Fama, de Bieito Iglesias (ECG. sábado 10.5.08)
Esoutro día fun botar a quiniela a un dispensario da sorte da Porta Faxeira e tiven que agardar na bicha a que acabase de selar non sei cantos boletos unha muller tan morocha como faladoriña. Vista por tras, en vaqueiros e camisola, parecía paticorta (leve arco de abeacas nas extremidades inferiores) e atlética. Cando virou, ensinoume un cadro de Romero de Torres: un rostro moldurado por manela escura e unha boca apertada que denotaba certa amarga e mundana experiencia. Viña sendo Lolita Flores e non puden menos que agradecerlle a Gayoso e ao seu Luar a beizón de traer a esta negra provincia tales luminarias da cultura e arte españolas.
Na miña infancia en Ourense -antes da chuvia de estrelas propiciada polo Festival do Miño- semellaba impensable que nos visitasen as marabillosas criaturas expostas no fanal do televisor. Que Raphael se deixase caír pola cidade das Burgas era un bo milagre equivalente a tropezar na rúa do Paseo co Virxiniano. Nin sequera Julio Iglesias, cun pai nado no Souto de Vilarrubín, asomaba por alí despois de triunfar en Benidorm (antes de ser coñecido acudía ás festas do San Xinés). Había que contentarse con astros de segunda grandeza, da categoría do Paquito Jerez, que cantaban ás veces baixo un toldo circense no Couto ou nos Remedios. Tampouco sufrimos tanto coa ausencia de cantores famosos, gobernabámonos perfectamente coas versións de Los Sírex que facían os roqueiros locais (os fillos dun panadeiro da Ponte), cos pallasos asturianos (irmáns Tonetti) e cos ciganos húngaros que traían títeres á esplanada que había onda o bar Rapela.
Cando Encarnita Polo, antano faro do flamengo-pop, acabou actuando en furanchos dos arredores de Compostela, soubemos que o star-system sufría un big crush, unha implosión como a que algún día comprimirá o Universo pulsante. Un duro golpe para os deuses olímpicos que criamos a salvo da condición mortal, moradores dun ceo decorado como set de programas que se titulaban Galas del Sábado ou Pasaporte a Dublín.
Cando Encarnita Polo, antano faro do flamengo-pop, acabou actuando en furanchos dos arredores de Compostela, soubemos que o star-system sufría un big crush, unha implosión como a que algún día comprimirá o Universo pulsante. Un duro golpe para os deuses olímpicos que criamos a salvo da condición mortal, moradores dun ceo decorado como set de programas que se titulaban Galas del Sábado ou Pasaporte a Dublín.
15 comentarios:
Bravo don Bieito!!!
Lembro unha actuación live, de Lolita, por volta de comezos dos oitenta, non sei se en Parada do Monte ou San Xes (Lobeira)... Ía unha temperatura máis propia das illas Sakhalin en xaneiro que da Europa meridional na fin do verán.
Cando a inefable Lolita se estaba a presentar perante o respectable, comenzou coa expresión lapidaria:
"Amigos de Lobera, jeje, hace un poquiyo de frío".
Cumprimentos, señor.-
Non era unha expresión lapidaria: era unha declaración de intencións. Non soubo, don Júlio, polo impacto emocional que supón ter no palco á filla do pescaílla, interpretala.
Esquecín o correspondiente aplauso para o Bieito.
Pero non sabía que os Tonetti foran asturianos. Miro en Internet por desconfianza (non porque crea que non hai bós pallasos en Asturias: á vista está) e atópoos cántabros. Se Bieito di que eran asturianos, algo sabería que nin os de Internet chegaron a saber:
Os Tonetti
Si, don Arume, a reunificación dos Beatles tería para min menor impacto emocional.
jajajajajajajajajajajajajajajajaja
Outro día cóntolle a actuación de "Azúcar Moreno" en Parada do Monte.
Medela, co que gostan as Azúcar Moreno na Terra Chá en xeral e na feira de Castro Ribeiras do Lea en particular.
Fálelle tamén da actuación da explosiva Regina dos Santos coa súa "Lambada", fai anos, en Bande. Cóntelle cómo se empoleiraban os vellos nas árbores, pra vela mellor.
Azúcar Moreno nas festas de As Pontes cantaron dez veces a mesma canción sen que o público fora quen de decatarse. Algúns mesmo dicían que non cantaban elas, que eran unhas dobres (dobres, vala a redundancia) que teñen preparadas para cando toca a friaxe case invernal do Carmo pontés.
Don Xoán, eu fun testemuña desa mítica actuación de Regina dos Santos en Bande.
Lembra Vde?
A Maria Callas do Mato Grosso pediu a un voluntario para subir ao palco. Preséntase voluntario un caracterizado cidadán bandesino. Regina díxolle textualmente:
Queres aprender a dançar lambada?
O de Bande, lacónica e escuentamente, como corresponde ao estilo arraiano, respondeu:
"FARASE O QUE SE POIDA".
Don Arume, é ben recurrente o tema dos dobres. Aconteceu o mesmo con "Los del Río", nas festas de Bande, un outro ano.
Todo o mundo dicía que non eran eles, como se fosen o marechal Tito e precisasen de dobres para protexeren as súas importantísimas personalidades.
Para chorar.
XDDDDDDDDDDDD A María Callas do Mato Grosso...
Moi boa, Medela. Por certo, como vai o de Lenin?
Señor Delapierre: Non dubido da súa palabra de cabaleiro lucu-auriense, mais extráñalleme ben o que me comenta de que na feira de Castro de Ribeiras de Lea escoitase profusamente o magnífico ritmo das míticas "Azúcar Moreno".
Dígo que me extraña, señor, porque no momento que tirei esta foto a un meu amigo de Vilariño de San Xes, Lobeira, estaba a soar polos altifalantes das voladoras a sinfonía número nove de Rachmaninoff.
Ou... Espere... Non... Minto.
Era Stockhausen, dodecafonismo puro.
Xa ve, nun mesmo país cantas diferenzas culturais.
Saúdos, amigo lugués.
DODECAFONISMO BAIXOLIMIAO
DODECAFONISMO BAIXOLIMIAO
Amigo Arume:
Quererá crer que hai unha persoa en Compostela que pensa que a miña estancia en Karakalpakstan é unha novela e que o meu nome é un seudónimo???
Tomara eu que fose novela.
Outro día cóntolle o do despezamento da estatua, o que me pasou coa supervisora nunha disco en Nukus, o que tamén me aconteceu coa peinadora amiga de Kyra e algo de rexouba que me comentaron sobre a patroa.
Saúdos.
P.D. Se lle preguntaren, porfa, diga que me coñece e que todo é verdade.
Grazas.
Debe ser o mesmísimo arcebispo: minte porque está virado polo vicio de ver vieiras sempre valeiras (vai con v para efectos ópticos).
Por certo, as fotos de curros, ubi sunt qui ante nos fuere?
En relación ao tema dos dobles, seguro que sabe, Medela, que o cantante Richard Carpenter (dos "Carpenters") tiña contratado prás xiras a un atleta profesional parecido con el. Tras cada actuación, saía correndo do camerino vestido igual que o famoso cantante. As fans alí concentradas, botaban a correr histéricas tras del. Ao principio, corría pouco pra darlles a sensación de que podían pillalo. Cando estaba a unhos centos de metros, "esprintaba" e deixábaas atrás. Mentras tanto, o orixinal saía tranquilamente, có camiño despexado.
Los hermanos Tonetti eran santanderinos
Publicar un comentario