17 sept 2008


Especialistas.
Pan por pan xoves 17 setembro

Outro dos males da comunicación hoxe, sobre todo na Televisión omnipotente, é o imperio dos falsos especialistas. Adoitamos ver, en faladoiros e debates, persoas que din saber de política, economía, cultura, ciencia ou, se é preciso, de química cuántica. E non pode ser: non todo o mundo sabe de todo. Moi pola contra, a maioría dos mortais só sabemos algo de dous ou tres, ou catro se queren, temas concretos. Do resto, podemos e debemos opinar como cidadáns libres, pero só opinar: a poder ser, con humildade, discreción e san escepticismo. E o que domina hoxe é outra cousa: autotitulados xornalistas, politólogos, científicos, etc., capaces de sentar cátedra dende as pantallas sobre todo o humano e o divino. E non todo crego é un teólogo, non? Juan Cruz apela no seu blog á cautela necesaria dos xornalistas no exercicio da opinión: o consello vale tamén para outras profesións.

11 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sabe como comparto a súa opinión, amigo Marcos.

Anónimo dijo...

O consello de Juan Cruz tamén lle viría moi ben a si mesmo. Tanto polo que di coma polo que cala. Por exemplo, nesta entrevista con George Steiner publicada en El País:

Juan Cruz: ¿Insinúa que el idioma es la raíz del problema?
G. Steiner: Quizá. Pero, cambiando de tema, me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego.

Juan Cruz: Igual que es obligatorio en Cataluña compartir el catalán con el castellano.
G. Steiner: ¡Pero no me compare el catalán con el gallego! El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante. Pero el gallego ¿por qué ha de ser obligatorio en una universidad?

http://www.elpais.com/articulo/portada/intento/fracasar/mejor/elpepusoceps/20080824elpepspor_5/Tes/

Anónimo dijo...

Juan Cruz debería reprimir a súa ubicuidade. Vai resultar un pouco indixesto. Un pouco coma min neste bló.
SSS (Soraya Sáenz de Santamaría) aínda debe estar facendo a dixestión. Como lle arreaba á intelixente secretaria do PP!: se empregara a mesma contundencia co Steiner... Pero claro, de mandarín a pope non é mesmo.

Anónimo dijo...

Toda esta xente de Prisa-España (xornalistas, editores e editados polos editores) parécenme estomagantes. Crense os reis do mambo da progresía. Hai que descolonizarse de toda este camándula.

Anónimo dijo...

Quen descolonaliza o descolonizador?

Anónimo dijo...

O descolonizador, por definición non coloniza, polo tanto non hai que desconlonizalo. Sería unha contradicción lóxica.

Curiosao o tempo de colonizar, colonizador.

colon de Cristobal

colon, de recto, que aos colonizados lle dan polo recto colon.

Anónimo dijo...

"Hai que descolonizarse" = traballo que ten que facer cada un. Tamén vostede, anónimo preguntón.

Anónimo dijo...

Manifesto a prol de convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego

http://www.amesanl.org/campanhas/convivenciaeigualdade.htm

Anónimo dijo...

