13 may 2008


Novoneyra.
ANDOLIÑA mércores 14 maio
Sobre a obra de Novoneyra falou no Liceo ourensán Luís González Tosar, no VI Ciclo Visións de Galicia, que revisa este ano a obra dos grandes poetas da posguerra. Ademais de contar algunha anécdota persoal do seu trato co poeta do Courel, deseñou con xeito os elementos que definen a poesía do autor de “Os eidos”: a forza telúrica da súa palabra, a riqueza reflexiva dun xeito de ver e entender o mundo, a súa vontade social e de denuncia en textos como o pranto polo Che, o poema a Amador e Daniel ou a “Letanía de Galicia”.
Case ó remate da súa intervención, o ponente dixo que hoxe non pode haber poetas desa caste. Poetas, engado eu, capaces de resumir todo o seu cosmos vital en dous versos: “Todo o que pasou a meu pobo pasoume a min./ Todo o que pasou o home pasoume a min”. No coloquio alguén reclamou máis precisión ó respecto da contundente afirmación do conferenciante. Este sostivo que as claves da poética de Novoneyra xa non están entre os novos poetas de hoxe. Como lle sucedeu no seu tempo a Pondal, a Galicia que sentiu o do Courel tampouco existe xa. Pero iso nada lle resta á elegancia do seu verso: “Non podo evitar o reproche./ Amo e por eso esixo a beleza”.
P. S. Publicado este artigo hoxe, tiven esta tarde unha chamada telefónica e unha longa conversa coa viúva de Novoneyra, a quen ata agora non tiña a honra de coñecer pero que seica me le a diario no GH. Pareceume unha muller encantadora e chea de paixón pola memoria e o significado de Novoneyra, que comparte co que foi o seu home unha mesma fe pétrea no poder da lingua e na forza evocadora dos versos que nacen da autenticidade. Convencida tamén de que é necesario que un poeta non sexa portavoz dunha soia voz, senón de todas as voces: ata tal punto chega a identificación Pobo-Galicia-Novoneyra que, ben se ve, segue tan viva como sempre.

No hay comentarios: