15 jun 2008


cen anos de historia cultural:
2005: Presenza feminina: ensaio e poesía
(na imaxe, María do Cebreiro, Teresa Moure e Xavier Alcalá)


A nosa andaina polo 2005 cultural vai empezar polo campo do ensaio e a investigación. Con forte presenza feminina neste caso, como salienta M. Forcadela no Anuario de Estudos Literarios Grial. Velaí os nomes de Teresa Moure, María do Cebreiro e Helena González Fernández. A primeira delas con dúas obras, Outro idioma é posible e A palabra das fillas de Eva (Galaxia), que provocaron un certo debate cultural tanto arredor das linguas na globalización como da súa afirmación da literatura feminina. María do Cebreiro achegaba un esforzo de literatura comparatista en As terceiras mulleres, un denso periplo pola cultura en clave feminina que parte das Metamorfoses de Ovidio para chegar á arte expresionista, pasando polas escritoras medievais, Rosalía de Castro e Virxinia Woolf. E en Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación (Xerais), Helena González deseña un plano de reivindicación da tradición poética feminina, con especial atención ás autoras do século XX.
No campo da historia, cabe subliñar títulos como As cartas do destino, de Xosé M. Núñez Seixas e Raúl Soutelo, sobre a memoria dos emigrantes en América; A Coruña liberal 1808-1874, de Ana Romero Masiá; A Raíña Lupa, de Antonio Balboa Salgado, premio M: Murguía de ensaio, sobre as claves do fenómeno xacobeo; O reino medieval de Galicia, de Anselmo López Carreira (ANT); Memoria de ferro, de Antón Patiño Regueira (ANT); Galicia bajo la bota de Franco, rescate por Henrique Alvarellos dun volume publicado en Francia no 1938 e desaparecido dende aquela,da probable autoría (compartida) de Luís Seoane; e O orballo da igualdade, de Carlos Pereira Martínez, sobre a historia das mulleres obreiras coruñesas nos inicios do século XX. Nas fronteiras do xénero sitúanse os libros de entrevistas con autores consagrados, como os que achegou Xerais en Conversas con Méndez Ferrín, do xornalista Xosé M. del Caño, ou Conversas con Suso de Toro, de Antonio Pedrós-Gascón, que xeraron certo debate, máis no mundo virtual que na prensa escrita. Suso de Toro asinaba tamén Outra idea de España (Xerais), colección de artigos de temática política e reflexión sobre o nacionalismo español. A economía e a política tamén estaban presentes en O fracaso neoliberal na Galiza, de Xavier Vence; La política exterior de China (Bellaterra), de Xulio Ríos, e en Os movementos de resistencia fronte á globalización capitalista, de Carlos Taibo.

24 comentarios:

Anónimo dijo...

¿Que quere dicir exactamente coa expresión (usada nos dous casos de Moure e Toro) "xeraron certo debate"?

Anónimo dijo...

Saudos.
Carallo, canto escribiron!.

Chego de terras potuguesas. Pola mañá, nas festas de Santo Antonio de Vila Verde e pola tarde en Braga, pertiño. Iba escapando da chuvia que anunciaban na Galicia e creo que alá choveu aínda máis. Non puden conectarme en nigún momento e agora vexo que a escribiron coma bellacos. Tardaréi en coller o fio das discusiós...

Anónimo dijo...

"certo debate", para min que quer dicir que o debate sempre é mínimo, e que estas obras xeraron un menor mínimo, case nada, pero nada completa, como a maioría das obras.
Concretamente creo que o pequeno debate iniciose nese tempo, cincidindo coa afluencia de xentes a interntet, no portal Vieiros. O pequeno debate comeza, así, un pequeno debate inexistente antes e que internet posilitou.
Logo esmoreceu.

Anónimo dijo...

Estooooo, a quen se referirá co de "académico retrasado mental"?

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=313513

Fragmento da entrevista de GALICIA HOXE a X. Luis Franco Grande
16 de xuño
Creo na pouca ou nula cultura da sociedade galega. Xa o vello e grande Murguía tiña moi claro que o problema esencial deste país era un problema de cultura, de crear conciencia de pobo, de axudalo a se atopar a si mesmo. E o mesmo pensaron os galeguistas de todos os tempos, agás os de agora, que seica prefiren a trangallada (por exemplo, dedicar o Día das Letras a unha analfabeta de Noia, ou do Caurel, facer académico a un retrasado mental e, sempre, exercer a función de tiraboleiros para que o botafumeiro sexa o substituto da crítica honesta, que esta non interesa). Esas e outras cousas, non só desprestixian a cultura galega, senón que debilitan a nosa identidade como pobo. Distamos moito de ser un país serio.

