Paseo a Outariz, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 15 marzo. Fotos: Pepe Trebolle)
O outro día fun dando unha volta deica Outariz. Ida polo lado de Canedo, cruce da nova pasarela e volta pola parte de Reza. De paso que andaba polo paseo do Colesterol ou das Ninfas, ía bendicindo a sorte e a sabedoría de termos volto nesta xeración os ollos ao río, aos ríos (aí están tamén o Loña, o Barbaña, o dos Ponxos... ), de termos redescuberto as nosas posibilidades de lecer termal. (Non quedan lonxe os anos en que baixaban os soldados máis señoritos do rexemento Zamora número 8, do cuartel de San Francisco, a bañárense nos baños do Outeiro onde eu teño ido tamén copando clases no Colexio Universitario para disfrutar das bañeiras de mármore dunha peza e das inmensas toallas brancas, moi zurzidas, que arrecendían a xabón Lagarto.Paseos das beiras dos ríos. Milleiros de persoas que pasean lonxe da Rúa do Paseo. Xubiladas remozadas que poñen a gorra ao revés, atan a chaqueta á cintura e moven os brazos rápidas como nos campeonatos da tele. Ciclistas equipados como para o Tour de France, arfando. Xubilados vellotes que pousan no banco e charlan, non máis alá do Tinteiro. Deportistas do footing que pasan bafexando -seica saúdablemente- mentres ti pasmas vendo cormoráns pousados nun penedo no medio do río...Mozos e mozas collidos da man que se miran con ollos de ollomol ao tempo que asentan os seus reais na beira do río, alí por Reza, coa cidade ao lonxe... Pais derreados agarrando pequenas triciclos de ditadores aínda minúsculos... Outra vez o mesmo ciclista que volve pasar veloz... Auguistas chupóns de poza termal -non me movo de onda o chorro en toda a tarde- e outros máis repectosos coa alternancia bañística. Iguanas humanas que se torran ao sol do mes descoñecedoras de que o sol de marzo queima a dama no palacio...Millóns de horas de palique comunicación e benestar dos paseantes... Presumindo de cidade. Cando vén alguén de fóra e o queremos agasallar, imos con el ata a Chavasqueira e Outariz. E todos abren a boca e nós sentímonos orgullosos. ¿Que non temos mar? ¿Para que? A cincuenta minutos. Aquí temos fontes termais, paseos de veciños e amigos. Parada e caña -ou auga a un euro a botella- nas terrazas de Outariz. Tren chuchú como alterntiva ao excesivo desgaste da sola. Ademáis con isto do cambio climático, acabamos por descubrir que non eramos as humidas, chuviosas e neboentas Illas Casitérides onde os gregos buscaban estaño, senón unhas máis das illas Canarias. Que guapos saímos o outro día na tele, no programa ’Ciudades para el síglo XXI’. Cando sexa maior quero vivir en Ourense.
8 comentarios:
Un artigo moi bonito. Danme ganas a min tamén de ir vivir a Ourense cando sexa maior.
Precioso!
Por certo houbo un soldado no cuartel de san francisco que ademais de pasear pola cidade,escribiu poemas. Refirome a Jaime Gil de Biedma. Este pasou unhos meses na nosa cidade e escribiu nesa epoca un poema adicado o seu amigo Carlos Barral
Gustavo Peaguda
Creo que pronto veredes as Fotos colgadas.
Non son tam boas como artículo, pero me parece gustarán.
Trebi
Un lindo artigo.
As fotos xa están colgadas.
Para GUSTAVO PEAGUDA: ten vostede ese poema "ourensán" de Gil de Biedma localizado? Xa me teñen preguntado por el. Agradeceríalle referencia concreta.
Xa estan as fotos colgadas
porque o Trebi xa as mandou.
Xa están as fotos colgadas
por que o Trebi xa as mandou.
Trebi, Trebi
Trebiño por quen eu morro!
Quero mirarme
nas "meniñas" dos teus "ollos"!
(Meniña: obxectivo da cámara fotográfica.
Ollo: cámara fotográfica.)
Non me deixes (sen fotografar)
e ten compasión de mín!
Sen tí non podo,
sen tí non podo vivir!(sen fotos na prensa non eres ninguén).
E fixo ben!
E fixo ben!
Sen fotos de prensa non eres ninguén!
Un saúdo desde Murcia. Tomarei un par de matrimonios á súa saúde.
Publicar un comentario