Os camiños da vida
Da Galicia imperceptíbel
XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN
("La" Opinión)
Algúns galegos teñen escrito esta tempada na prensa sobre as palabras despectivas e arrogantes que Georg Steiner proferiu sobre a nosa lingua galega. Manuel Rivas, que é o escritor galego máis traducido e coñecido no estranxeiro, veu decer, entre outras cousas, que o que necesita a nosa lingua (e a nosa cultura) é facerse perceptíbel no mundo. Estou dacordo con el pro mal poden conseguir facernos un perfil visíbel no mundo aqueles que se non consideran a sí mesmos e desprezan a propia identidade.
Se vostedes atravesan as pontes internacionais que, felizmente, unen as dúas ribeiras do Miño verán que, ao entrar en Galicia, non hai cartel ningún que informe de tal feito. Se vostede aterra nun aeroporto de Galicia despois dun vóo internacional non recibirán ningún tipo de información a respecto desta nosa "nacionalidade histórica". Tamén se veñen de fóra por tren e entran na librería da estación comprobarán que alí non hai libros escritos no noso idioma.
Os pelegríns que chegan onda nós de lonxe non encontran no Cebreiro ningunha indicación de que entraron en Galicia e que Galicia é así e asá. Unha vez culminada a súa viaxe, se visitan a libraría da catedral non encontraran ningún libro sobre o camiño de Santiago escrito na lingua do país. Hai xente que está a reclamar que a información sobre Galicia se lle ofreza aos pelegríns xa desde o Bierzo, pero iso sería pedir a lúa. De xeito que son milleiros os suxeitos que fan a rota xacobita e patean unha boa parte de Galicia para, regresando aos seus lugares de orixe, ignorar que estiveron neste vello Reino. Eu estou seguro que se lle preguntan a Shirley MacLange ou á filla de Bush, que fixeron a pé o camiño de Santiago, por Galicia, polo seu idioma, pola súa historia, non saberían contestar.
A desaparición de Galicia ás veces é un feito deliberado. Fábricas de conservas de peixe que comercializan os seus productos con selo de Vigo-España sen mencionar a Galicia son un caso frecuente. Outro sería o de Colin Smith, que publicou o Merlín e Familia en traducción inglesa ocultando deliberadamente que a primeira edición da obra foi feita por Alvaro Cunqueiro en galego. Pro o caso máis estúpido da ocultación de Galicia é o do diccionario enciclopédico portugués de Lelo e Irmão, editorial do Porto cuxa matriz está á mesma distancia da miña casa que a sede da Academia Galega. Esta obra describe así o Miño: "Rio de Espanha e de Portugal, que nasce nas Astúrias, em Espanha, e deságua no Atlântico, em Caminha, Portugal". Se é así como perciben o Pai dos Nosos Ríos, sen ningunha relación cun país chamado Galiza, uns solventes editores da cidade de Porto, cómo nos verán os lisboetas ou os alentejanos? Sinxelamente, non existimos para eles. Certo, as raíces da ideoloxía nacional portuguesa son profundamente anti-galegas. Recoñecer a nosa existencia histórica sería, xustamente, negar o relato consensuado da fundación de Portugal.
Deixemos o caso galegoportugués por imposíbel de ser solucionado. Nós estamos empeñados en ver Portugal e eles nin quixeron nin queren nin quererán nunca ver a Galiza. Os nacionalistas galegos chegan á madurez e ao uso da razón política o día no que
renuncian a Portugal e á fantástica redención que desa república nos poida chegar. E, se os portugueses non nos ven, o resto dos humanos tamén non. Steiner si que nos vé, pero resultámoslle cativos e sen categoría.

Anónimo dijo...

Lendo o titular da entrevista, está claro que cada un fala do que sabe.


ENTREVISTA: Luces LUÍS GONZÁLEZ TOSAR Poeta e presidente do Pen Club de Galicia
"Vivimos nun tempo de hipócritas"

"Estou satisfeito", di, case dúas décadas despois daquel luminoso Remol das travesías. O poeta á contra que foi nos 80 íspese un pouco máis en Estúrdiga materia. "Hai un intento de poetizar aquilo que ninguén poetizou", afirma


"Dinlle moitas voltas". O novo de Tosar (Bos Aires, 1952) cadra as iluminacións da lingua patrimonial, características da súa obra, co resto de achádegos persoais desque chega a Vigo, en 1969, e decide recitar o Martín Fierro con sotaque porteño no instituto. Daquela quedoulle o alcume de Che. Aquel poeta alófono que recupera nos anos 80 a "fala elevada", partindo do ruralismo dun Díaz Castro, non é fácil de atopar nas antoloxías da época. "Eu na onda da poesía veneciana non estaba", ri Tosar, presidente do Pen Club en Galicia. A mesma voz anchéase agora en Estúrdiga materia (Galaxia), como se houbese que quedar en paz.

