10 abr. 2008

Hunos e outros, de Bieito Iglesias (ECG 10 abril, Pan e coitelo)

O sábado pasado apañei un comboio regional (mágoa non poder montar no expreso de Santa Fe, que decora a estación de Santiago nunha réplica miniaturizada) para achegarme á costa onda o meu camarada Xulio Gaioso. Amais de desfrutar a compaña da súa familia e amigos e de admirar a súa arte de narrador en imaxes (mostroume en primicia a aventura de certo pirata que axiña arribará a Pontevedra no galeón Blue Maiden), falamos do divino e do humano. Contoume que por un instituto daquelas redondezas do Salnés pululan bípedes noviños de aparencia antropomórfica que dedican os recreos a meterse cunha alumna inmigrada: "Puta china!" É moi posible que os avós deses xenófobos padecesen en Suíza ou Alemaña un discurso racista que asociaba o éxodo galaico cun fato de crebafolgas a traballar longas xornadas a troco de modestos salarios, en prexuízo da clase operaria autóctona. Se cadra son descendentes dunha muller coraxosa que marchou gañar a vida a Venezuela a finais dos cincuenta ou primeiros sesenta, cando nas telenovelas daquel país non faltaba a personaxe da galeguiña analfabeta que exercía de mucama ou nurse e zarapallaba un castelán de chiste.
Se os chineses, traballadores sufridos e discretos -unha especie de galegos- que non piden nos semáforos nin asaltan chalés, reciben semellante trato, que lles espera a outros inmigrantes de hábitos menos laboriosos e máis barulleiros! O que en USA chaman "lixo branco", querse dicir a xente cuxo único mérito é a pel caucásica, necesita identificar alguén inferior para non amoucharse coa súa propia inepcia. Consólase pensando -consolo de burros- que existen castes máis ruíns, sexan amarelas, acobreadas, pretas ou un chisco trigueiras (calés).
Eses días de atrás vimos no televisor unha horda leucoderma que quería bater no alcalde de Poio, acusándoo de aloxar ciganos no seu arrabalde. Á vista dos moradores adoecidos, parece que o tal barrio é máis perigoso que a pior favela.

3 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

O paradóxico do asunto que trae Bieito á palestra non ximnástica é que máis ca leucoderma a pel dos que se manifestaban tiña unha cor lívida pola infamante ira que os dominaba. Pero o curioso é que, pacificada a ira, moitos deles tiñan unha cor bastante semellante á que os xitanos lucen.
É dicir que cousa de cor de pel non ha ser: máis ben de celebro ou de ausencia de tal.

Nesa casa do Gaioso cócense, logo, boas fabas. Seica.

XDC dijo...

Fai un tempo, vin cómo un funcionario da policía de inmigración , de paisano,lle pidía os papeles a unha chinesa, na rúa, en castelán. A rapaza, que non entendía, trataba de zafarse del, pensando, sin duda, que era un acosador . Él continuaba, cada vez en voz máis alta, e máis enfadado, pedíndolle a documentación. Creo que o mínim que se lle pode pedir a ese tipo de funcionarios é que sepan pedir a documentación en varias línguas.
E ten razón o Sarille neso de que os chineses son "unha especie de galeguiños". Esa "filosofía da autoexplotación" dos chineses, era frecuente entre os galegos emigrados.
Que dí, Arume, que é cousa da cor do celebro?.
Cisne cerebro negroooooo
Cisne cerebro blancoooooo...

XDC dijo...

E, tamén pra vostede, Arume, esta versión de ciganos: PREMER.

Prende questa manoooooooooo
zingaraaaaaaaaa