Curros, poeta (case) coruñés
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 11-11-2008
Hame perdoar o amigo Antonio Piñeiro, compañeiro desde a súa columna chilena -por estreita e longa- de aquí ao lado. Hanme perdoar os de Celanova se lle chamo a Curros Enriquez, para finalizar este ano centenario da súa morte, provocadoramente, poeta (case) coruñés. Ben saben que me gusta levar a contraria pois paréceme exercicio intelectual máis útil que ir sempre ‘coa maoría’, como dicía cando o despertaban nos plenos e lle preguntaban se votaba a favor ou en contra, un concelleiro de Canedo compañeiro da corporación do meu bisavó Nemesio alá polos anos vinte e un ou vinte e dous, que logo, non me estraña, Primo de Rivera os mandou a todos para casa. E que me gusta ver as cousas como aos cubistas, desde varios puntos de vista, aínda que o resultado pareza estraño aos ollos do común. E unha destas formas posibles de achegarse a Curros, é comparar o trato que tivo nas terras ourensás e coruñesas. De aí que lle chamamos pacovazquianamente, poeta (case) coruñés. Sabemos que Curros marcha de Celanova a Madrid, pelexado co pai contra os quince anos. E que, desacougado, vén vivir a Ourense depois do éxito do concurso de poesía de 1877 e bota cinco anos na cidade. Deles, a maior parte do tempo en pelexas con Valentín Lamas Carbajal, cambiando de xornal continuamente e coa descomunal bronca de 1880 en que o bispo Cesáreo Rodríguez denúnciao polo libro ‘Aires da Miña Terra’. E en Ourense é condenado en primeira instancia, e logo absolvido na Coruña. En Ourense bastante silencio, agás un par de amigos (o pai de Otero, Paz Nóvoa...) e en Coruña recoñecementos múl tiples: da Academia, do concello, da xente do común. Lembra en varios poemas a Coruña, -patria do meu pay querida- os seus anos de neno paseando pola praia de Orzán, e a estancia na aldea familiar de Santiso... Coruña, conexión atlántica co mundo pola que marchou dúas veces a Cuba e, se cadra, unha a Londres... En Coruña coroárono e enterrárono. E alí o veneran nun altar cívico de Asorey, inaugurado polo presidente da república don Niceto Alcalá Zamora. En Ourense, algunha homenaxe tivo canda a morte e algunha depois, pero a presenza e popularidade de Valentín Lamas Carbajal, morto un ano antes, en 1907 era máis intensa. Incluso, o primeiro recoñecemento municipal, en 1925 ao poñerlle o seu nome a unha rúa e a un colexio non foi exento de polémica. O alcalde, un tanto brutamontes, non quería pois dicía, ignorante, que era un poeta ‘pornográfico’. En fin, menos mal que hoxe temos a Antonio Piñeiro e á Fundacion para corrixir desde Celanova o esquecemento desta capital ourensá, outrora eclesiática e ingrata.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 2 semanas
39 comentarios:
Quero aproveitar a referencia inicial a Antonio Piñeiro para o cumprimentar con todo respecto e agradecerlle publicamente a oportunidade que me deu de poder publicar algún artigo(tanto en Auria como en La Región).
Grazas, Antonio, por seres tan xentil, tan boa persoa e por universalizar o acervo cultural do Val do Limia e das terras de San Rosendo.
P.D.: Isto non significa que non che desexe o fogo eterno {ás veces} cando leo a túa columna na Región... jeje
Medela relamido, precisas atención continua, deveces por ser recoñecido, retorces na falsedade, non eres inxenuo, eres servil e ruín... coma todolos mediocres.
E se son mediocre, que?
Tamén son medio português, e que?
E se son relambido, que?
'Falsedade' non o encontrei no dicionario... E, evidentemente, captei a súa atención!
Home, porque o Medela sexa ben educado e protocolario, ademais dun punto sobreactuado como "personaxe" no blog, non ten dereito a insultalo dese xeito tan desaforado, Anónimo das 07:38:00 AM. Fixo vostede unha cousa moi fea fóra de testo e debería desculparse. Non se pode ter tan malafollá, home de deus. Vostede non ve que, se facemos así todos, o mundo sería insufrible?
PARA ANONIMO das 7:38. Xa que intentas falar en galñego (perdón: escribir) máis ben emprega o "es" en vez do "eres". "(non) eres inxenuo, eres servil e...". Polo demáis, que lle dean.
