8 mar 2008


O PARTIDO DE CURROS
Andoliña sábado 8 marzo (Imaxe: Curros no monumento de Asorey)
Onte celebrouse o centenario da morte do poeta Curros Enríquez, cun acto na Coruña no que participaron a Real Academia Galega e a Fundación Curros. Hoxe axuntarémonos en Celanova varios militantes do pce: non, non se asusten, xa sei qué data é hoxe, non fago propaganda. Falo do Partido de Curros Enríquez, en concepto acuñado con xeito por Alonso Montero, o partido dos admiradores da poesía e do ideal laico, liberal e republicano do vate de Celanova. Hoxe, neste encontro na súa vila natal, organizado pola Secretaría de Comunicación da Xunta de Galicia, reivindicaremos o seu xornalismo, o do home comprometido co seu tempo e cos máis desposuídos, o do poeta sempre pioneiro na loita contra todo tipo de fanatismo e de tiranía.
Non tivo o Curros unha vida doada, non: foi recoñecido e coroado como poeta e lido e aplaudido polas xentes, pero para gañarse a vida como xornalista, tivo que estar sempre a dar voltas, de Galicia a Madrid, de Madrid a Cuba: ó seu xeito morreu tamén no desterro.
Extraordinario poeta en todos os rexistros: o dogmatismo, no seu tempo da xerarquía eclesiástica, non logrou facelo calar. Non nos calarán, tampouco, os que derraman sangue inocente en Mondragón.

3 comentarios:

Xaime dijo...

Marcos, en actos como no que vai a estar hai que reivindicar a liberdade, eso que Curros perseguiu e non acadou. Reclameo por nós.

Xaime dijo...

Esquenciao, delle un abrazo a D. Xesús da miña parte.

Marcos Valcárcel López dijo...

Don Xaime, da liberdade falamos nese acto case todos, dun xeito ou doutro. Alonso Montero foi o máis explícito convertendo, dende a súa retórica ben coidada, a Curros nun defensor das liberdades polas que morreu Isaías Carrasco e das que se mofa con reiteraición a alcaldesa de Mondragón e os seus compañeiros de ANV.