11 may. 2008


A ACADEMIA EN CELANOVA.
Dereito a ser rebeldes. Pasaron 57 anos desde a última xuntanza da Real Academia Galega en Celanova. Daquela, 1951, o motivo era o centenario do nacemento de Curros e a inauguración do busto de Asorey. O pobo de Celanova encheu as rúas, testemuñan as fotos. Naquela sesión entraron na RAG Xoaquín Lourenzo e Xesús Ferro Couselo. O pasado sábado, co concurso da Fundación Curros Enríquez, a Academia quixo renovar ese compromiso coa vila de Curros e Celso Emilio, nos cen anos da morte do primeiro. E aló se desprazaron case todos os académicos nun denso programa cheo de contidos e emoción. Só hai agora espazo para subliñar algúns trazos. Como o magnífico discurso de Méndez Ferrín diante do busto de Curros, que empezou lembrando a data de 1951: daquela o neno de trece anos Xosé Luís viu aquel suceso dende a súa bicicleta, camiño de Vilanova. Agora, Ferrín invocaba toda a potencia do verso currosiano e a forza estética da efixie do poeta que mira como revirado cara o mosteiro: agora, así son as cousas, en realidade mira a inmensa cabeza do seu discípulo Celso Emilio, esculpida en pedra alí preto por Acisclo.
Tamén estivo brillante Xosé R. Barreiro Fernández nas súas dúas intervencións da xornada: apelou ó poder das vilas na defensa da galeguidade do país, por riba das cidades cada vez máis castelanizadas, e, pola tarde e na Casa dos Poetas, invocou o dereito a ser rebeldes e mesmo a necesidade desa rebeldía no ronsel do exemplo ético do poeta republicano e progresista: “non se pode comprender a Curros sen afrontar a súa ideoloxía”, dixo o presidente da Academia. Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, centrouse na identificación co pobo de Curros, o poeta coroado en 1904 entre o aplauso e a aclamación dos coruñeses e do mundo intelectual galego, como demostra a exposición que se inaugurou tamén o sábado na propia Casa dos Poetas. María do Ceo. A música foi fundamental en toda a xornada: Celanova é vila literaria e musical. Sonou a Marcha do Antigo Reino de Galicia e tamén a Marcha procesional de Tui, interpretadas pola Banda de Celanova, unha das máis antigas de Galicia (fundada antes de nacer Curros). A Coral Solpor tamén participou con varias das pezas máis recoñecidas do poeta. E María do Ceo, con ese aquel de acenos musicais portugueses, encheu de emoción o Mosteiro cantando, acompañada de músicos lisboetas e de Aveiro, os poemas “Ai!”, “Unha estrela me namora” e “A Rosalía”, os tres do creador de “Aires da miña terra”, ademais de “Terra de proseguir e non dar nada”, de Méndez Ferrín, un auténtico himno e epopea da nosa identidade telúrica e colectiva. Ten moito mérito cantar tan ben como o fai María do Ceo e soster, sen grandes apoios exteriores, unha sólida carreira profesional que xa está a dar os seus mellores froitos.

6 comentarios:

apicultor dijo...

Non dúbido de que o discurso do presidente da RAG fose tan bo como Marcos sinala.

Mais que quen é arte e parte do establishment cultural, perfectamente integrado social e politicamente, e de sempre moderado e cauto nos seus posicionamentos políticos, veña á súa idade provecta invocando o "dereito á rebeldía", seméllame retórico de máis e un chisco, digamos, cursi. Dito sexa con todos os meus respectos.

Porque se Barreiro é un "rebelde", onde estarán, meu señor, os auténticos, os verdadeiros, os necesarios rebeldes?

XDC dijo...

Saúdos a María do Ceo, amiga persoal coa que teño ademáis a sorte de coincidir na...data de cumpleanos!.
(Por si non o saben, é Saxitario).

Etxe dijo...

Non puiden ir. Esta vida me está matando.

Trebi dijo...

Estaría por hai, facendo fotos, pero outro compromiso particular impediuno.
De Celanova e Curros sen ser as de hoxe, algunha foto pode saír.
Trebi

Trebi dijo...

Para os que non fomos por alí.

Ver e escoitar:

http://es.youtube.com/watch?v=S2GBZo7hr3k

Anónimo dijo...

http://es.youtube.com/watch?v=S2GBZo7hr3k.com