Anónimo dijo...

- Unha pérola sobre as funcións dos académicos da RAG:

P: Cal é a túa contribución á Academia dende o punto de vista lingüístico, filolóxico, etc.?

R: Ningunha.

- OUtra de política:

P: Política en xeral: BNG. PP e PSOE (que eu sempre digo legacións ou sucursais españolas en Galicia, non cres ti que, incluído o BNG que eu considero nidiamente galego, teñen unha deriva cara á social-democracia, se é quexa non están corcosidos ou engulidos por esa ideoloxía?

R: O problema é que os partidos teñen que procurar votos. E nesa procura vense obrigados a adaptar as súas ideoloxías á realidade onde os votos están. É claro que se non o fas así, non terás votos. Os políticos xa renunciaron a unha das funcións máis nobres que tiveron no pasado: a un labor de pedagoxía para a sociedade. O espírito de Goebbels está máis de moda do que moitos pensan.

- Galicia, colonizada?
P: Galicia é unha nación colonizada?

R: Non teño a menor dúbida. Pero hoxe hai tamén moitos galegos que axudan a esa colonización, como sempre ocorreu en todos os colonialismos. Penso que tiña toda a razón Vauvenarges cando dixo que a escravitude humilla tanto á xente que esta remata por amala. E non rexeito a palabra escravitude, pois na escravitude moral, e de diversas maneiras, seguimos aínda.

Anónimo dijo...

O estilo e expresións de Franco Grande son, cando menos, impropios dun académico.

Anónimo dijo...

Hai que recoñecerlle ao entrevistador (para cando unha autoentrevista?) unha capacidade innegable para quitar un rédito extraordinario aos entrevistadores. Esta bate récords.

Anónimo dijo...

Perdón: "...aos entrevistados", obviously.

Anónimo dijo...

Eu son mais educado que o señor Franco, pero teño que recoñecer que a RAG é unha "coña marinera", unha paisasada, un conxunto de fátuos inzados dandose pompa e querendo recibila, percurando un recoñecimento ante a real indiferencia dos incultos e cultos galegos. Só fan parvo.

Anónimo dijo...

Vaia, por fin alguén que fala clariño, fóra do compás, sen o repique do acompasado monótono fungar, por moito que a algúns non lles gusten nin a música nin a letra.

Anónimo dijo...

Pois será oportuno que alguén poida ter acceso ás actas das reunións da RAG, porque, se Franco Grande está presente e comenta nesas sesións o que lle comenta ao entrevistador (coas cautelas necesarias dunha entrevista), deben ser material inflamable e, sen dúbida, o best seller do verán. Se é tan franco cos colegas na sede de Tabernas, deben saír todos alí grandemente mazados. Ou é que intramuros practican un fair play anestesiante?

Anónimo dijo...

Pois non lle sei.
Do que si que me acordo é dun académico da RAG, moi amigo de don Manué, que hai anos, á saída dun congreso, berrou "Estoy hasta los cojones del gallego", e lindezas polo estilo.

Anónimo dijo...

¿Non será que se lle piden cousas á RAG que esta non quere ou non pode dar? ¿Pedirlle moito non é o mesmo que darlle moita importancia?

Anónimo dijo...

Pero qué pesado es, Pepiño. E o pior é que che consideras simpático e orixinal...

Anónimo dijo...

¿É zoupón pepiño o preguntón? ¿Quen lle aprendeu a facer preguntas inducidas a pepiño preguntón? ¿Acaso quere criar un estado de opinión pepiño preguntón zoupón?

Anónimo dijo...

Se ninguén lle entrara ó trapo, asunto resolto.

Anónimo dijo...

¿Teño eu algún trapo? ¿Por que a toman comigo se eu o único que quero é aprender de sabios coma vostedes? ¿Non cre que se trabuca, señor?

Anónimo dijo...

¿Non saben que eu viñen aquí a aprender porque mo dixo meu pai?

Anónimo dijo...

Este pepiño é un trasunto do Apicultor.

Anónimo dijo...

¿Non andará vostede un algo obsesionado de máis? ¿Non sabe que eu son, non un trasunto, senón o fillo de meu pai? ¿Que son fillo fillo de Pepe Preguntas e que me chamo Pepiño Preguntón, para servir a deus e a vostede?

Anónimo dijo...

¿Queren deixar en paz ao meu pequerrecho?

Anónimo dijo...

Contención

Anónimo dijo...

Cortesía.

Anónimo dijo...

Srta. Incontinencia Suma, podería vostede aclarar cal é o seu papel nésta suposta conversa.
Agradecidísimo, sempre seu
Pingus Magníficus