Álvarez Blázquez – A Academia en Vigo (notas telegráficas)
Bastante ben os actos do 17-M en Vigo. Moi ben os tres discursos sobre o homenaxeado: Vítor Freixanes (centrouse no editor), Darío Xohán Cabana (no poeta e investigador), X.L. Méndez Ferrín (nas súas esculcas sobre Vigo e no seu papel anovador publicando-descubrindo textos de Gonzalo Morullo ou de Anxo Rey Ballesteros). Barreiro, o presidente, rematou cunha contundente intervención sobre a necesidade de salvagardar a memoria histórica e facer xustiza ás vítimas, que rematou cunha cita moi axeitada de Juan Gelman. O local, o Auditorio do Concello, quizais pouco axeitado, pouco cálido. Algúns académicos botaron en falta maior mobilización da xente de Vigo: tamén dicían que o acto estaba mal anunciado polo Concello (mal polo Concello, prefiro non precisar, pero moi mal: só saír na foto e nada máis).
Si estivo case toda a saga-familia: os Álvarez, Álvarez Cáccamo, Álvarez Gándara, Xosé Lois Bóveda, etc. Faltou Xosé, o irmán maior, enfermo estes días e encamado: houbo moitas lembranzas para el, mesmo do presidente da RAG. E foi Afonso Álvarez Cáccamo o protagonista doutra nota de color. Tocouse o himno galego, con Ferreirós á gaita, e dende a mesa pediuse que a xente tamén cantase. Ferreirós rematou na primeira parte. Desconcerto. Alfonso A.C. e a fila da familia seguiu cantando e seguimos todos, e as autoridades sumáronse, qué remedio. Ferreirós incorporouse de novo coa gaita, aínda que todo un pouco mal acompasado.
Un dos momentos máis emocionantes: o aplauso entusiasta de todos/as á viúva de Xosé María, ó remate do xantar no Museo de Castrelos.
Logo, inauguración da placa en Travesas, co alcalde, e intervencións de Afonso A.C. e da poeta Luz Pozo.
A Academia estaba case en pleno, case todos os numerarios e uns cinco correspondentes. Ademais dos académicos, andaban por alí e puidemos falar con todos eles, M.Bragado, X. G. Palmeiro, M. Vidal Villaverde, Anxo Angueira, e outros que esquecerei sen querer. Do resto tiven ocasión de saudar, despois de case 30 anos, a Xesús López Carrera, que agora é o concelleiro de cultura en Vigo (do BNG) e ó vello amigo o Chicho do Carballiño (sobre todo, amigo do meu irmán maior), que alá está instalado e mandou lembranzas para min (e para todos) de Lula Fortune, que traballa con el.
Tamén moitos comentarios sobre a falta de sintonía BNG-PSdG vigueses mesmo nunha data como esta: se non hai un mínimo de unión sequera no plano cultural... (Do PPG creo que non había ninguén: cando menos que eu recoñecese...).
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 6 días
20 comentarios:
Conte, conte... conte o do Concello.
Que non haxa xente no acto central do día das letras, en Vigo, é índicativo do que lle acontece á cultura oficial: a ninguén lle interesa. Normal. A min, tampouco.
Concordo coa crónica Marcos. Apenas un engadido, no acto da descuberta da placa en Travesas asistiron varios concelleiros do PPG vigués, que estaban xunto cos do BNG e a concelleira de Parques e Xardíns (PSdeG-PSOE).
Graciñas pola corrección, Bragado.
Digamos que o Concello de Vigo é extremadamente cutre, para entendérmonos...
¿O irmau do Selmi? ¿O fillo pequeno do Anselmo? ¿E il concelleiro? O que me alegro.
E logo, o excelentísimo alcalde de Vigo que lles puxo de ágape aos académicos ? Gasosa con cartón de Coes?
O Xesu é, en efecto, o fillo do Anselmo López Morais e o irmán de Anselmo López Carreira. Hai trinta anos que non o vexo, pero é un gran rapaz (hoxe home feito e dereito). De seguro que está a facer un bo labor como concelleiro. Aquela xeración de Erga segue a dar unha selecta colleita. Os meus parabéns.
"Se tomamos como referencia a asistencia á sesión extraordinaria da RAG para medir a popularidade do Día das Letras, sen dúbida as conclusións resultarían desalentadoras. Menos de cen persoas déronse cita no Auditorio do Concello de Vigo -non puido asistir o fillo Xosé María Álvarez Cáccamo- para escoitar os académicos, síntoma claro de que a institución non logra restablecer a conexión coa sociedade e o Día das Letras cede folgos na iconografía do país. Talvez se trata tamén desas circunstancias que recentemente criticou Xosé Ramón Barreiro: a perda da "esencia da galeguidade" nas cidades. Fronte ás costas que lle deu Vigo á xornada, abonda lembrar a resposta popular do 17 de Maio no pasado ano, cando se celebrou no Courel a María Mariño, ou no 2006 en Monterroso para lembrar a Lorenzo Varela"
O Auditorio do Concello é un exemplo da cutrería infinita que agochan as dependencias enteiras do edificio. Entrar nas oficinas construidas nos anos 70 sitúannos nun espazo inverosímil, agravado pola necesidade de multiplicar dependencias a base de colocar paneis, mamparas ou cristais todo de ínfima categoría. Tirar todo o edificio sería unha das ideas máis extraordinarias que podían ter os do Concello: total eso sería o enésimo chiculate do loro (como adoitan dicir cando un se escandaliza polos inxentes gastos superfluos) do Concello.
Sobre a celebración e sobre a escasa presencia nos actos (do que dan conta tanto Bragado como o noso anfitrión), hai que considerar múltiples factores entre os que destacaría os seguintes:
1. O feito de facelo un sábado pola mañán. E festivo.
2. Facelo nun dos lugares máis horrendos da escenografía mundial.
3. A saturación comprobable de celebracións. (Eu fun a varias presentacións e o propio XMAC, que tivo que solicitar unha licencia para poder acudir a case todos queixábase de tal exceso: a unha presentación na casa do libro foron dez persoas, todas elas familiares).
4. A sensación que ten a xente coa que falo (na que eu me inclúo) de que a estes actos sempre vai a mesma xente. Cando un, por un casual como me pasou a mín que coñecía ao fillo do homenaxeado, entra nese terreo atopa unha familiaridade algo incómoda. Síntese un un pouco desprazado, como de non pertenencia a ese sitio. En fin, serán cousas miñas. Pero tamén son as doutras persoas que comparten conmigo esas mesmas sensacións.
Non sei a que se refiren vostedes co nivel de representación institucional (que non foi Santiago Domínguez?), pero sería interesante sabermos cantos empresarios había alí, cantos comerciantes, cantos profesores de universidade. Eso que se dá en chamar a sociedade civil viguesa.
COmo poden imaxinar, eu non fun. Non estaba convidado (de consorte si), pero tampouco fun quen de animarme para ir. Non é unha excusa, pero asegúrolles que o acto seméllabame, como decía o amigo anónimo, demasiado oficial. E xa se sabe: a tales actos van sempre os de arriba. De oficio.
A propósito do que di Barreiro sobre a escasa presencia do galego nas cidades, sen desmentilo completamente, debo engadir que os actos institucionais constitúen en Vigo unha parte máis da súa vida diaria. Pero nin de lonxe a máis importante. No Courel a presencia da Academia é un festín, un acto histórico: en Vigo, ata resulta redundante e insignificante. As doce dun sábado festivo nunha grande cidade (con invitacións institucionais) non concita moito entusiasmo. E se por riba se presenta de forma tan oficial, pois non sei quen pode ir. Se o fixeran nun teatro, como o García Barbón, ás sete da tarde, con entrada libre, pois xa veriamos. Pero no auditorio do concello: alí non vai ninguén.
Busco no Faro virtual de hoxe e non atopo información sobre o acto ata chegar ao final da páxina de sociedade e cultura.
Comparto, case punto por punto, as apreciacións de Arume.
Non deixa de ser altamente significativo, en moitos aspectos, que houbese máis xente nos actos de Gondomar e Parada do Sil que no de Vigo.
Ten razón Arume no que di sobre o local, nada axeitado, e dixérono tamén os de Vigo. E tamén é certo que, se non se promociona publicamente, a xente córtase de asistir a actos tan oficiais.
A escaseza de xente o Dia das Letras é, sen dúbida, indicativa dunha cultura que se homenaxea a si mesma, con total independencia da repercusión na sociedade. É o que lle pasa á nación cultural: cartos para cultura que administran os destinatarios das axudas, que se homaxean a si mesmos, nunha redondez perfecta e autorreferente que non consigue agochar o valeiro real pero que xa nin disimula. Como no Estado Cultural retratado por Marc Fumaroli, pero sen Malraux, Jack Lang, o Centro Pompidou e a pirámide do Louvre. O simulacro é total.
Do dito por aí enriba, creo que o Excmo. C.Vigo non pagou nin a gaseosa.
E logo por que tiña que pagar? Esa é a mentalidade da subvención. A cultura sempre agromou da necesidade, e, moitas veces, da fame. Que vaian comer do seu peto.
O pasado 26 de xaneiro, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, solicitara en Castrelos á RAG establecer na cidade unha segunda sede da Academia, o que non rexeitou en principio o presidente, Xosé Ramón Barreiro. Onte, no acto no concello, o propio Barreiro sinalaba a este xornal que "interpreto aquelas palabras -do rexidor- como unha cousa bonita para a Academia. Podería haber unha segunda sede en Vigo pero o alcalde non sacou hoxe o asunto".
Eu estuven hoxe no Rosal, e aínda duraban os actos do día das letras galegas. Había actuaciós musicáis en directo, mercadillo artesán solidario, etc.Hasta vendían camisetas conmemorativas, có retrato de Álvarez Blázquez. E algo moi importante: comida e bebida. Pulpo, empanada, postres, viño, cervezas, etc. Había que comprar tickets diferenciados pra todo eso. Tamén os tickets-moeda tiñan o retrato conmemorativo de Álvarez Blázquez.Había tamén xogos tradicionáis galegos: zancos, carrilanas, etc. Noraboa aos organizadores, que non sei queñes foron, si alguén os coñece que llo diga. Si eso foi hoxe, imaxino que onte tamén. Tamén visitéi os famosos "muiños dos folós e dos picós". Saiban que hai un restaurán na carretera que vai do Rosal has ta os muíños, chamado "Mirador do Val" que ten conexión WI-FI. Iba buscar o portátil ao coche ao decatarme,pra mandarlles crónica deses actos en tempo real, pero a miña dona votóume unha olhada "asesina" e xa me entenden...Antes, estivera en Tui e Tomiño, onde non vin acto ningún. Volvín por A Guarda, Vigo, Redondela,Pontevedra con paradas técnicas en todos eses sitios i en Soutelo de Montes pra mercar o pan. Inda paréi na festa da Almuzara (danza dos Xovencos) onde i en Dacón, onde xa preparan a Santa Rita e merquéi unhas "rosquillas". Vou ter que facer como o Trebi, ou o Xaime e abrir un blog fotográfico das miñas excursiós por Galiza.
Tarde e todo, non quero deixar de dicilo: a avaliación do Arume dos Piñeiros debería ser ben lida e aprendida por quen corresponda; a crónica do Xoánd a Coba podería ser complementaria. E producir bos rendementos implementar as inevitables consecuencias, se hai reflexión.
Se houbese, debía dicir.
Letras e palabras.
Publicar un comentario