21 abr 2008


A aventura do Volter (e 2)
La Región 21 abril 2008. Imaxe: "Do circo", de X.L. de Dios, 1985.

Poetas. Ó carón dos murais dos artistiñas, dos que falei o luns pasado, estaban os poetas. E, dende logo, o apartado poético nas paredes do Volter non era menos importante que o artístico. Aqueles muros enchéronse de poemas de Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña, Antón Tovar, Xocas (Xoaquín Lorenzo), Carlos Casares, Méndez Ferrín, Carlos Velo, Curros Enríquez e Vicente Risco. E tamén breves composicións de autores ourensáns como Ernesto G. Del Valle, Julio López Cid, José Luís López Cid, Carlos Casares, Pepe Romero, Gimeno e M. F. Sampayo, entre outros. Moitos anos despois, en 1975 e 1976, alí se celebrou o certame de poesía O Volter e os premios foron outorgados ós poetas Millán Picouto e Ánxeles Penas, que os viron tamén reproducidos nas paredes.

Vicente Risco. E no centro de todo este movemento cultural, Vicente Risco. O creador ourensán encabezou os máis importantes faladoiros do Ourense da posguerra e imprimiu neles o aceno da súa forte personalidade cultural. Risco estaba entre os habituais da tertulia da Peña dos Sabios, que se xuntaba no café do retaurante Roma, na rúa do Progreso, e logo, ó desaparecer ó Roma, no café La Marquesina, no Paseo. Nesa xeira andaban, con Risco, Prego de Oliver, Faílde, o escritor Ernesto Gómez del Valle, os irmáns José Luís e Julio López Cid, Julio Gimeno, Segundo Alvarado e Ricardo Outeiriño, entre outros.

39 comentarios:

Anónimo dijo...

A min o que en realidade me interesa coñecer non é tanto o que falaba, senon o que bebía don Vicente cando estaba no Tucho (O´Volter) cos artistiñas ourensáns.

Outrosí, se era ou non o mesmo que tomaba no café do restaurante Roma ou no d´A Marquesina, ou se variaba de beberaxe dun lugar a outro dependendo da hora do día e dos contertulios presentes.

Ou sexa, cales eran os seus hábitos bebibles, pois os comestibles ben se ve polas fotos da época que non había ser nin moitos nin moi abondosos.

Coido que, dado que á hora da verdade o home é o que come e o que bebe, averigüando tales datos quizais poidésemos abrir unha nova e froitífera liña de investigación sobre a auténtica natureza do poliédrico, polifacético e misterioso don Vicente Risco.

Anónimo dijo...

Apúntome eu a esa petición. Aínda que habería que engadir outros verbos aos de comer e beber. Pero non son horas.

Anónimo dijo...

Penso, en consecuencia, que sería pertinente formar un equipo que levase adiante un Proxecto de Investigación financiado pola Xunta de Galicia (con permiso de don Carlos Pajares) e que tivese como Investigador Principal a Xoán da Coba, e como membros do mesmo a Arume, a Trebi, a Saavedra, a vostede e máis a min.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois eu tamén me apunto a ese equipo de investigación. Podemos pedir asesoramento a Xavier Castro, que anda coas cousas gastronómicas. E mesmo extendelo ó conxunto do galeguismo: que comían e bebían os galeguistas históricos?
Sabemos que don Ramón lle daba ben ó xamón, velaí o seu poema; e os novos daquela, como don Paco del Riego, aínda hoxe se defenden.
Sospeito que don Vicente Risco era moito máis austero: e, se así non fose, onde o metía...?

Anónimo dijo...

Primeiro, e antes de deseñar o Proxecto de Investigación, tiñamos que decidir o nome do mesmo.

Un título impactante e orixinal que dese conta da orientación metodoloxicamente multidisciplinar que necesariamente tería que guiar o Proxecto.

Por certo, no equipo tamén podía participar Jim Morrison, habida conta a súa contrastada experiencia co tema (da bebida, of course).

Anónimo dijo...

Déixese de asesoramentos innecesarios, don Marcos. O noso é un Proxecto de Investigación multidisciplinar, e con iso está dito todo.

Anónimo dijo...

Así, a fume de carozo, ocúrreseme como titulo provisional, e a falta doutro máis acaído, o seguinte:

Rethinking the drink and the art: a multicultural and transdiciplinar approach to Vicente Risco and young artists of the Ourense chiringuito´s.

