai no seu artigo deste blog).

1 comentario:

Anónimo dijo...

Non, home, as grazas a ti por este blog tan honesto e intelixente.