12 jul. 2008

viñeta-manifesto

6 comentarios:

marcos valcarcel dijo...

Viñeta reproducida en Arroutadas, no fío dos debates sobre o Manifesto da "Lengua Común".

Anónimo dijo...

Esto xa parece Arroutadas.

A Nosa Terra dijo...

Os turistas a prol de que se fale galego

Europa Press.

Unha enquisa da Dirección Xeral de Turismo confirma que os visitantes a Galiza consideran unha vantaxe a existencia do galego e coidan que a presenza da nosa lingua, á parte do castelán, 'dálle a Galiza personalidade e identidade'.

13.07.2008

Os turistas que visitan Galicia consideran que a existencia nesta comunidade dun idioma propio cooficial ao castelán, o galego, é un dos factores que promoven que sexa considerada como "un lugar especial e non estandarizado" e, en lugar de sinalar este feito como un obstáculo, cren que esta lingua lle confire "identidade".

Así o conclúe un estudo interno, realizado mediante enquisas a visitantes en Galicia, encargado este ano pola Dirección Xeral de Turismo e á conclusión da cal tivo acceso Europa Press. Precisamente, estas conclusións colisionan co manifestado esta semana pola Mesa do Turismo en Madrid, que afirmou que a cooficialidade lingüística nalgunhas autonomías españolas "prexudica a imaxe do turismo español".

Neste sentido, a Dirección Xeral de Turismo manifestou sentirse "en desacordo" coa idea de que a existencia de dúas linguas nalgúns territorios españois, como Galicia, Euskadi, Cataluña, Valencia ou as Baleares, "supón unha dificultade para os turistas" tanto castelanfalantes como estranxeiros, tal e como manifestou a Mesa ao adherirse esta semana ao 'Manifesto por unha lingua común'.

En contraposición, segundo os datos achegados por Turismo a Europa Press, as enquisas realizadas apuntan precisamente ao idioma propio como "un dos valores e elementos simbólicos que actualmente en maior medida sustentan a imaxe de Galicia como destino turístico" e expresan, textualmente, que "non xera rexeitamento" por parte dos viaxeiros.

Nesta liña, Turismo asegurou que os visitantes ven o idioma propio de Galicia como "un elemento diferenciador e representativo" da comunidade, que permite "un maior achegamento á cultura local".

A Xunta cualificou o turismo como un sector baseado "na identidade e a singularidade do destino elixido" e, en contra de polémicas pola lingua usada, recoñeceu a importancia de "contar con persoal ben formado nas linguas cooficiais" de toda España, "pero tamén" noutras linguas como o inglés, o francés, o italiano ou o alemán.

A Dirección Xeral de Turismo de Galicia, xunto cos seus organismos homólogos das Illas Baleares, Catalunya e Euskadi, remitiu a raíz desas conclusións un comunicado para rexeitar as declaracións da Mesa do Turismo, asegurando que "defender un idioma non é expulsar" os visitantes e pedindo que "ninguén utilice a pluralidade lingüística" para "confundir a realidade" da "extraordinaria convivencia que se xera con todas as persoas que gozan das súas vacacións" nestes lugares.

Neste sentido, este organismo autonómico, rexeitou as declaracións da Mesa asegurando que as comunidades españolas bilingües "rexistran incrementos anuais na afluencia de turistas, tanto estranxeiros como estatais" e "representan a área de maior impacto turístico do Estado".

Os hostaleiros, tamén a favor

Nesta mesma liña, o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia (Cehosga), Xoán Silva, fixo fincapé na "hospitalidade" turística galego e considerou que este sector en Galicia "non está prexudicado" pola existencia de dúas linguas xa que, apuntou, "ao final a nosa intención é atender" os visitantes.

"Aínda que estamos sensibilizados co noso idioma, sempre que os turistas nolo requiren intentamos facernos entender, non só en castelán, senón en calquera outro idioma", apuntou Silva en declaracións a Europa Press.

Nesta liña, o presidente de Cehosga asegurou non ter constancia de "ningún problema por esta cuestión", nin de que o idioma "estea a afectar ao turismo" na Comunidade.

No relativo ás sinalizacións e carteis en galego, Silva apostou por que "deberían ser nos dous idiomas" e, aseverou, "de feito en moitos estabelecementos son en castelán e en galego, e mesmo en máis idiomas".

Aínda así, Silva afirmou que a existencia de carteis só en galego "non é tampouco un problema" xa que, este idioma "é moi similar ao portugués, e tamén ten parecido co castelán".

criselda dijo...

Se fosemos normais, as familias falarían normal cos seus fillos. Fixándome no debuxo ocórreseme preguntar: ¿Haberá algún francés que fale inglés cos seus fillos? ¿E algún alemán que lles fale en castelán? En Galicia, moitos pais son os responsables da perda do idioma porque eles non razoan máis e porque ninguén lles soubo abrir os ollos a esta realidade.

Anónimo dijo...

Galego de pobres, pobre galego

Anxel Vence

Máis experto en informática que en filoloxía, un técnico da empresa pública Navantia cualificou eses días de aí atrás como “dialecto de aldea” a lingua (galega) na que un traballador do estaleiro de Ferrol lle evacuara por error certa consulta. Días despois, outro traballador dunha firma de roupa abondou no asunto ao reprocharlle a un cliente o envío dun e-mail en galego, dado que “estamos en España” e a lingua de Rosalía non deixaba de ser, na súa aventurada opinión, “un dialecto do castelán”.
Se cadra pola coincidencia no tempo das dúas anécdotas, o asunto suscitou certa polémica en Galicia; pero tampouco hai razón para sorprendérmonos. Por desgracia, non son poucos os galegos que comparten esa despectiva opinión sobre o seu propio idioma e non sempre por mera ignorancia.
Algúns intelectuais adoitan falar de “autoodio” para explicar a paradoxal relación que os naturais deste país –poucos ou moitos- manteñen coa lingua que lles é propia. De acordo con esta teoría, habería existir aquí unha especie de masoquismo lingüístico tan enxebre coma os grelos ou a choiva que nos leva a botar pestes do galego; pero non tal. Máis ben ha tratarse dun simple problema de renda per capita.
Ben puidera ocorrer que o que algúns galegos odian sexa en realidade o que foron algún día, é dicir: un pobo medio famento e atrasado que se vía na obriga de emigrar por estrictas razóns de supervivencia (aínda que Franco atribuíse a causa ao noso “espírito aventureiro”).
Aborrecemos loxicamente o recordo da pobreza, do arado romano e do minifundio, pero algúns seica van aínda máis lonxe ata o punto de asociar inconscientemente a lingua galega –daquela maioritaria- cos tempos do atraso. Nada custa deducir que esa identificación do galego coa lingua dos pobres (ou directamente, a dos pailáns) sexa a razón que explique a progresiva mingua de falantes dun idioma que ten tódalas trazas de andar en vías de extinción.
A causa obvia é que, a diferencia do que sucede en Cataluña, os galegos tenden instintivamente a falarlle aos seus fillos en castelán aínda no caso –non raro- de que entre eles se comuniquen na lingua do país. Unha creba da transmisión familiar que por forza ha ser letal para calquera idioma.
Nada máis lóxico. O catalán foi e segue a ser un idioma de clases medias e altas, co plus engadido de prestixio que esa circunstancia lle concede. Pola contra, o galego provén “da aldea”, segundo a áspera expresión que lle veu á boca a un técnico de Madrid e se cadra comparten –aínda que non o digan- moitos dos seus concidadáns de máis alá ou máis acá do Padornelo.
O desprezo polo propio idioma non é, sen embargo, unha desas rarezas nas que tanto din que abondamos os galegos. En realidade ocorre algo moi semellante co castelán naqueles países –Estados Unidos, un supoñer- onde a lingua española é a dos pobres e por tanto padece, como aquí o galego, o status de idioma de clase “B”. Tamén os braceiros, empregados domésticos e demais inmigrantes hispanos en Norteamérica tenden a utilizar o inglés para relacionarse cos seus fillos, aínda que entre eles falen en español.
Parece lóxico. Moito máis que unha simple lingua, o inglés é para eles –do mesmo xeito que o castelán para os galegos- un símbolo de progresión social asociado ao poder e maila riqueza. Unha cuestión lingüística vinculada á renda per capita, como xa se dixo. Mal pinta o futuro para esta lingua de pobres que é o galego.

cintolo rei dijo...

Home tamén poderíamos pormos escépticos. Quero dicir, se nunha entrada no blog, verbo dos millóns que a Xunta "dona" ós xornais para facer publicidade do seu traballo (ben co goberno do PP, ben co actual), sexamos escépticos co tema do que pensan os turistas encol do galego e cheguemos a conclusión (non definitiva pero non podemos "obliterar" a duda) de que esa enquisa da Dirección Xeral de Turismo pode ben estar manipulada polos que a fixeron, tramsitiron datos falsos ós xornais e istes, outra vez, poñen o cazo e din o que o Goberno quere que chegue ós lectores: por una banda, que os turistas aceptan o galego sen máis e non lles causa problemas (o que non creo que sexa falso) pero por oura banda que ningún dos turistas está a favor do Manifesto pola Língua Común ou como se chame o invento. Por certo, na fin de semana pasada Savater, en EL PAÍS, daba os seus argumentos encol de interpretación o lectura "falsa" que se facía do Manifesto. ¿Algún comentario ó respecto para rebatilo? Parecía sensato o escrito.