Otero Pedrayo (2): ucronía.
Pan por Pan domingo 13 xaneiro
Mantívose Otero na disciplina do Partido Galeguista, no partido de Castelao e Bóveda. Aínda que non lle gustaba a alianza coa esquerda no Frente Popular, díxoo moi claro na IV asemblea do partido, abril do 35 en Compostela. Supoño que a Otero non lle chiscaba, como deixou escrito Risco, acudir a mitins nos que se erguía o puño e se berraba “Viva Rusia” e “Viva Stalin”. Fagamos, só por unha vez, historia ficción, ucronía. Imaxinemos que os fascistas non toman as armas e Galicia asume a súa autonomía en 1936. Empeza un novo camiño. Que faría Otero? Nos seus artigos deses días, Otero di que a el non lle interesa galeguizar a “invasión marxista”. Que iso ía contra “o ser inmorredoiro de Galicia”. E que, aprobado o Estatuto, o PG debía recuperar a súa alma. Existía xa a Dereita Galeguista, a de Risco e Filgueira. Nunha Galicia soberana, sería ese o lugar de Otero?
1 comentario:
Nunha Galicia soberana -ou, simplemente, un espectro nacional pluripartidista- dubido moito que Otero acabase nun grupo político integrista.
Véxoo, desde o 1945, nunha Democracia Cristiá galega, en posición tolerante pero inequívoca. Da mesma maneira que podo ver a Víctor Casas nun PSG, a modo de simple intuición.
Castelao? Bóveda? Que difícil. Tería viabilidade, trala guerra mundial, un partido político ao xeito de Izquierda Republicana? Se a resposta é non, véxoos sen lugar acaído, cun prestixio cívico avidamente procurado por distintos pescadores.
Ora que tamén poderían promover unha especie de simbólico RPR no " centroesquerda"; se se me entende. E gobernar a República durante anos; ben deles.
Publicar un comentario