27 mar 2008

Queixumes, de Bieito Iglesias (ECG 27 marzo)
Imaxe: Procesión de noite, 1917, de Gutiérrez Solana

Corren días propicios á efusión sentimental. As confrarías andaluzas engradan de todas todas, tanto se choven picarañas e non saen os Pasos en comitiva, como se logran desfilar e tirar da emoción a poder de "levantás" e "chicotás". Hai unha lóxica nese mar de bágoas porque a Semana Santa naceu co barroco, un estilo que exalta o patetismo. Tamén saloucaron algunhas mozas belidas e valencianas ao ver arder as grotescas figuras de cartón, en luminaria que coincidiu coa súa abdicación a favor das raíñas das Fallas do ano vindeiro. Mesmo sospeito que imparon coa saudade da década prodixiosa certos peregrinos que se achegaron a Santiago montados en Lambrettas fabricadas en Eibar nos anos sesenta. Como dicían as nosas mamais (acompañaban o dito cun azoute ben dado) cando engurrabamos o bico sen motivo, de pura netorría: "A chorar, chorar por algo". Porque ocasións de nifrar sobran, abonda con computar os mortos nas estradas en operacións saída e retorno, manobras que a xulgar polo número de baixas parecen emboscadas militares; ou co terrorismo machista, que xa alcanza proporcións de praga bíblica e iguala varias urbes destas latitudes con Ciudad Juárez, capital mediática do uxoricidio.
Postos a chorar como nenos de embigo atado, sería cousa de iniciar o pranto pola prosperidade perdida ou en transe de recuar diante da crise económica, que seica vai deixar por portas aos pobres e aos ricos sen forrollo. No entanto a xente "aínda ten pernas" (dise así dos magnates que sofren un revés da fortuna pero sempre contan cun bo peto para investir noutro sitio) e saíu a escape nestas vacacións pascoais sen ansia ningunha polas hipotecas e a desaceleración inmobiliaria. Para unha maioría, só haberá crise cando os millonarios dean en chimparse desde os andares oficinescos dos rañaceos, tal como sucedeu no crack de 1929.
Mentres non chovan brokers do ceo, ímola virando.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

A foto que me impresionóu do "crack" do 29 é aquela na que se ve a un empresario ofrecendo emprego, e subastando á baixa o salario ante unha multitude de obreiros aspirantes.

Anónimo dijo...

¡no te jode!

Xaime dijo...

Que le jode amigo ?.
Si é por que segue a chover, non se preocupe, que nunca choveu que non escampara, e si non está contento tómese un dobre con xeo a miña saúde.

Anónimo dijo...

Parece ser que non foron tantos os que se defenestraron a sí mesmos. Unha lenda urbana e ademáis de nova iork.

Anónimo dijo...

Pois segundo Verán do 42, contra o final, aínda serían. Non fixera tal, alí, o pai fílmico do Warren Beatty?

Anónimo dijo...

Estupenda banda sonora esa.

A Xustiza déulle a razón a Baltar no caso da finca Santamarina, ao parecer. Eso sí que "jode" á ciudadanía.

Anónimo dijo...

E xa que falan de chover homes, dedícolles esta, pra que se animen:Están chovendo homes,Aleluia!.