13 may 2008


A mirada retida (nova sección)
O domingo pasado, 11 maio, iniciei unha nova sección en La Región co título A MIRADA RETIDA. Deixo aquí a primeira entrega.

OS MIXTOS.
Chamábanlles os mixtos. Aqueles autobuses que levaban na súa parte superior pasaxeiros, sacos de patacas e ás veces ata animais. Xogándose o equilibrio e o tipo, mesmo o home de gravata que vai en primeiro plano. Cando chegaban xunto unha ponte un pouco baixa, había que baixar todos e todas as maletas para poder pasar. E outras veces había que empuxar cando a estrada facía costa. Este autobús tan estartelado, da empresa Los Americanos, para nunha praza de Allariz: a súa vocación vai ben inscrita no seu frontal: “Ferias y Mercados”. Son imaxes que hoxe nos remiten a outros imaxinarios colectivos habituais nos xornais e na TV: aquelas do Terceiro e do Cuarto Mundo, mesmo dos refuxiados que foxen do horror das guerras. Pero son tamén a nosa memoria máis inmediata: hai 50 anos, só un par de xeracións vitais, eran habituais na nosa paisaxe. E hoxe que se nos enche a boca a falar de novas tecnoloxías e I+D e todas esas cousas, quizais sexa oportuno mirar, e tamén pensar, as fotos que gardan os avós no faiado. Ese é precisamente o obxectivo desta nova sección.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu podo contar unha anédota daquela época. Eu viaxaba de neno á aldea da miña nai (Vilarrubín, A Peroxa) moitas veces no teito deses autobuses. ¡Para min era unha festa!
Pois ben, o revisor do autobús, o "Cataplín", que era parente noso, ó facer a parada nas costas do Souto, mandaba baixar a tódolos homes mentres el "forraba" as rodas do coche.
Entón, cando foi vello, dicía sempre: "Pasei a vida forrando e non teño un can"

Xabimusic.

Marcos Valcárcel López dijo...

Creo que non nos levamos moitos anos, amigo Xabier. Pero eu xa non teño esa experiencia directa na miña biografía: é sorprendente o que cambian as perspectivas vitais en só 4-5-6 anos de diferenza, non?

Anónimo dijo...

¡Algúns máis, algúns máis, amigo! As aparencias, ás veces, enganan...
¿Será pola música?