13 ene 2008




Cen anos de historia cultural
1990: narrativa de xénero
13.01.2008

A narrativa do ano 1990 foi abondosa en libros e xéneros e tamén en calidade. A narrativa de xénero semellaba chantar raíces no país, sobre todo no xénero policíaco e nas historias de aventuras. Xavier Alcalá, nesta liña de novela de aventuras, mesmo nos abafantes ambientes tropicais, publicaba Cárcere verde. Falábase moito daquela da pegada do realismo sucio e do apoxeo da novela negra: Ambulancia, de Suso de Toro, que se ten definido como novela negra sen detectives nin policías (S.Gaspar); Non hai misericordia, do seu irmán Xelís de Toro, que mereceu o primeiro premio de narrativa Cidade de Lugo; Os ollos da noite, de Ramón Caride; e Sangue sobre a neve, de Manuel Forcadela. E seguíase a falar do premio Blanco Amor 1989 (O crime da rúa da moeda vella, de Román Raña). No territorio do relato breve foi recibido con entusiasmo polo público e crítica Un millón de vacas, de Manuel Rivas, e Xosé Miranda gañaba a segunda edición do premio García Barros de novela con Historia dun paraugas azul. Das mesmas datas son Ártico, de Xavier Queipo; Riosil, de Valentín Carrera; e dúas obras das que se subliñou o sutil emprego do humor: As baleas de Eduardo Reinoso, de Afonso Álvarez Cáccamo, e Quando o sol arde na noite, de Joel Gómez. Ademais, Xerais reeditaba Caixón desastre (1983) de Suso de Toro e mantiña entre os libros máis vendidos Land rover, do mesmo autor. Darío Xohán Cabana daba a coñecer a súa novela Fortunato de Trasmundi, finalista do Blanco Amor, e o poeta Manuel Forcadela achegábase á narrativa con Paisaxe con muller con barco, premio García Barros, novela complexa e culturalista na que se teñen apuntado ecos oterianos. Galaxia editaba Terra coutada, novela de Antonio Fernández Pérez, mestre da comarca verinense exiliado na Arxentina, unha obra escrita no 1950 e de raíz autobiográfica, que non se publicou ata 1990, con limiar de Otero Pedrayo. Artusa era a contribución do narrador Lois Diéguez, nunha obra de personaxes infantís inseridos no Lugo romano.
Nas letras xuvenís e infantís citemos cando menos títulos como As aventuras de Breogán Folgueira, de Darío Xohán Cabana; O talismán dos druídas, de Pepe Carballude; O buzón dos nenos, de Úrsula Heínze; As flores radioactivas, no rexistro da ciencia-ficción, de Agustín Fernández Paz, e A rota dos adeuses, de Luís Rei Núñez. Pola súa banda Luisa Castro publicaba en castelán a súa primeira novela, El somier.
Edicións Xerais quixo impulsar o novo xénero da narrativa erótica cos dous volumes de Contos eróticos. Eles/ Elas, que con todo non tivo logo continuidade. Entre os ­autores estaban Manuel Rivas, Luisa Castro, Helena Villar, Antonio R. López, Bieito Iglesias, Xela Arias e Manuel Guede. Na poesía, o concello de Noia recuperaba o poemario de María Mariño, Verba que comeza, nunca fermosa edición con debuxos de Reimundo Patiño e co limiar que lle fixera Otero Pedrayo no 1960. Fiz Vergara Vilariño daba a coñecer o volume Nos eidos da bremanza, nunha liña de poesía intimista e da paisaxe. Miguel Anxo Fernán-Vello vía recollida a súa poesía nunha escolma en castelán preparada por Luciano Rodríguez, La raíz poseída (Ed. Olifante). Deste ano é o segundo libro de Antonio Rodríguez López, Manual de masoquistas, breves textos en prosa poética inzados de ironía, lirismo e mesmo o melodrama e a parábola. Outros volumes de poesía do 1990 foron Ningún cisne, de Manuel Rivas, premio Leliadoura, tamén a xogar entre o humor e a ironía como elementos distanciadores; Banquete, de Lino Braxe; Labirinto de inverno, de Fermín Bouza; e O mar perdido, de Manuel Xosé Neira.
Clásicos en galego. Para a normalización cultural e editorial do país, foi unha gran nova o nacemento, no 1990, da colección Clásicos en Galego, publicada pola Xunta, que tivo entre os seus primeiros títulos as traduccións de O Cantar de Roldán (versión de Camilo Flores), das Elexías de Tíbulo (por Xosé A. García Cotarelo) e de varias pezas dramáticas de Shakespeare, da man de Miguel Pérez Romero. Ademais, o Consello da Cultura Galega publicaba a Ilíada, de Homero, na tradución galega do profesor Evaristo de Sela. Outra nova cultural do ano foi a aparición, despois das dúbidas sobre a súa existencia, de Las tinieblas de Occidente, de Vicente Risco, publicada por Sotelo Blanco cun estudo de Manuel Outeiriño. A revista Grial dedicaba un monográfico (n. 107) ós problemas da lingua galega e Luís Rei Núñez, no ronsel de Víctor Freixanes, entrevistaba a doce galegos do mundo cultural en Oficio de escribir: Fole, Ramón Piñeiro, Del Riego, Novoneyra, Ferrín e Casares eran algúns dos escollidos. Na Coruña eran moi seguidas as tertulias dos xoves da A.C. O Facho e en Ourense nacía o Clube Cultural Alexandre Bóveda, que entre as primeiras actividades tivo un ciclo sobre Galicia en Europa.