Pregunta. Fixo inventario?

Resposta. Daquilo que tratamos de evitar conscientemente. A morte como nai da beleza, por exemplo... É un tema que nunca quixen abordar. Sen chegar a presentarme nu, desta volta quixen espirme un pouco máis. Trátase de amosar, xa nesta altura, a capacidade de facer inventario. Ollo, non falo de autenticidade. Por que o poeta ten que ser o auténtico, e o novelista pode ser falsario? Pasou o tempo dos poetas coa moral na boca como pasou a época do impacto amoral. Hai que ser quen de ver o mundo cos propios ollos, non transformar nada, nin contribuír a nada. Só ter, dalgún xeito, a capacidade de entendelo todo. Pero para entender certas cousas hai que pasar os 45.

P. A morte estrutura o libro e a escolla de símbolos.

R. A idea de finitude é unha das ideas que atravesa o libro de arriba abaixo, pero tamén está ese intento de poetizar aquilo que ninguén poetizou. Neses microrrelatos, ou como se queiran chamar, de Contraverso setestrelo... Ese tipo de cousas non se teñen feito na literatura galega. Son poemas de ocasións que ninguén quixo tocar co dedo do poeta. Situación truculentas, complicadas, marxinais...

P. Falta naturalidade?

R. A min interésanme Pasolini ou Ashbery... Aquí o certo é que incluso os que pretenden ser moi irreverentes son pacatos. Agás Abel Mendes, que é a excepción marxinal.

P. Ata que punto revisou a súa propia medida poética?

R. O tempo, por exemplo, dar a medida máis demorada, a que ten que ver coa natureza, aínda que en Estúrdiga... non haxa paisaxe. Si hai natureza, claro. Cada vez conmóveme máis.

P. Segue mesturando a fala viva con certos rexistros da vangarda, sen demasiados requintes formais.

R. Incorporo moitas citas da paremioloxía popular. Estou cunha descrición, por exemplo, e de súpeto métolle "non me fodas no camiño que non son unha cadela". E ao tempo recupero, na última parte, os meus poetas máis queridos. De Cabanillas a Díaz Castro, Víctor Campio, Gonzalo Navaza, Novoneyra, Arcadio López-Casanova, Xohana Torres... A lingua oral ten rexistros fantásticos para a poesía, quizais é a miña condición de neofalante [ri]. Esa estúrdiga [áspera] que titula o libro é a palabra dun carpinteiro. "Como a freba e a veta as ten cruzadas, pásaslle a man e di como estúrdiga", díxome, falando dunha madeira sen puír. Despois pregunteille qué diría cando unha muller é un pouco arroutallo e díxome que tamén diría estúrdiga, que vale para o pau e para a carne. Sempre é así ao principio. Tamén coas palabras, antes de traballalas.

P. Considera cumprida a súa poética nese sentido?

R. Digamos que estou na madurez, e que me gustaría ser lembrado coma un tolo das palabras. É o que me anima. A desconexión entre lingua falada, escrita e propia percíboa entre os meus alumnos de galego. Falantes magníficos que, ante un texto escrito, perden a súa marabilla, como se a reducisen a unha normativa de telexornal e DOG.

P. Ten solucións?

R. Cando os que normalicen sexan eses falantes das aldeas onde se refuxia a lingua, teremos avanzado moitísimo. No poema Aveños pra canción digo que estamos transitando polos alfabetos, e que o que facemos é baternos contra esa desidia... O falante revolucionario, o que dinamita a lingua, é escaso, adoitan ser persoas de idade que non son conscientes da súa arte. Hai que darlles unha oportunidade a eses falantes, sen descoidar a transformación do idioma noutros ámbitos. Por iso digo touza, canga, pioga, xebixugueiro, todas esas palabras patrimoniais con eco de tractor ou fertilizante, e mp3 nas orellas.

P. "Cando me traizoes, non vistas de poeta", dille Blanco Amor na conversa poetizada que abre o libro. É unha declaración de intencións?

R. É unha imaxe que se pode interpretar de mil maneiras. Pensei nun primeiro chanzo para facilitar a lectura, e fun desbotando poéticas ata chegar á idea da conversa. Por que non un monólogo comigo de oínte, e Eduardo dándome ideas sobre poesía nun día de agosto, á raxeira, cando se malla o centeo?

P. Bota en falta actitudes como a do novelista ourensán?

R. Na derradeira entrevista, en La Región, di que sairía á rúa pola liberación dos marxinados, especialmente pola súa orientación sexual, e tamén, como non, se estivese na Arxentina, "contra eses militares que xulgará a Historia". Pero neste momento o que domina o mundo literario e todo o demais é a hipocrisía. Vivimos nun tempo de hipócritas.

P. Dixo que moitos mozos andan "pendentes do famoseo".

R. Interésame moito a obra de Olga Novo, Daniel Salgado ou Oriana Méndez. O do famoseo... Seguín moi de preto o camiño da perruqueira de Arcade, que tantos filtros traspasou ata chegar onde chegou. Esa actitude, no campo da intelligentsia galega, nunca dá os mesmos froitos.

P. É posible que as responsabilidades do Tosar político na época de Fraga escurezan o consenso arredor do poeta?

R. Son moi coidadoso á hora de pedir contas porque amo o ser humano. Fraga chamoume no 90, como chamou a moitos, e eu díxenlle que era galeguista e nacionalista, que militara no PCOE de Líster.... El díxome que traballaba mellor con discrepantes que con pelotas. Nunca fun asesor de Fraga, senón un funcionario en comisión de servizos. Non me pesa ter compartido a ideoloxía marxista-leninista, como tampouco me pesa ter traballado pola cultura galega nesa época. Só sinto que o meu esforzo non valese para máis. A algúns deses moralistas gustaríame recordarlles que aceptaron cargos públicos, que presentaron libros de Fraga... O pau sabémolo manexar todos. Eu sempre fun un ardoroso combatente antifascista, ninguén dirá que me viu recuar nos anos difíciles.

P. O descoñecemento da cultura galega por parte de Steiner, é só un problema de industrias culturais?

R. Houbo bastante inconsciencia na súa resposta, e a entrevista de Juan Cruz en EL PAÍS non é de pregunta e resposta, senón un diálogo fluído moi ben feito, que podería ter sido reconducido. O culpable do que dixo foi Steiner, ao que sempre trataron moi ben en Cataluña. Derek Walcott ou Ernesto Sábato nunca dirían algo así porque estiveron aquí, e Steiner non veu nunca. Pero seguro que nesta altura estará xa moi documentado.

Anónimo dijo...

Este Che é un cachondo:

"Fraga chamoume no 90, como chamou a moitos, e eu díxenlle que era galeguista e nacionalista, que militara no PCOE de Líster.... Nunca fun asesor de Fraga, senón un funcionario en comisión de servizos... tampouco me pesa ter traballado pola cultura galega nesa época. A algúns deses moralistas gustaríame recordarlles que aceptaron cargos públicos, que presentaron libros de Fraga... Eu sempre fun un ardoroso combatente antifascista.

Si, chámaselle "comisión de servizos" e ser "ardoroso combatente antifascista" a facer discursos para Fraga, a ser a man dereita de Pérez Varela, a actuar de inquisidor cultural do PP. Iso si que é "traballar pola cultura galega", home non. Puro sacrificio persoal: un patriota cabal o noso Che, que renunciou ao seu nacionalismo e ao seu comunismo polo ben do país.

Qué curioso: toda esa cohorte de "colaboracionistas" procedían do entorno de Ferrín (Che, Guede, ...). Dá para pensar...