17 feb. 2008




Cen anos de historia cultural
1995: Rafael Dieste. A Domus
17.02.2008. MARCOS VALCÁRCEL. Imaxes: Rafael Dieste. Nun busto do escultor Ferreiro Badía; Chus Pato; novela de X. Miranda.
Foi o do 1995 un ano espléndido nas letras. Empezarei o meu percorrido polo ensaio e a investigación. Por exemplo, nos estudos literarios e lingüísticos, velaí os traballos sobre crítica literaria de Ramiro Fonte (As bandeiras do corsario); o estudo de Claudio Rodríguez Fer sobre A literatura galega durante a Guerra Civil; o volume Literatura e sociedade en Galicia, 1975-1990, de Xosé González Millán; Galicia desde Londres, sobre as crónicas na BBC dos galeguistas, de A. Raúl del Toro Santos; a esculca no teatro de preguerra en Ferrol (Laura Tato); a edición dos Manifestos das vangardas europeas, por Xesús González Gómez, ou o estudo sobre A poesía lírico galego-castelá (1350-1450), de R. Gómez Polín.
Da mesma andaina son os Estudos de sociolingüística galega de Henrique Monteagudo; A lingua galega en Cuba, de X. Neira Vilas, e a publicación dos dous primeiros volumes de Usos Lingüísticos. Mapa Sociolingüístico de Galicia pola RAG: con tal motivo a revista Luzes facía un debate sobre o noso idioma con Xesús Ferro e A. Santamarina. A RAG tamén publicaba, en edición de Xosé Luís Pensado, o volume Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de la agricultura, al castellano.
Os historiadores achegaban títulos como La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen, de Pegerto Saavedra (Crítica); Os traballos e os días na Galicia medieval, de M. Castiñeiras; un estudo sobre o pintor Manuel Colmeiro, de X. A. Castro; A cidade da Xeración Nós (M.V.); e un estudo sobre o arquitecto Manuel Gómez Román, da autoría de Xaime Garrido e Ramón Iglesias.En clave feminista aparecían volumes como O contradiscurso das mulleres, de Carme Blanco, e Escrita da certeza. Por un feminismo optimista, de María Xosé Queizán. Títulos dese ano son tamén Lendas galegas de tradición oral, de X. M. González Reboredo; Eduardo Blanco Amor dende Buenos Aires, o epistolario do ourensán recollido por Neira Vilas; Documentalismo fotográfico contemporáneo, de Margarita Ledo; Crónica de cine. O Carballiño 1990-1994, de Miguel Anxo Fernández; a tradución ó galego de Arredor da cuestión nacional, de Alain Badiou; e o volume coordenado por Ana María Platas Literatura, cine, sociedade.
Pero, sobre todo, 1995 foi o ano de Rafael Dieste no seu Día das Letras Galegas. Velaí obras como a biografía feita por Luís Rei Núñez, A travesía dun século (Do Castro); RD. Vida e obra en lingua galega, de Salvador García-Bodaño (RAG); o volume colectivo Rafael Dieste. Un creador total (Galaxia); Tentativas sobre RD (Sotelo B.); RD. Heterodoxia e paixón creadora (Xerais), etc.

4 comentarios:

Xosé M. González dijo...

A tres bandas, do Miranda, é un espazo ben interesante, a primeira que insinuou as posibilidades da cidade de Lugo como marco posible dunha novela negra; non tan inhóspitos coma os das novelas de Xoán Ramón Díaz, onde a inclemencia meteorolóxica -se cadra nun ronsel esmorgán- desempeña tamén papel relevante- xorden espazos suburbanos escasamente coñecidos para foráneos e onde a deprimente sordidez encontra asento favorable.

Era, con todo, moito menos implacable a novela de Miranda cás dúas -a terceira seica vén de camiño- do Monón; como tamén o eivado protagonista daquela resulta menos contundente có Meiriño. Na novela do Miranda, dez anos para atrás, encontraba un máis esperanza.

Anónimo dijo...

O mellor de 1995 era que tiñamos trece anos menos, máis ilusións e algo de futuro por diante.

Moi bos os llibros de Pegerto e Castiñeiras, na liña de recuperar a intrahistoria, a pequena historia vivida polos que a padeceron "historicamente".

XDC dijo...

Trece anos??? Pero si foi onte!!

Anónimo dijo...

Que delgadiña está Chus na afoto