(Ben, xa Da Coba o porá nun ingrés máis oxbridge)

Anónimo dijo...

Eu creo que esa cuestión, "Onde o metía?", merece un epígrafe aparte, se cadra en apéndice.

O que non falta, xaora, é documentación gráfica de paparotas. Xogos florais á virxe de fátima tamén habería, pero de simposia báquicos está a cultura galega chea (nunca mellor dito).

Marcos Valcárcel López dijo...

E un capítulo, máis ben groso, para don Álvaro Cunqueiro. Festas gastronómicas como a do Albariño ou os Vikingos de Carnota creo que tiveron que ver algo con el. E, da súa man, Xosé María Castroviejo (nas fotos habería máis dunha con esta tríada: Cunqueiro-Castroviejo-Fraga).

Anónimo dijo...

Veñan ou non moi a conto, non hai dúbida de que o Proxecto de Investigación debería vir encabezado por senllas citas de Homi K. Bhabha e Gayatri S. Spivak.

Impacta moito aos avaliadores do Proxecto e supón financiación segura.

Anónimo dijo...

Hai que meterlle traducción aos nomes: Vincent Risk and the very little young artists.

Anónimo dijo...

"Andamos coa sementeira do estoico e nobre centeo e a recolleita do millo canso e presumido. O meu vivir é sinxelo. As mañáns algún treito de libro -un Hegel moi ben comentado, algo da Antoloxía grega, notas para a historia de Galicia XVIII-XIX, xantar de ovos, algún chourizo con cachelos ou castañas, mazás fresqueiras, un soio vaso de viño, o café lembradoiro; polo serán uns dous kilómetros para os fondales da Ribeira ou millor para as acrópolis de penedos metodicamente desfeitos polos canteiros. A noite algunhas coartelas de algunhas das cousas que se van compoñendo soias. Cea de legumes e peixe. A noite... A casa é un navío. É ás veces terrible..."
(Don Ramón Otero Pedrayo. Extracto de carta a Franco Grande, 24-X-1958. Fonte: Os anos escuros, I, páx. 131).

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

"Algo da Antoloxía grega": que lería? O libro V? Non me estraña, logo, o xantar.

Anónimo dijo...

Don Ramón Otero Pedrayo, don Xosé M. González, don Arume son
GOD

Grazas.-

Anónimo dijo...

Estou fascinada con vostedes, grande decubrimento este para min. Pasen esta mesma semana pola consellería, elixan unha delegación e falaremos de contado, a subvención xa a teñen.

Anónimo dijo...

Profesor González: Preciso urxente comentario de texto....


COMENTARIO DE TEXTO

Anónimo dijo...

Pódolles asegurar que, o Ribeiro do Tucho non lles era tan bo como a "Coleccion Costeira" o "Arsenio Paz" e "Emilio Rojo" que bebemos ahora.
Todo tempo pasado non foi mellor

Anónimo dijo...

anónimo anterior é TREBI
nON CONTROLO HOXE O "tERBELLO"
tREBI

Anónimo dijo...

Ë non pensen que tomei
OREMUS , nin COSTEIRA
Trebi

Anónimo dijo...

A cousa gastronómico-etílica dos galeguistas é un tema interesante. Peores proxectos teñen sido financiados polos asnócratas de turno.

Eu apúntome ao proxecto. Só pido para min un deses portátiles "mazíntox"

Nese sentido, Fraga debía ser un adiantado do galeguismo do arroto, porque xa in illo témpore acaneaba o súa apeonzado arrombamento en todas as paparotas.

Franco, o símbolo do rexime, non. é ben sabido que a súa cea consistía nunha tortilla francesa, unha fanta, e de postre un nescafé. Triste vida a dos ditadores.

Anónimo dijo...

Non era fanta, que era Mirinda. Fernández Mirinda. Don Torcuato.

Anónimo dijo...

A modiño, a modiño, que agora até os anónimos se apuntan aos proxectos de investigación, o cal é contraditorio nos seus propios termos.

Imos ver, señor Anónimo, que parcela multidisciplinar donima ou domeña? Informática e estatística? Química orgánica? Dinámica de fluídos? Análise de redes (de pesca, of course)? Gastronomía ou Xeoloxía? Estudos post-colonais? Socioloxía da arte à la vella usanza Hausser? Dialoxía batjiniana? Teoría de polisistemas?

Ten que aclarar estas dúbidas se quere formar parte do equipo e ter un Makintox de coloríns. Home, que non todo vai ser chegar e encher, que logo formamos parte do 30% e non é plan. Aquí vense a currar, ou como vai ser?

Anónimo dijo...

Vaia preparando un índice e un cronograma para o proxecto. Eu xa me apunto a facer un pequeno artigo sobre a presencia iconográfica do sifón nas fotografías de enchentas culturais ou farturas artísticas. Sobre o falocentrismo (ou bizarrías semellantes) do cigarro habano postpranzo tamén conviría falar.

Anónimo dijo...

Eses son, naturalmente, dous temas inesquivables nunha investigación multidisciplinar que comece co título Rethinking....

Podería, de paso, doutor Arume (hai que tratarse mutuamente de Ph. Doctor, por suposto), propoñer un título acaído para eses dous temas tan seminais e semanais.

Anónimo dijo...

Era Fanta. Infanta Elena (a lista) e a Cristina (a guapa), ou é o revés?

Xa lles mando o cevé por triplicado. Tamén me encargo da bibliografía, na que citaremos desde McLuhan até Andy Warhol pasando por Xavier Sala i Marín (un servidor de vostedes). E tamén podo levar o tema dos gastos. Aviso: aquí non fai fotocopias nin Deus sen me pedir permiso, e de congresos en hoteis de tres estrelas, rien de rien: pensión, hostal ou hostal-residencia. Bocatas, nada de comer á carta. Os billeres, do Castromilis, e se é fora da xurisdición galega, billete no Alsa.

Anónimo dijo...

Dedicado ao sr culé dos Piñeiros:
Páxina do forofo Xavier Sala i Martín
http://www.columbia.edu/~xs23/Indexmuppet.htm

Anónimo dijo...

Doutor Api Cooltorp:
Velaín van:
1. O sifón como pantócrator: iconografía(s) simposiaca(s) no(s) Círculo(s) Auriense(s).
2. A habanidade falófila: unha proposta de introducción (ou non) á teoría da metáfora lasciva inter Nós e epígonos/as.
Con esto xa vou pedindo dietas, non si?

Anónimo dijo...

Eu son especialista en dicer como se soubera o que non sei.

Anónimo dijo...

Medela, unha breve nota interpretativa.

Ecdoticamente non parece haber elemento de interese, sendo texto casual e manuscrito. Pragmaticamente advírtese un afán de síntese (debido a formato do papel e presumido hábito dos procurados lectores) que podería introducir algunha confusión, dado que sen variar a disposición case puramente telegramática pásase (na terceira liña baixo o título) do campo semántico material ao de moral e competencia empresarial.

Canto ao texto en si, elúdese o uso de tiles. Hai un titular en amplo corpo que remarcan ademais unhas comiñas algo desconcertantes; tendo en conta a semántica estrita do substantivo, e o limitado da suxestión en si, é dado supoñer que encabeza por ser a primeira palabra, entendo que sen outra connotación a non ser que tal exista nun ámbito local que descoñezo. Canto ao corpo do texto, "abujardada", "laja" e, posiblemente, "taco" puntualizan formato e traballo do material indicado na primeira liña. Como nota complementaria, se cadra innecesaria neste auditorio, digamos que, segundo o diccionario da RAE, bujarda é "martillo de dos bocas cuadradas cubiertas de dientes, usado en cantería". E abujardar "labrar la piedra con bujarda".

Isto é ás veces valorativo, hai pouco método e faltan datos; pero ando escaso de tempop. Sempre á atención, dilecto Medela.

Anónimo dijo...

DIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRO

¡O espadeiro! ¡Acios mouros, cepas tortas,
follas verdes, douradas e vermellas,
gala nas terras vivas de Castrelo
nos Castelos de Oubiña e nas areas
de Tragove e Sisán, do mar de Arousa
e o Umia cristalino nas ribeiras!
¡O espadeiro amante! ¡O viño doce!
¡Alegría de mallas e espadelas,
compañeiro das bolas de pan quente
e as castañas asadas na lareira!
¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron
en namorantes páxinas sinxelas
os antigos abades do mosteiro
de Xan Daval, na vila cambadesa,
aqueles priores leigos e fidalgos,
mestres na vida, na virtú e na ciencia,
que sabian -¡ouh tempos esquencidos!-
cantala misa, escorrentalas meigas,
acoller e amparar orfos e pobres,
rir coas rapazas, consellalas vellas,
darlle leito e xantar ós peregrinos,
pechar por foro as portas da súa igrexa
á xusticia do Rei, cobralos dezmos
e dispoñer vendimas e trasegas!
¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño,
sangue do corazón da nosa terra,
que arrecende a mazás e a rosas bravas,
quence os peitos e as almas alumea,
e sabe a bicos de mociña nova,
aldeana e triqueira!
¡Como canta ó caír nas brancas cuncas
desde as pintadas e bicudas xerras!
¡Como latexa e brilla ó coroalas!
¡E como loce e ri cando as adreza,
asemellando fíos de rubises,
cun rosario de escumas sanguiñentas!
Cando nas mornas tardes de romaxe
vai na alombada pipa taberneira
ó souto que se estende ó pé da ermida
onde as campanas repinican ledas;
Onde axordan os fogos de tres tronos
e ó son da gaita a moceda tolea,
é a alma do galán verba maina;
de labradora e viril maxeza,
que o mesmo se derrete coas rapazas
que arma sin máis nin máis unha quimeira;
solta un “¡Ei, carballeira!” erquendo a moca
e facéndose atrás, e… ¡adiola festas!
Cando o xeado inverno alonga as noites
e en santa paz, ó pé do lar, se axeitan
mozos o vellos, desbullando o millo,
dándolle ó fuso ou restelando teas,
o espadeiro é o espirito do petrucio
de garimosa fala churrusqueira,
de mans de prata e lombo acorcobado,
queixo tembrón e neve nas guedellas,
que chiscando os olliños contra os mozos,
pondo ás rapazas cores nas meixelas,
sabe contar os divertidos feitos
e as antigas historias que comenzan:
”Unha vez, unha nena e mais un frade…”
”Tiña, naquel entón, un paxe a reina…”
¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño
das noites mozas! Claridá de estrelas.
O aturuxo zoando nas quebradas…
Mozos… Pandeiros… Un amor que empeza…
Aromas das carqueixas e do trevo…
De man en man, a bota carreteira…
Unha cantiga ó pé dunha ventana…
¡Detrás dos vidros, Ela!
¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente
sangue do corazón da nosa terra!
¡Acende os corazóns dos apoucados!
¡prende lume nas almas, viño celta!
(Ramón Cabanillas)

Para divagación colateral, ou actividade lúdico-congresual.

Anónimo dijo...

Fixen unha cala en Mitteleuropa dunhas cen páxinas: uns dez minutos. Eis o resultado:

Café con leite en Miranda de Ebro.
Cocido de fabas, patacas e verdura (sen unto e con manteiga) en Hendaia.
Café con leite, manteiga, almorzo tamén en Hotel de Hendaia.
Un Porto en Soasaín.
Caldo, fígado fritido e compota antes de saír do País Vasco.
Ovos, xamón, cervexa en París.
Café (varios) no Deux Magots.
Ollomol támén en París.
Un café infame en Alemaña ("non falemos del".
Sopa, prato (bisté a inglesa con patacas: "non puiden con el") e postre.
Fabada asturiana na Pensión Latina en Berlín.

Anónimo dijo...

Obviamente (non é a única vez), don Vicente era un europeo (navega sen problema pola variedade alimentaria) meridional (non soportou aquela achicoria teutona) e se cadra un algo escaso para as carnes. Deduzo isto último, se cadra abusivamente, da coñecida imaxe fotográfica e a fartura no penúltimo episodio.

Anónimo dijo...

Demasiadas graxas e demasiada comida indixesta. Demasiada cafeína para o noso filósofo tántrico-medoñento. Demasiado flato sen poder saír. Os resultados, xa os coñecemos.

Anónimo dijo...

Pois se cadra era a dieta tamén, verbi gratia, de Meyer-Lübke. Digo por mencionar unha ilustre referencia da mittelviaxe, e sen ter nin idea do que comía o filólogo; nin bebía.

Aínda que algo pesado si que parece, si.

Anónimo dijo...

Dío pola referencia de Meyer-LÜbke ao "Galizisch" como dialeuto do portugués?

Anónimo dijo...

De Europeo meridional non moito, porque o retrato de Castela... En fin, Pilarín.

Anónimo dijo...

O da fabada foi antes da discusión sobre marxismo con Tobío e Fernández Armesto e antes de ver aos camisas pardas.

Anónimo dijo...

Ver os camisas pardas foi para él, sen dúbida, un descubrimento, unha fascinación. A partir de aí empezou a ser alguén.

Anónimo dijo...

Algo uniédricos se me poñen, aparenta. Máis ca min se cadra incluso.