27 oct. 2008

Le Clézio na casa, X.L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo 27-10-08)

A Concesión do Nobel de Literatura a Jean-Marie Le Clézio ocasionou que a atención pública se fixase estes días na obra do interesante autor francés que publicara en 1978 (Gallimard) o seu libro de contos Mondo et autres histories. Nove anos máis tarde,RaquelVillanueva chamou a atención de Luís Mariño, director de Edicións Xerais de Galicia, sobre tal autor e tal libro.Mariño, que ao tempo coñecía ben Le Clézio, animou a Villanueva para que o traducise ao galego, o que ela fixo en colaboración con Valentín Arias. O texto en galego estivo axiña terminado baixo o título de Mondo e outras historias.Na editorial todo o mundo andaba ilusionado coa colección Xabarín e eu vin a Mariño, a Crego e a equipa enteira da rúa do Doutor Marañón, Vigo, traballando a toda máquina para pór o libro nas mans dos mozos lectores aos que estaba destinado en Galicia. De xeito que o Mondo se terminou de imprentar con debuxos de M. Uhía e chegou ás mans dos interesados no ano 1987.Le Clézio estivo encantado de ser traducido ao galego e concedeu razoabelmente os permisos oportunos. A traducción ao galego de Mondo é a primeira que se fixo do orixinal francés a calquera outra lingua do Planeta.A tirada foi de 5.000 exemplares.O que asegura que hoxe Le Clézio no noso idioma se encontra en grande número de bibliotecas privadas e públicas, incluídas as bibliotecas de centros de ensino e mesmo as de prisións. Teño información de que na cadea de Teixeiro, moi concretamente, Mondo suscitou o interese de ben de presos. Todo parece indicar que Jean-Marie Le Clézio, lonxe de ser un descoñecido en Galicia, é, no noso universo lector, un autor moi aprezado.O éxito desta versión ao galego foi validado pola concesión de dous importantes premios a traducción literaria: o do Ministerio de Cultura de Madrid (1989) e o"Ramón Cabanillas"da Xunta de Galicia (1989). Somos agora informados de que Le Clézio, despois de recibir o Nobel, volveu cederlle a Edicións Xerais os dereitos de traducción ao galego, de Mondo e outras historias e doutras súas obras que esperamos que saian axiña á luz. A min chamoume moito a atención unha pasaxe na que Mondo, o protagonista do primeiro conto, que dá nome á colección, olla marabillado como o Sol amence sobre o mar. Para nós, atlánticos afeitos a vermos como o sol se pon cada día sobre a liña do horizonte mariño, esta páxina valiosa de Le Clézio pode chocarnos e sorprendernos moi agradabelmente.O protagonoista da estoria é un rapaciño sen fogar que se move por unha cidade do Mediterráneo situada ao pe dunhas altas montañas. Nunca se di Mediterráneo nin existen indicadores de que a cidade sexa Niza ou Menton ou Mónaco; en todo caso paréceno e os montes evocan moito ben os Alpes Marítimos no conto, que transpira bondade e beleza coma o fan as vellas narracións destinadas aos mociños. Pro en Mondo e nos contos que acompañan a este principal, non hai exemplaridade nin doutrina explícita. Teño entenido que os clézistas galegos están moi interesados en que sexa traducido ao noso idioma unha novela na que o autor admirado nos transporta á sociedade dos tuaregs, este pobo bérbere que foi condenado ao silencio pola historia e que,coma outros de África e non de Africa, no viu nin por unha fenda a luz da desconolización.Estou seguro de que en Galicia e no mundo se vai falar moito deste Jean-Marie Le Clézio que hoxe recibe a atención preferente dos lectores de todo os continentes e nacións.

No hay comentarios: