14 oct 2008


A MIRADA RETIDA ( Marcos Valcárcel, La Región 12-10-08)
O TRÁFICO.

Esta é unha das fotos antigas que me fixo chegar, de forma moi xenerosa, Xesús G. Tobío. El mesmo sitúaa no tempo cara 1955: así amosaba a súa fisionomía a rúa de Capitán Eloy, naquel momento. Recoñécense ben edificios como o Banco de España ou as casas do Cine Xesteira e a que ten hoxe nos baixos a tenda de Cortefiel. Antes chamouse esta rúa a Estrada de Trives e, na Segunda República, rúa de Basilio Álvarez, o líder agrario e do Partido Radical; hai un ano rebautizouse como rúa da Concordia. Por sorte consérvanse varias fachadas, non todas, desta vía que baixa ata o Progreso e deixa ver ó fondo, aínda hoxe, o edificio do Seminario. No cruce co Paseo pódese ver unha “máquina do tren” dunha castañeira e un neno que baixa todo alegre na súa bicicleta. E ben que podía naqueles tempos! O garda coa chaquetiña branca ó seu carón non ten nada que facer, porque aínda nos 50 o tráfico era moi escaso e case non había accidentes no espazo urbano. De feito, aparcados, eu conto un total de seis automóbiles (un deles, un Seat do pai do amigo que me mandou a foto). De seguro viven hoxe ourensáns que xogaron cando nenos no marco desta evocadora imaxe.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

No tempo en que levaba o nome de Basilio Álvarez existía un busto do abade de Beiro no comezo da rúa, ao pé do Progreso. Após do "glorioso alzamiento" o nome foi trocado e a escultura retirada.
RAF

Anónimo dijo...

¿Podíanos dar algún dato máis?
Non lle teño noticia da inauguración dese busto nin nada do asunto e gustaríame, se isto foi así, superar a miña ignorancia.

Anónimo dijo...

Non sei se o Marcos, máis novo ca min, lembrará que ó final da rúa (hoxe) Concordia, na praza que forman Xoan XXIII e Progreso, había un garda de tráfico (creo lembrar que con quitasol no verán) e, nas navidades, a xente deixaba arredor da plataforma ou peana dende a que dirixía,agasallos en caixas: supoño que turróns, botellas de sidra e outros doces. Un daqueles gardas con un sombreiro branco, tipo explorador inglés na India ou Bengala. Fiuuuu, un tira dese fío e chega á Operación Plus Ultra nun tras e ó 1º de maio no Bernabéu. Corto, que capaz é de aparecer a fantasma do marqués de Villaverde e eu de marqueses, senon é Bradomín ou Riscal, sei ben pouco.

Anónimo dijo...

A miña soghra lembra perfectamente ó Capitán Eloy montado nun cabalo. E lembra ter subido ó cabalo do Capitán Eloy sendo unha neniña.

Como pasa o tempo, carafio. Ela vive, recorda, e pasaron vertixinosamente todas esas cousas.

Anónimo dijo...

Contesto un pouco tarde a Etxe que pedía máis datos sobre o busto, pero é que hai días que non entraba por este blogue.
O que sei é que o busto foi entregado á familia e continúa nas súas mans, hoxe sobriños netos de Basilio Álvarez.
RAF

Anónimo dijo...

A mín mo vas dicir, LOBO NEGRO. Cantas veces montoume a túa sogra, ben que o lembro. E non montaba mal, non. Acariñabame o lombo con seu aquel, apretaba as pernas nas corvas con agarimo i eu trotaba ó meu aire para non lle facer dano. Ai, que tempos... Ogallá hoxe alguén me montara coma a túa sogra...

Anónimo dijo...

Perdón, cabalo do capitán Eloy, sonlle ben burro. Debería eu vivir máis acorde coa miña personalidade de lobo e non ter soghra.

Unha membra non fértil da miña alcatea............

Anónimo dijo...

Cabalo do capitán Eloy, acabo de decatarme que vostede é castelán-falante. Salíu vostede de entre nós, pero non é vostede dos nosos.

"Sectarito voy, caminando..."