13 jul 2008




Firgoas de historia e xornalismo
Tempos de cambio: Arco da vella

O artigo completo

A mediados dos anos 70, arredor da morte de Franco, a prensa galega viviu unha certa primavera de esplendor marcada pola súa apertura democrática e a descuberta dos problemas e temas galegos. A autonomía era aínda un soño e a democracia só un proxecto: houbo que loitar día a día por todas as liberdades. Por iso a carga léxica daqueles días podía ser un pouco repetitiva: amnistía, liberdade de expresión, legalización dos partidos políticos, etc. Todos os xornais puxeron entón o seu grao de area. Imos ver hoxe un exemplo: El Ideal Gallego de mediados dos 70 e, sobre todo, dende as súas páxinas culturais. (...)

EIG ofrécese como plataforma para publicar un suplemento cultural dominical titulado Arco da Vella. O suplemento, que ás veces era só unha páxina, era monolingüe en galego e estaba ó cargo da Agrupación Cultural O Facho da Coruña. Alí colabora, moi activo entre 1976 e 1977, un moi activo Manuel Rivas que se estrea como xornalista no xornal, facendo de todo, ata buscar os cafés, como el mesmo ten contado; pero alí xa están as primeiras mostras dun novo xornalismo fragmentario, de extremo amor pola palabra e pola verdade, que el asinaba nunhas columnas tituladas "Rebulidoiro". Con el encontramos outros nomes da cultura galega, próximos ó Facho como é lóxico, como Xavier Alcalá e as súas crónicas do que el xa denominaba O Impaís, Xavier Seoane, Xosé María Monterroso Devesa, Lois Caeiro, etc. Con abundante información musical: eran os tempos nacentes de Milladoiro, Fuxan os Ventos, tamén Miro Casabella, Emilio Cao, etc. Creo que alí lemos tamén algunhas columnas de Agustín Díaz, "Tintxu", xornalista de raza falecido no mes de marzo pasado e pai de Lourixe, hoxe blogueira dos fermosos Chantos na Chaira. (...)

Siro López facía cada semana un resume das novas máis importantes nunha xeira de viñetas mesturadas, ás veces toda unha páxina, coas súas extraordinarias caricaturas. Neste xornal publicou a entrega que máis problemas lle causou na súa vida: unha extensa viñeta que reproducía o discurso final de O gran ditador de Charles Chaplin, película prohibida no franquismo. Publicouna o 31 de outubro de 1976 e poucas semanas despois foi denunciado por presións militares e Siro procesado nun Consello de Guerra pola xurisdición militar, no que se lle pedían seis anos de cárcere (librouse logo pola amnistía do rei Juan Carlos). (...)

Hai moitos textos asinados con pseudónimos como Morrois, Un-do-Chan, Furateitos, Denís, Sabugueiro: sería bo que algún dos compoñentes daquela xeira de O Facho os identificase agora.
Sinaturas recoñecibles son tamén as de Manuel Riveiro Loureiro, Manuel Miragaia, X. Castelo, Xaquín do Vilar, que hai que engadir a todas as citadas antes. E nesas páxinas debeu comezar a súa andaina tamén o popular Gaspariño, de Xaquín Marín.

6 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

SE ALGUÉN QUERE E PODE AXUDAR, encantaríame identificar os seudónimos que cito ó remate do artigo.

Anónimo dijo...

Algunhas identificacións dos pseudónimos que mencionas son:
* Morrois, Xosé Manuel Martínez Oca
* Un-do-Chan, probabelmente Xosé-María Monterroso Devesa
* Denís, Xosé Ignacio Taibo
* Sabugueiro, cabe dentro do posíbel que fose Manoel Riveiro Loureiro, sen ningunha seguridade.

A idea de fuxir das exaltacións personalistas mediante o emprego de pseudónimos partiu, sen dúbida, de X.M: Monterroso Devesa.

lourixe dijo...

Gustaríame que alguén me explicase que significa o de "periodista de raza", que non sei se ten aplicación no caso de Sonsoles (varios profesionais na mesma familia) pero no de meu pai é máis dubidoso. El era desertor do arado e da sotana, e xornalista vocacional e pasional.

Marcos Valcárcel López dijo...

MOITAS GRAZAS, Úrsula. Debín sospeitar que aí estaban Mtez.Oca e X.I. Taibo, prolíficos na escrita coruñesa naqueles anos.
Graciñas de novo.
E tomo nota, para o futuro.

Marcos Valcárcel López dijo...

LOURIXE, "periodista de raza" dicíase de Basilio Álvarez como ó seu amigo Ramón Cabanillas era, con sentido étnico, o "poeta da raza" en La ZArpa. Enténdao como xornalista pasional: cadra perfectamente tamén.

Anónimo dijo...

A expresión "de raza" ou "con raza" usábase na aldea precisamente có senso de "pasional" que lle da o Marcos.

Cando alguén traballaba moi animado nun momento dado, tratando de facer o máis posible decísase que traballaba "con raza". Se era traballador, en xeral, decíase "que tiña raza" ou que era "traballador de raza".

COmo ven, nada que ver có senso castelán da palabra "raza".