14 comentarios:

Anónimo dijo...

"Clásicos en Galego" segue sendo unha importantísima iniciativa, aínda que desde hai algúns anos os títulos pingan con moitísima lentitude e demora. Tería que dárselle un pulo editor, e eu propoño que pensen no mundo oriental: Mesopotamia, a India, Extremo Oriente...

Anónimo dijo...

Moi difícil vexo a súa proposta orientalizante, amigo González. Decátese de que "Clásicos en galego" é unha colección dirixida polo eminente latinista Manuel Cecilio Díaz y Díaz e, dende a súa creación, non tivo outro obxectivo que ir enchendo, sequera pouco a pouco, o inmenso oco cultural provocado pola ausencia case total de traducións dos clásicos gregos e latinos ao galego, aínda que o seu límite temporal chegue nin máis nin menos que a Shakespeare. Talvez a demora actual na edición de novos títulos teña algo que ver co estado de saúde do seu director, que xa é moi maior (86 anos) e seica non anda ben.

Anónimo dijo...

Pois voulle contar algo que se cadra non sabía: ha de haber coma dez anos (pérdome algo nas décadas) foille proposta a Díaz a edición do Código de Hammurabi en "Clásicos en Galego". Isto tiña eu na mente cando escribía o anterior.

O emérito é, de certo, persoa meritísima. Porén, era tempo se cadra de ir dando relevo. A colección non pode depender del en exclusiva.

Anónimo dijo...

Noto en falta mais títulos da colección. Gostaría ler agora a Luciano, Marcial, Menipo, Juvenal,Prudencio, non a Plauto, do que esto farto, en galego, e non en español, prefiro por motivos non nacionalistas o galego.

Por certo que me din da traducción da Divina Comedia de D.X. Cabana, fora de vanos eloxios claro?

Anónimo dijo...

A min, Jimmy, xa o teño dito: paréceme unha boa tradución realizada desde un criterio de fidelidade combinada con forma poética; opinión, por certo, seica non compartida nunha parte relevante do ámbito universitario.

Entrar en detalles é complicado, como non queira demarcar algo o campo. Sexa como for, seguramente lle interese a vde isto.

Anónimo dijo...

"Preguntas por que lle cheira a orella a Mario./
Ti es o culpable: murmuras, Néstor, na súa orella".
Marcial: Epigrama III, 28

Anónimo dijo...

"Tes a pirola tan grande coma o nariz;
tanto, Papilo, que podes, cando se ergue mesmo cheirala"
VI, 36

Anónimo dijo...

As cousas que aledan a vida,
carallán Marcial, son estas:
cartos non traballados senón herdados,
leiras nunca infertis, lume perenne,
liorta nunca, togas raras, cabeza tranquila,
homes francos, saudable corpo,
prudente sinxeleza, amigos semellantes,
convites doados, táboa sen luxos;
noites non ebrias, pero exentas de cuidados;
un leito nada triste, pero casto;
un sono que faga breves as tebras
para estar contento co que es e non pretender máis,
non recees o derradeiro día nin o busques.
Epigrama, X, 47

Anónimo dijo...

Precisamente deste Marcial de quen transcribe Arume fragmentos, están publicados os seus "Epigramas" en dous tomos na colección da que falamos, amigo Jimy.
Eu estou de acordo en que hai que ir dándolle o relevo a Díaz. Pero; González, a estas alturas do asunto, creo que non merece a pena apurar. Mesmo sería inelegante, xa me entende...

Anónimo dijo...

Non, hom, para nada paga a pena nin se debe facer. Digo eu se non sería factible pórlle, ofrecerlle un auxiliar ou chámenlle como queiran.

Anónimo dijo...

Eu creo que Baltar andaba por alí. Ou Carracedo, o de Goiriz, que tamén pode.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Ramón Baltar, por suposto.

Anónimo dijo...

E neste pais, como ben nos ensina o envaxeo según Isaac, ningún acepta axuda que non sexa de mudo.

Anónimo dijo...

E digo eu, ao mellor o Arume ou o Saavedra non serían un mal recambio para dirixir esa colección. Que o pense quen o teña que pensar se le isto.