Novas achegas para "lecer" de Marcos Valcárcel
Amosaranos o periodismo literario feito en Galicia en "Fírgoas de historia e xornalismo". Galicia Hoxe, Comunicación, 5-7-08
Amosaranos o periodismo literario feito en Galicia en "Fírgoas de historia e xornalismo". Galicia Hoxe, Comunicación, 5-7-08
O suplemento dominical de Galicia Hoxe Lecer inicia mañá, domingo 6 de xullo, unha nova xeira de Historia Cultural a cargo do colaborador da última páxina Marcos Valcárcel. Baixo o título Fírgoas de historia e xornalismo, e nunhas cen entregas, pretende facer unha revisión abondo completa da historia do xornalismo literario en Galicia.
Polas Fírgoas irán pasando dende os grandes medios do xornalismo literario e cultural (Alfar, Cristal, La Ilustración Gallega y Asturiana, Revista Gallega, La Centuria, La Noche, Grial, Posío, Xelmírez, Vagalume, Alba, Atlántida, Aturuxo, Xistrasl, Teima, Encrucillada, Tempos Novos, etc.) ata as grandes voces do galeguismo e da prensa galega (A Nosa Terra, Nós, El Barbero Municipal, Nova Galiza, Encrucillada, Logos, Galicia, El Pueblo Gallego, La Zarpa, El Noroeste, Ser, Vida Gallega, a prensa nacionalista clandestina, etc.), pasando polos medios de comunicación máis destacados da emigración (La Tierra Gallega, Vieiros, Eufonía, Galicia Emigrante, etc.); o labor dalgúns destacados xornalistas do país (Valentín Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Basilio Álvarez, Augusto Assía, etc.) ou os escritores que con máis fortuna se achegaron ó xornalismo (Manuel Murguía, Castelao, Ben-Cho-Shey, Otero Pedraio, Vicente Risco, Carlos Casares, Álvaro de las Casas, Concepción Arenal, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Emilia Pardo Bazán, etc.).
Haberá achegas tamén sobre a publicidade, as revistas pedagóxicas, a prensa proletaria ou o papel das mulleres na prensa escrita, entre outros moitos temas.
Esta é a cuarta serie de Historia Cultural que Marcos Valcárcel asina no suplemento Lecer: as anteriores foron Ourense: Universo Literario (2003-2004); As Uvas na Solaina (2005) e Cen Anos de Historia Cultural (2006-2008).
No hay comentarios:
Publicar un comentario