Continente Blanco Amor.
A Mirada Retida, La Región 13-7-08.
Achegarse á obra de Eduardo Blanco Amor é penetrar nun continente esplendoroso: a súa narrativa, poesía, teatro, xornalismo, en galego e en castelán. Tamén puido ser un gran pintor. Porque foi un fotógrafo excepcional: quedou demostrado en 1993 cando no Clube Cultural Alexandre Bóveda publicamos un volume coas súas fotografías, que se gardan na Biblioteca de Autores da Deputación. Despois houbo máis libros e máis fotos recuperadas, como esta vista das Tres Pontes aurienses, reproducida en “A ollada do desexo” (Galaxia). Tres planos espaciais, tres luces contrastadas, coa Ponte Vella envolta en húmidas néboas, tres tempos dunha longa historia: dende o mundo romano á Idade Media, dende a Ponte Nova de comezos do XX ó Viaducto do ferrocarril de mediados desa centuria. Hai toda unha filosofía da ourensanidade implícita nesta fermosa imaxe, estantía, indeleble: se somos quen de concentrarnos e entrar nela, ata poderemos camiñar polas beiras do Miño en compaña do misterioso Bartomeu, loiro e ollos azuis, desaparecido nun conto de “Os Biosbardos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario