30 abr 2008


RONSEL DOS LIBROS. OLGA GALLEGO.
(La Región, 26-6-2001. Recupero esta columna, a propósito do premio Trasalba a Olga Gallego, publicada cando saiu o seu libro sobre a cidade de Ourense).

Gustaríame que esta columna fose hoxe lida non só polos amantes dos libros, senón tamén por todos os lectores do xornal e pola maioría dos ourensáns, porque vou falar dun libro que debería estar en casa de cada cidadán de Auria: “A cidade de Ourense. Unha visión a través dos séculos”, de Olga Gallego Domínguez, publicado polo Museo Arqueolóxico como Anexo 27 do Boletín Auriense. Este é un libro que a autora nos debía ós ourensáns hai tempo e no que se resume case toda unha vida de traballo, entregada á esculca de documentos medievais e protocolos notariais, integrando ademais os seus traballos anteriores e doutros autores (Ferro Couselo, López Carrera, Fariña Busto e un longo etc.). O resultado é un fermoso traballo, nunha moi coidada edición (mágoa non ter incluído unha bibliografía final), que nos fala das raíces da cidade, moi singularmente entre a Idade Media e os comenzos da Idade Contemporánea (1812).

Todo colle nun estudo deste tipo: a estrutura do casco urbano; os seus complexos defensivos; as casas nobres e as casas campesiñas; o Cárcere da Coroa, a Casa do Peso e a Casa da Alfóndiga; os colexios, as igrexas e as ermidas; os cruceiros e os fornos; os muíños hidraúlicos e os cemiterios, etc. Un rico tesouro documental estudado con rigor e agarimo. O lector de Auria debería achegarse ó volume como quen abre o álbum de fotos familiar: velaí aquela forca do Codesal que se caiu cando mandaran aforcar dous homes, as tabernas pechadas no século XVIII, as vodas e os enterros...

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Revolvendo nas miñas estanterias: apareceume "AS BARCAS E BARCOS DE PASAXE DA PROVINCIA DE OURENSE NO ANTIGO RÉXIME".
Pero "A cidade de Ourense", xa está neste momento encargado.
Trebi

Anónimo dijo...

Na Galiza o dos premios é típico dunha sociadade estamental. De seguir así un manto de aburrimento cubrirá toda a escena cultural, entón será o momento no que o español virá a animar a cultura, a vivificar o intelecto, a refrescar o tedio no que a cultura galega se sumiu protocolariamente, académicamente,caciqueadamente, e mentres, de costas ao latexar aillado. Non pode ser, que algo viva nun pais que da cultura só celebra o que foi ou o que administrativamente pode ser. mellor afogar a súa vitalidade porque denuncia co seu existir a necrosis avanzada da cultura oficial.

Anónimo dijo...

Non podía faltar unha intervención resentida, catastrofista e patética. Un clásico.

Anónimo dijo...

Canta razón ten, Trisquel. Sónlle intervencións clónicas. Á mínima oportunidade, zas, xa vén o típico resentido e amargado (ao mellor alguén lle fixo algo) a botar a súa cantinela podre. Xente coma esta debe ter xa redactado un post para colocalo á máis mínima. Ten razón, son un clásico da rede. Os dous de sempre facendo o de sempre. Non pasaría nada se non fosen tan repetitivos, tan aburridos, tan torpes. Non saben facer nin dicir outra cousa. Son clónicos. Hai que ter moita paciencia.