1 jul 2008

Rabo de Porco, de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 30.06.08)

Lin na prensa que uns veciños do bairro de Rabo de Porco, coido que pertencente á freguesía de Combarro, concello de Poio, queren que o seu microtopónimo ou nome de lugar menor sexa suprimido polas autoridades por consideralo infamante. Cecais obre na reminiscencia destas persoas o sentimento, moi arraizado e antigo, de que os descendentes de xudeus conversos (ditos marraos) tiñan un rabo de porco como prolongación do espiñazo. Os alcumes de Rabino e de Rabiño teñen quizais esa orixe respectivamente en Vilanova dos Infantes e en Cangas do Morrazo. A min non me importaría nada vivir nun lugar chamado Rabo de Porco. "Alegría, alegrote;/ o rabo do porco no pote", que dicían as vellas da aldea.E agora de súpeto véñenme á lembranza nomes de pequenos lugares próximos á miña cidade natal, que é Ourense. Soan ben e ledos, coma se fosen escenarios dunha obra de teatro para nenos: Rabo de Galo, Salto do Can, Regueiro Fozado, Cabeza de Vaca.
Que eu saiba, os residentes nunca pediron, coma os de Combarro, a abolición dos nomes dos seus barrios. Pedir pediron algúns veciños da Praza da Miñoca e da Rúa das Teixugueiras de Sampaio de Navia que o concello de Vigo lle cambiase o nome ao lugar da súa residencia, pro este con moi bo criterio, non lles diu tino e non lle puxo os de María Moliner ou Clara Campoamor, que son denominacións de espazos públicos moi presentes na axenda do PSOE confeccionada en Madrid.Despois dunha pequena esculca eu cheguei á conclusión de que a vila vella de Montenegro, nun intre incerto da súa existencia, considerou que tal nome era feo. En efecto, monte, en Galicia, ten unhas escuras e ancestrais resoancias negativas; é o sitio das feras e dos medos. Negro, por cima, relaciónase coa morte e con todo o nefasto. De xeito que algún señor do castelo chairego foi un día e decidiu mudarlle a denominación. O que era monte deshabitado pasou a ser vila e o que era negro e laido virou ao seu contrario en branca ou alba. Así naceu o nome da actual Vilalba. Con todo, os Montenegro fidalgos que levaban o M orgullosos no seu brasón non se sentiron afectados e seguiron chamándose de tal modo, como moitos dos seus servos e criados e así este é un apelido bastante usual en Galicia. Mesmo Valle-Inclán e Álvaro Cunqueiro se chufaban de Montenegro en terceiro ou cuarto lugar e aínda, non sei se en serio ou por enredar, dicían ser parentes.O doutor Antón Palacios, da Facultade de Filoloxía da Universidade viguesa, é autor dun interesante artigo no que explica como algúns topónimos considerados vergoñentos polas xentes ou polas autoridades foron sustituídos por outros na Idade Moderna ou Contemporánea. O caso máis divertente é o da parroquia de Pérros (con é aberto), que en galego non significa nada pois é un topónimo seguramente prelatino. Pro a algún crego castelán, si que lle resultou irrisorio, e mudaron o nome de Pérros polo de Los Ángeles, moito máis celeste. No parou aí a cousa porque no actual Nomenclátor de Galicia aparece galeguizado como Os Ánxeles (concello de Brión). Tamén é verdade que en Samos existe a localidade de Pérros, onde naceu a nai do P. Sarmiento, que permanece co seu nome ancestral moi ben aceite polo veciñanza. E hai outros Pérros. Pois ben, o lugar de Cans, no Porriño, non só nunca quixo cambiar o seu nome, neste caso ben explícito no significado e en galego, senón que lle diu nome a un excelente festival de cinema en formato curto.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Non deixa de ser interesante a hipotética relación entre a toponimia de Rábade /'Arábicus', patronímico medieval non pouco común: Rabaza, Rabo de Galo.../ co calco analóxico de Rabo do Porco. Relacionado remotamente: Razamonde.
A etimoloxía é enganosa, talvez como as actuacións do servizo secreto...
Saúdos, don Marcos, e desculpe.

Anónimo dijo...

Por que non podía ser Arabicus Porcius a orixe de Rabo do Porco???

Non temos culpa de que o galego nunca fose oficial, e de que os nomes se fosen deturpando aos poucos...

Claro é, estou a delirar, fala un burro...

Anónimo dijo...

En vez da cambearlle o nome, tiñan que poñer esta veleta nas suas casas:Veleta.

JAJAJA,miren este:Tí tes sorte. Os teus rizos son naturáis.

A este, estíraselle có aire:TORNADO.

Este, púxolle un laciño:PREMER.

Anónimo dijo...

Eu vou aproveitar para recoller o tema Maria Moliner, Campoamor, etc darlle publicidade á maravillosa idea de chamarlle á nova flota de remolcadores de altura:

"Miguel de Cervantes"
"María Zambrano"
e sobre todo "Don Inda" , que se non me trabuco ten base en Corcubión.

Anónimo dijo...

Dúas cousiñas:
Rábade seica é parente directo de Rabat, capital de Marrocos. Disque nesa lingua de infieis significa tal que barrio, arrabalde -palabra parente, ou algo así.
Témome que Regueiro Fozado é unha hipercorrección de Regueiro Fosado, pois seica os terreos da cidade acababan naquel regueiro metido nun foxo. O topónimo Fosado, ou Foxado, etc. é frecuente e en toda a documentación medieval aparecere como Fosado ou Fossado.
Vai ti ver. Era eu moi novo no século XII, XIII, XIV e XV.

Anónimo dijo...

Don Etxe: Canto o teño encontrado de menos. Alégrome de volver miralo!

Aínda lembro cando andabamos Vde. e máis eu por El Aaiun no 124 sport coupé matrícula SH OOOO...

E Regueiro (está a falar un ignorante) non será un calco analóxico sobre 'Rekaredus', talvez un dos possessores do eido, que triunfou sobre o resto (o nome, digo) pola orografía do terreo?

Ufffffffffffffffffffffffffffffff

Arabicus, Avregus, Africanus... Que cirio de nomes, don Etxe, que cirio.

O meu mánager, Afonso V. Monxardín tío presentoume un reloxo que atrasa dez minutos cada cinco. Logo nos poñemos no século XIV.

Un abrazo, don Etxe.-

Anónimo dijo...

Dacova, cataventos, algo adiantamos pouco a pouco. Cataventos. Seguro que lle queda e o adopta.

Anónimo dijo...

Ok, you´re a star, Precox, thanks. "Cataventos" .It sounds like a very, very ,beautiful, magic word to me. I´ll remind it, from now on, just out of the blue, every time I´ll take a breath during a windy night. I´ll improve my "galego", step by step, with your daily help. But, more important than that, I´ll take to the life strange emotions from my deep heart, using words like this one...I can´t help it...
Cataventos. I will fall asleep, tonight ,while repeating it,like a delicious "mantra"...Cataventos...Cataventos...It seemed like real wind into my mind...Cataventos...

Anónimo dijo...

Step by step ata o triumpho phinal.

Fun eu ôh. Foi sen querere Òh.