8 jun 2008

2004: Narrativa, historia, memoria (GH 08.06.2008)

A narrativa galega do ano 2004 viña marcada polo compromiso coa memoria e as esculcas no noso pasado máis conflitivo. En Xerais, aparecían obras como O exiliado e a primavera, de Manuel Veiga, premio Xerais 2004 centrado na volta dun exiliado á Galicia do final do franquismo; a primeira novela de Xesús Fraga, Solimán, premio de novela Rubia Barcia de Ferrol; a ficción autobiográfica de Ramón Chao, O lago de Como,publicada en castelán en 1982 (onde Reigada é Vilalba); Os ollos da ponte, segunda entrega da triloxía da memoria de Ramiro Fonte; ou Orixe, de Sechu Sende, premio Blanco Amor 2003, historia de amor ambientada na ditadura franquista.
Na mesma editorial saían Era por setembro, de Xabier Quiroga; Vermella con lobos, de Carme Blanco; Segunda convocatoria, de X.A. Perozo; Os últimos fuxidos, de Xosé Fernández Ferreiro, que segue a liña temática da súa anterior Agosto do 36; Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras, presentación do detective Horacio Dopico nos baixos fondos ourensáns; e volumes de relatos, na colección Abismos, como Rebelión no inverno, de Mario Regueira, e A ferida, de Begoña Paz. Galaxia achegaba títulos como As humanas proporcións, de Xesús Constenla, premio Torrente Ballester 2003 e premio da Crítica Española para narrativa galega, historias minimalistas marcadas pola calidade e o risco; Amor e música lixeira, unha nova entrega do mundo satírico de Bieito Iglesias; Capitol, última sesión, de Miguel Anxo Fernández, homenaxe ás vellas salas de cine; Ser ou non, de Xurxo Borrazás; Reserva especial, de X.M. González Trigo; Ao pé do magnolio, de Marina Mayoral; Xeración perdida, de Francisco Castro; Os ciclos do bambú, de Xavier Queipo; Oitocentos, de Xavier Franco; 'Unha viaxe no Ford-T', de Xerardo Agrafoxo, premio García Barros.
Xavier Alcalá iniciaba con Entre fronteiras, a súa saga sobre a historia da represión dos evanxelistas en Galicia, neste caso na Pontevedra anterior á guerra civil.

(o artigo completo)

No hay comentarios: