Homenaxe a Curros Enríquez xornalista: o acto de Celanova (en telegrama)
O máis emocionante, quizais, Luís Emilio Batallán cantando “O maio”, “Nouturnio” e “A Rosalía”. Estreou tamén unha breve peza sobre un poema de Rosalía.
Batallán pareceume un tipo simpático (non o coñecía): mañá lle dedico o Pan por Pan.
Moi interesante tamén un video de ficción sobre a estrea do Himno Galego no Teatro Tacón da Habana, 1907 (fixérono para os actos de Cuba, creo). Con protagonismo tamén de Curros, que alí leu o poema “A Pascual Veiga”. Ben feito, chamativo, canto nos falta por facer no mundo visual!!
Os oradores fixemos o que puidemos nos dez minutos estritos de cadaquén. Fernando Salgado falou do Curros de “El Imparcial”, primeiro corresponsal de guerra, e da súa sona na prensa de Madrid. Eu, a seguir, do Curros no xornalismo de Ourense e Celanova: das súas relacións con Lamas e dalgún texto seu en “El Correo de Celanova”, contra o caciquismo, nun ton nidiamente rexionalista e chamando a borrar a fronteira que separaba Galicia de Portugal.
Xosé López explicou o seu labor en “La Tierra Gallega” e o nacemento dun xornalismo propositivo, non só informativo. Rosa Aneiros, do labor de Curros no “Diario de la Marina”, tamén de Cuba, e da forte atención que se lle dedicou na prensa e sociedade cubana á súa morte.
Rematou Alonso Montero abrindo o discurso coa súa infancia e un Curros que non coñeceu na escola, daquilo non se falaba, senón da boca dun zapateiro e un barbeiro de Ventosela e un tranviario de Vigo: cantaban eles poemas anticlericais de Curros. E Alonso empezou a coñecer e estudar ó de Celanova: dedicoulle traballos xa en 1952, nos primeiros “Grial” que pechou Juan Aparicio. Rematou Alonso falando da liberdade e afirmando que Curros hoxe conmemoraría a figura de Isaías Carrasco e condenaría a inhumanidade (“peor que a de Franco”) da alcaldesa de Mondragón.
Presentou todos os oradores e o fío xeral do acto Gregorio Ferreiro Fente.
Amables e sempre eficaces o alcalde de Celanova e Antonio Piñeiro, que achegaron dende a Fundación a infraestrutura necesaria.
No xantar multitude de anécdotas, que quedan para a outra ocasión: falouse de temas tan diversos como Joaquín Sabina, os mariachis, o exilio mexicano ou o fortísimo debate sobre quen foi o mellor gaiteiro do país (o de Ventosela?, o de Penalta?, o de Soutelo?). Alonso dedicou palabras garimosas a Faustino Santalices, a quen coñeceu ben. Estiveron no xantar tamén, ademais de todos os citados, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística.
Nos actos de mañá vimos tamén por alí algunhas caras amigas: Andrés Mazaira, Baldomero Moreiras, Acisclo Manzano, Luís Menéndez, Mani Moretón, etc.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
11 comentarios:
Conte algunha anécdota para aliviar un pouco o sábado de reflexión.
Unha pregunta de quen ignora o labor xornalístico de Curros: ten moito sentido parcelar a súa obra periodística cabeceira por cabeceira?
Non parece, a priori, mala opción de estudo. Pense noutros autores que escribían de xeito distinto según o lugar onde o facían. Non fai falta engadir con outros lectores.
Tamén con toda a ignorancia do mundo sobre o labor xornalístico de Curros.
Non sei se será este o caso. Coido que Curros non foi de heterónimos. Pero, en fin, non sei. Por iso pregunto.
Non me refiro a heterónimos. O Vázquez Montalbán do Interviú era algo distinto do que escribía en EL PAÍS.
O máis probable é que me trabuque, pero teño a lixeira sensación de que Curros fixo un xornalismo bastante semellante en todas as cabeceiras. Pero seguro que dicir isto é unha temeridade e que eu estea confundido.
Ben, imos por partes. Curros usou algún heterónimo, pero non de xeito usual, segundo teño entendido. O do estudo das cabeceiras por separado é unha cuestión de metodoloxía: é tamén, obviamente, de maior facilidade para os investigadores. Convén coñecer ben os detalles para logo achegarse ó conxunto.
E estamos lonxe de coñecer o conxunto. Curros escribiu moitos tipos de colaboracións nos xornais e estivo nas redaccións duns cantos: foi periodista toda a súa vida. Dende poemas e artigos de opinión ata prosas de crítica literaria ou cadros costumistas: hai de todo, a min sorprendeume, p.ex., un artigo de Curros moi crítico co naturalismo de Zola ou outro moi convencional (tradicional) sobre a visión da muller galega.
Practicou sobre todo xornalismo político, iso é certo, pero en cabeceiras moi diversas: galegas, de Madrid, de Cuba, etc. Xornalismo case sempre progresista (republicano e federal ou rexionalista segundo as épocas), pero noutras tivo que colaborar en xornais conservadores, por motivos económicos ou o que fose: tal era, segundo Alonso Montero, o Diario de la Marina, de Cuba (eu non o coñezo, non podo confirmar).
En fin, que hai moito aínda que arar no xornalismo de Curros: daría para unha tese, no seu momento.
Pedía Arume anécdotas. Van dúas (e sexan respectuosos, por favor).
Unha, descubrín onte a querencia de Alonso Montero polos mariachis e coñece moi ben a biografía de Jorge Negrete. Contounos que os guerrilleiros da Coruña tiñan un Himno que usaba a música dunha das cancións máis populares de Negrete (non a lembro agora): así figura nos partes policiais da garda civil.Coincide nisto con Anxo Guerreiro, outro pcg histórico, a quen obsequiaron na súa homenaxe en Compostela cuns mariachis.
Da segunda, só vai o inicio. Algúns contertulios xa saben que o gaiteiro Faustino Santalices foi un dos meirandes ligóns da cultura galega. Seica tiña "grandes cualidades internas ó respecto".
A min tamén me gustan os mariachis. Nada me gustaría máis que ser un cantante (si, xa sei, vale) dun grupo de mariachis. Creo que se pregunta por este foro saen para varios grupos.
Sería polo xeito de mover o manubrio da zanfona. Seica.
Non me convencen os argumentos para parcelar cabeceira a cabeceira o estudo do xornalismo de Curros. Máis que por cuestión de metodoloxía, faise por maior facilidade e comodidade.
O lóxico, coido, sería estudalo por xéneros, independentemente do lugar onde estivesen publicados tales textos. Penso eu.
Por outra banda, Curros usaría pseudónimos, pero non heterónimos en sentido estrito.
Poden ser complementarios. Probe a facelos dos dous xeitos.
Publicar un comentario