18 abr. 2008


Manuel de Dios

tamén falamos esoutro día aquí
do músico, poeta e compositor,
director da Coral de Ruada durante tantos anos,
Manuel de Dios.
Por iso recupero esta súa caricatura, feita por Carlos Quesada en 1995.
Velaí van tres dos seus poemas, todos tres incluídos na miña escolma "Ourense, craro río, verde val" (Concello Ourense, col. Auria, 2001)
O CRISTO

Nautilo da Fisterra. Bou doente
amargullado no peirao do pranto,
cobrir quero o teu corpo co meu manto
para che ripar os cravos do relente.

¿De ónde ves? ¿Quén é a tua xente?
¿Por qué mar de tristura e desencanto
viñeches acougar a este recanto
onde naufraga en tebra a luz do abrente?

Choran os sinos e salaia o vento.
Mentras se troca en pena e sentemento
o sono da cidade estrelecida,

eu vou pola noitiña acobardado,
sen che poder valer, Cristo mourado,
sen saber qué facer da miña vida.

AS BURGAS

Para seres fonte, tes o encantamento
dunha estrela dormida na ribeira.
Fonte da Burga. Fonte da Barreira.
Flor de fontes na pedra do moimento.

Din que pasas co paso medoñento
polo Cristo da negra cabeleira
e que levas, morniña e rezadeira,
un salaio de amor no teu alento.

O corazón de Ourense é unha fonte
que ceiba o latexar do Cristo á Ponte
nun rebrilo de prata e limoeiro.

Cando se poña o día tras da serra,
eu quero que me enterren nesta terra
na lentura da Burga, compañeiro.

A PONTE

Pente do vento. Xugo da saudade
que choran os teus ollos entre os montes.
Ponte de pedra, catedral das pontes,
espadela do pranto da cidade.

Ancorada no sono. Mocidade
brincadeira de ríos e de fontes.
Pomba devanadoira de horizontes
que voa dende o tempo a eternidade.

Cantas veces de neno eu perseguía
na ribeira do río a algarabía
dos vencellos no ar engaiolados.

Fuxiron os paxaros pola noite,
e non hai, ponte vella, quen escoite
os seus chíos no tempo sulagados.

5 comentarios:

d´Agolada dijo...

ola, acabo de coñecer o teu blog, paréceme moi interesante. Non me soa de nada o nome de Manuel de Dios aínda que hai que recoñecer que a caricatura está moi ben feita. un saúdo.

marcos valcarcel dijo...

Pois benvido amigo D´agolada.
Manuel de Dios é unha excelente persoa, músico, poeta, compositor. Esoutro día emocionounos a todos na praza maior dirixindo a súa coral "Vellos Amigos" e o seu poema "ó lonxe Ourense". Se lle gusta a música hai un CD con ese e outros temas seus, faría ben en procuralo. Saúdos.

XDC dijo...

Amigo D´Agolada: grazas por lembrarme o estupendo merendeiro que hai aí, ao lado da Pontenova. Con esta chuvia apetece un churrasco. Igual me chego.
O Cd "Vellos Amigos" pódese conseguir no "Tía Matilde", un mesón que hai na Lonia, en Ourense. Eso, si non se lle acabaron ao Olegario, claro.

XDC dijo...

Agora lembro que nun programa nocturno na radio galega, fai anos, toquéi unha vez en directo, fora de guión, espontáneamente,unha canción de Manuel de Dios. Cando iba polo medio, dinme conta de que non anunciara a ao autor. Penséi: cando remate, digo que é de Manuel de Dios. Pero era o final do programa e o técnico fixo "fade out" (desvanecido do son) contra o final da canción. Non creo que se enterara o autor, debido á deshora da emisión. Pero confésoo agora. Imaxino que non haberá problemas cós dereitos de autor.

Anónimo dijo...

¿No galleguiza el apellido? ¿Manuel de Deus ?