15 feb 2008


en poleiro alleo: Rivas e Ferrín
Dende diferentes perspectivas, hoxe escriben, mirando cara o país, Ferrín e Rivas, os dous en clave ecolóxica. Manuel Rivas confronta o pintor Lugrís coa barbarie de hoxe e o futurismo de Marinetti e remata cunha fermosa semblanza dun Otero defensor da Terra. Ferrín critica inicialmente o ecoloxismo dos primeiros 70 para rematar convocando á manifestación Galiza non se vende, do domingo 17.


* Galiza non se vende, de Méndez Ferrín (Faro de Vigo, 15 febreiro)

16 comentarios:

Anónimo dijo...

Comparto o interese de ámbolos dous egrexios escritores, pero non entendo ben as súas argumentacións. No caso de Rivas, esa nova revisión moi súa do concepto conservador, con Otero de exemplo. E no caso de Ferrín ese contraste entre o ecoloxismo dos anos 70 e o da actualidade. Non os entendo, non.

Anónimo dijo...

Anédota prá reflexión:
Os que sexan de Ourense, deseguro que lembran un establecemento de taxidermia que había na Avda. de Boas Aires,xa na Follateira. Tiña expostos no escaparate exemplares de moitas especies protexidas xa entón. Cando se lle decía ao dono que aquelas aves non se podían matar él respostaba: "Eu vivo desto, i eu son máis importante que os paxaros".Imaxino que as autoridades farían a vista gorda polo mesmo motivo.

Anónimo dijo...

Ferrín calcula mal, pero acerta. O ecoloxismo entra en Galicia a principios dos anos 70, da man de CIES Círculo Interdisciplinario de Estudos, unha das experiencias máis interesantes, no eido do activismo intelectual, de toda a historia recente de Galicia. Tal vez haxa moitos que asocien a CIES coa loita contra autopista, pero ademáis de presentar alternativas ecoloxistas serias e documentadas (os técnicos do ministerio suaban cando os tiñan de interlocutores), CIES elaborou documentos sobre a vertebración territorial de Galicia, e someteu a discusión os principios do ecoloxismo político de Barry Comoner e do marxismo, ao que certos membros do grupo (César Portela, Basilio Lourenço, Xosé Bar) acusaban de “desenrrolista”. CIES era, pois, un grupo de activistas científico-político-intelectual. Foi nos anos 80, unha vez disolto o grupo, cando o ecoloxismo pasou a formar parte -non sempre por desgracia- do discurso político correcto, ao precio dunha trivialización e dunha desactivación das súas arestas máis radicais e, ao meu modo de ver, interesantes. Nese tránsito, tamén surxiron asociacións vencelladas dun modo máis ou menos orgánico ao nacionalismo, que relacionaban ecoloxía cunha crítica ao capitalismo, pero dun modo, ao meu xuizo, un chisco impotente, pois a alma do marxismo (teoría na que se inspiran) é desenrrolista. En canto a Rivas, ten razón. O galeguismo -e o nacionalismo, na medida en que forma parte do galeguismo-, por moitas razóns que tal vez non veñan ao caso, posúe unha marca de orixe conservacionista e, en certo modo, naturalista. E como non acabo de collerlle o tintimán ao procedemento de poñer o meu nome de sempre na entrada, debo decir que son Jim Morrison.

Anónimo dijo...

Este post, vai errado nun lugar que non lle corresponde, polo que o insiro aqui, onde lle corresponde.

Xosé Luis Méndez Ferrín estivo preso durante a democracia, polos anos oitenta, pola súa relación con grupos que practicaban o terrorismo. Segúndo a lei de partidos se non se retractou pode ser suspendido do seu dereito a presentarse como candidato a ser elexido pra cargos públicos. É un sospeitoso e as persoas que lle dean cobertura as súas ideas mediante a difusión pasan a ser temén sospeitosas. A manifestación do día 17 concurren grupos de extrema esquerda que non condean o terrorismo, están mesmos os sospeitosos de practicalo en Galicia. Vostede Marcos Valcarcel, é por tanto sospeitoso, ao darlle difusión ao artigo de XLMF, deso que vostede mesmo califica como energúmeno.

Anónimo dijo...

O conservacionismo linda coa concepción antiindustrial (nun sentido amplo) e antiburguesa dese galeguismo que encarna Otero. Esa idílica nostalxia dun tempo pasado. Esa apreciación de alabanza de aldea está xa nos albores da civilización urbana. Pero esa constante, que non deixa de constituir un tópico, debe explicarse polo miudo. Por iso, os escritos sobre conservacionismo derivan en cantos líricos, bárdicos, en ausencia de desenrolos intelectuais.
Polo que respecta a ese grupo que eu descoñecía por completo, só teño que lamentar que non puideran facer ren de ren, especialmente no caso dalgúns que figuran mencionados, dignos exemplares (increíblemente indiscutidos) do urbanismo de espectáculo ao que estamos tan afeitos.
O que non entendín de Ferrín (perdón polo ripio) foi esa especie de irónica burla na frase "Daquela falábase moito do estrés que podían sufrir as troitas cos motores do catamarán do Sil, do problema das pillas, da promoción do reciclado do papel e da defensa das baleas". Vostede, Morrison, parece ir por outro lado completamente diverso.

Por certo, o centro comercial de A Laxe, que?

Anónimo dijo...

Esa concepción "conservacionista" do ecoloxismo era xa vista como "reaccionaria" por moitos ecoloxistas dos setenta. Un pouco como o nacionalismo basado "nas mámoas".

Anónimo dijo...

A CIES non se lle coñece en parte porque os seus propios ex-integrantes (entre os que tamén estaba Daniel Pino) están interesados en borrar as pegadas dos seus "pecados" de xuventude, entre os que figura, de modo destacado, a súa oposición á Autopista. Pero pagaría a pena unha edición dos seus escritos, porque CIES ía moi por diante de todo o que se fixo na Galicia e na España daquel tempo, e, dende logo, moi por diante do que se fai agora en Galicia. Correcta ou non, a primeira e máis poderosa crítica ao desenrrolismo que se fixo en Galicia elaborouna CIES. E si, tal vez polo seu conservadurismo ideolóxico, o galeguismo é conservacionista. Pero é certo que esa marca coservacionista continúa en propostas nacionalistas máis "progresistas" e de "esquerdas", e a min non me parece mal. O centro da Laxe non o vin. Espero que, xa de non "conservar" as vistas ao mar que se divisaban canda se derruíu o edificio de Sanidade Exterior (!qué ben tería quedado unha plaza!, alomenos non sexa demasiado horrendo. JM

Anónimo dijo...

Non estou moi certo, amigo XDC, que houberan moitos grupos ecoloxístas nos 70. Pero, dende logo, CIES era "conservatista" ou "conservacionista", aspecto este que o facía lindar co galeguismo e non co PSOE. De feito, case todos os seus protagonistas galegos (había tamén xente de fóra), son, dun modo ou doutro e a cadansúa maneira, galeguistas. JM

Anónimo dijo...

Lembro aquel CIES, non sei se globalmente vinculado á APG -Daniel Pino si- e co que ao mellor o mesmo Rivas tiña algún contacto.

Eu daquela non lles facía moito caso amable, pero agora recoñezo neles o selo do nacionalismo -galeguismo, se se quere- que procuraba conciliar patrimonio, tradición e modernidade. En liña semellante andaba eu no ámbito da música. Como na idea de que os conceptos de conservador e progresista tiñan aplicación non mecánica nin mimética; que o tempo validaba posicións un día acusadas de reaccionarias, coma a defensa da paisaxe fronte á expansión industrial sempre preferente; ou o apego ao folclore musical; a certas pautas relacionais herdadas; ou a moderación no uso de plásticos e gusto por obxectos de cerámica e madeira; mesmo a preferencia oteriá polo porto en vez do vermú, aínda que isto sexa consideración persoal -miña- de agora, hai trinta anos grazas se había ribeiro ou chantada.

En fin, temas de certo risco nos que eu non adoito entrar, ou afondar, logo de experiencia un tanto desagradable. Morrison, pique aquí debaixo, no círculo de Nombre/URL, e xa lle apareza a casa para inserir o seu nome; o URL non é obrigatorio.

Anónimo dijo...

GALIZA NON SE VENDE está composta por moitos grupos e a asociacións que defenden o país e a terra. Non ten nengunha relación con grupos ou persoas violentas, nin quere que se identifique un movemento que nace para denunciar a grave desfeitaque que está a sofrir o páis do norte o sur e de leste a oeste.
Mañán estarei en Santiago e, espero que sexamos moitos os que civicamente gritemos pola defensa da terra e a conservación do noso patrimonio natural e cultural

Anónimo dijo...

Non entendo ben o artigo de Ferrín.

Seméllame que está a defender unha sorte de "ecoloxismo de campanario", que non vaia alén do local. Algo así como un pseudoecoloxismo de "non no meu patio de atrás". Ou sexa, que Ferrín é preso da síndrome NIMBY (not in my back yard).

Algo así fora o mitificado e mistificado caso de Castrelo de Miño, que tamén se mesturaba con reclamacións de que se pagasen máis as expropiacións.

Nada que ver co ecoloxismo e nada que ver a UPG daquela co ecoloxismo, xaora.

Anónimo dijo...

Gracias pola axuda, JDC.

Anónimo dijo...

Eu non lin así o artigo de Ferrín. Semella máis ben dicir que o "auténtico" ecoloxismo descúbrese agora, cando se encontra co nacionalismo de clase. E iso é o que eu discuto. Porque, se ben é certo que hai un ecoloxismo excesivamente melífluo, pouco hai no marxismo de ecoloxísta e moito de progresismo industrialista. E se o nacionalismo se leva ben co ecoloxismo non é por marxista senón por galeguista. Naturalmente que pode haber nacionalismo de todo tipo; tamén non ecoloxista. Pero a tradición dominante dende as orixes é de valoraciópn da pequena escala. É certo, Apicultor, que en Castrelo (onde, por certo, foi detido, torturado e condeado Carlos Barros, do PCG) se mesturaban todo tipo de intereses, pero iso acontece sempre, en todas as ordes da vida. O ideal é puro; a realidade é (afortunadamente) espuria.

Anónimo dijo...

Está moi ben defender que "Galiza non se vende", e eu apúntome a esa reivindicación.

Pero iso non debería ser antitético con que tamén haxa que ollar alén do local (de Galicia). Ou sexa, ollar tamén para as baleas ou para a deforestación do Amazonas. E seméllame que Ferrín non está moito por este labor. Mais, xa dixen, quizais o entenda mal.

Anónimo dijo...

O outro día dixéronme, non sei se é certo, que no Canadá precísase permiso pra cortar árbores. I ese permiso está supeditado ao feito de ter plantados previamente tres exemplares noviños por cada árbore adulto que se corte.

Xaime dijo...

Eiqui, Xohan pasa o mesmo cas botellas do viño: Denantes de abrir unha nova hai que ter bebido tres antes. Que aproveite.