14 jul 2008


3.588 nomes a rescatar
Marcos Valcárcel (La Región, 14-07-2008)
Foto, enviada por X.L.Carrión: monumento ás vítimas da represión franquista no cemiterio de San Francisco.

A represión. O pasado venres presentáronse os primeiros resultados do estudo ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’, impulsado polas tres Universidades galegas e a Consellería de Cultura. Trátase dun proxecto historiográfico, iniciado no 2006, que pretende medir e definir os marcos da represión da guerra civil en Galicia. Con cifras e datos plenamente contrastados, con rigor metodolóxico, como afirma Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea. Para iso contouse con fontes como o baleirado das causas militares da IV Rexión Militar, de todos os rexistros civís dos concellos galegos, da bibliografía existente (nalgúns casos xa moi exhaustiva como no exemplo ourensán, estudado por Xulio Prada) e dun total de 349 entrevistas orais realizadas en Galicia, Asturias, Cataluña e varios países americanos. (...) (...)


Vidas cortadas na súa plena madureza: moitos dos executados estaban por baixo dos 45 anos. Vidas que representaban o mellor do réxime republicano, dende as súas autoridades (moitos mandos militares ou o alcalde socialista ourensán e o gobernador civil do Ourense republicano) ata humildes carpinteiros ou labregos. Todos aqueles que tiveron responsabilidade coa Frente Popular foron duramente castigados: tal era a consigna explícita do xeneral Mola e de todos os alzados contra a República. Velaí case catro mil vidas (esa é unha cifra posible cando remate este estudo) frustradas e negadas: é ben xusto, cando menos, restituír agora os seus nomes, a súa memoria e a súa plena dignidade.

(o artigo completo)

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Os datos impresionan e non fan máis que aborrecer a barbarie.

Ana Bande dijo...

Como me lembro de Cuca Tovar cando leo estas cousas. Foi unha pioneira no estudo da represión e tamén no acceso aos arquivos, gañou un pleito ao alcalde que lle negaba o acceso aos documentos, habería que recuperar tamén a súa memoria amigo Marcos.

Anónimo dijo...

Na miña aldea desapareceu un xóven chamado José Costa. Creo que o segundo apelido era Dorrío. Foi no ano 1941. As últimas referencias foron que quería pasar a Francia. A súa mai púxose tola e foino buscar a Seu D'Urgel.

Toda a miña infancia e adolescencia planeou esta sombra: "non te metas en política, mira o que lle pasou ó Pepe da Remedios".

Na miña aldea tamén teño moitas referencias á avangarda que supuña este home, ben xóven.

Alguén me pode axudar a buscalo?.
Ata o de hoxe dano por desaparecido, pero en algún lugar ten que estar.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para a amiga Ana Bande: da benquerida CUCA TOVAR escribín máis dunha vez na prensa, quizais antes de empezar co blog. Eu mesmo fun de testemuña ó seu favor, e como historiador, no xuízo que a enfrontou ó alcalde Caride Tabarés.
Haberá que escribir dela, si.