Arroz con chícharos, de Bieito Iglesias (ECG 15.5.08)
A carestía de certos alimentos ameaza con matar de fame aos pobres da Terra. Tanta é a falta de vexetais comestibles que os biocarburos (antes vistos como unha alternativa plausible ao petróleo) son equiparados a crimes contra a humanidade. Primeiro cómpre comer e despois andar en popó. Pero por que escasean eses frutos? Porque os acaparan os especuladores? Porque non hai cousa que chegue á hora de nutrir incontables chineses e indianos ata antonte sometidos a xaxún de máximo traspaso? Porque non existen labregos dabondo que traballen os montes a ermo e procuren trigo, millo, soia ou arroz? Se cadra por causa de todos estes factores xuntos.
O concepto de suficiencia alimentar depende de que alguén foce nos sucos, con maquinaria se a hai e, se non, con arado mosquito, aixada, petola, rodo ou sacho. Mais o campo e os camponeses andan desde moito tempo atrás desprestixiados, no primeiro mundo compoñen xa un residual parque temático e, no terceiro, a poboación amoréase en megápoles de millóns de formigas ou foxe cara as metrópoles de Europa e América do Norte. Os urbanitas esfameados non saberían arrincar alimento dos torróns aínda que volvesen ao agro, vai desaparecendo o labrador autosuficiente capaz de lograr colleitas para si propio e para os paxaros (as aves granívoras extínguense canda o paisano e regresa o bosque coa fauna medieval de xabaríns e esquíos).
"A cidade faravos libres", reza un célebre dito, aínda que está por ver se nos dará mantido. Como non é previsible un retorno masivo ás endeitas agrícolas, a saída que se vislumbra no horizonte futurista apunta á comida sintética, independente dos ciclos naturais e comprimida en pastillas.
Países populosos que viven do arroz temen quedar falidos coa langrina. A min non me presta o arroz, pero o repolo e as patacas novas que non falten.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 6 días
2 comentarios:
Desta vez non estou moi de acordo con don Bieito. Penso que escasea o arroz, alén dos problemas especulativos de sempre, porque tal vez por primeira vez na historia, a populación do sudeste asiático e da India comen regularmente e todos os días. E evidentemente, e tamén por primeira vez, a imaxe de super-opulencia dos hipermercados norteamericanos é imposible.
O que si que me parece raro é que lle preste algo ao amigo Bieito. As veces que tiven o enorme honor e previlexio de xantar con el, non come nada: pasa o tempo falando e falando e deixa todo no prato. Un pracer para os demáis que lle dan ao dente e escoitan as súas extraordinarias historias coa súa inigualable elocuencia, pero para el resulta motivo de preguiza natural.
Publicar un comentario