Está claro que hai quen quere frustrarme a mina de ouro potencial que supuxo para min o descobrimento de don Júlio Cervantes Saavedra Zane Grey de Lobeira. Un servidor, crítico temible pero non destrutivo e editor de novos talentos literarios que cintilan con luz propia no firmamento dos infinitos blogs que inundan a galaxia internética, foi un dos primeiros en mostrar un interese real e desinteresado pola futura obra de don Júlio, que sei que xa está escribindo apaixonadamente para que este que vos fala lla publique e por fin poda ser recoñecido o seu talento literario. Sexan, pois, conscientes do compromiso contraído e non me distraigan, nen moito menos me boten a perder, o rapaz. Ou por dicilo con mais claridade: Don Júlio ten dono editorial e calquer intento de arrebatarmo vai ser obxecto dunha defensa feroz pola miña parte. Ao tanto.
Disculpe calquera tipo de alusión a Antonio Piñeiro, de quen nunca nada esperei, pero do defunto e bífido recadador das terras de Celanova, non teño porque me desculpar. Se son vostedes os da foto do magosto de máis abaixo, non teño porque me desculpar de ninguén divinos hipócritas, porque entre todos vostedes, detrás désa vontade infinita que aparentan, só hai a mediocre envexa dos que son incapaces, e coa súa incapacidade tapan e adulteran as luces tenues dunha provincia que quer respirar. Pero Medela, por mal nome, o bífido, chivato e cursi decadente, non merece desculpa, o dél e recaudar, mirar debaixo das saias canto máis noxo mellor, e converter en favor os dereitos da probeza. Piñeiro, teña conta ó marchar e dala espalda.
Anónimo das 06//08: É Vde. extremamente xentil. Grazas polas súas palabras de afago, que son para a miña i-alma bálsamo divino, nesta travesía chea de escollos... Sobre todo hoxe, día de biorritmos baixo mínimos.
Ehem. Por que non facemos, Vde. e máis un servidor de Vde., por que non facemos, digo, un filme?
Actores temos, os mellores. Paisaxe, única. Tipismo: Sobredose.
E para o papel de malandro, abondan os extras!
Camôes se dirige a sus contemporaneos
Y me será
atribuido
hasta lo más pobre y miserable
que, sin robarlo, habríais hecho
Nada quedará de vosotros: ni los huesos,
pues alguno de vuestros esqueletos será buscado,
para suplantarme. Para que otros ladrones,
iguales a vosotros, de rodillas, vengan a poner flores en el túmulo
Jorge de Senna
Anónimo das 06//17: Di Vde. que nunca nada esperou de Antonio Piñeiro.
Esperaba algunha cousa de min??
Que esperaba de min??
Pediume que o axudase e sentiuse desprezado??
Por que se sinte tan defraudado por min, ata o extremo de manifestarse con tan intenso odio??
Na verdade, moi mal o debe estar a pasar Vde. para se expresar así, para tentar desprestixiarme dunha maneira tan evidente.
Mi madriña!!!
E non pense, espectral inimigo, que non teño un punto de orgullo por ser odiado tan intensamente, ao modo, no mínimo, siciliano ou albanés: "Do defunto e bífido recadador das terras de Celanova non teño porque me desculpar".
Da mesma maneira, espero que alguén me queira coa mesma intensidade!
Vaia, meu caro amigo Medela. Hoxe tocóulle a vostede. Esto vai por rachas.
Lembre aquelo de "o que non te mata, faite forte", ou a frase que servíu de epitafio ao Cela: "Quen resiste, vence".
Sonlle cousas da fama, Dacoba...
jajajajajajajajajajajaja
Un grande abrazo!
CAMÕES DIRIGE-SE AOS SEUS CONTEMPORÂNEOS
Podereis roubar-me tudo:
as ideias, as palavras, as imagens,
e também as metáforas, os temas, os motivos,
os símbolos, e a primazia
nas dores sofridas de uma língua nova,
no entendimento de outros, na coragem
de combater, julgar, de penetrar
em recessos de amor para que sois castrados.
E podereis depois não me citar,
suprimir-me, ignorar-me, aclamar até
outros ladrões mais felizes.
Não importa nada: que o castigo
será terrível. Não só quando
vossos netos não souberem já quem sois
terão de me saber melhor ainda
do que fingis que não sabeis,
como tudo, tudo o que laboriosamente pilhais,
reverterá para o meu nome. E mesmo será meu,
tido por meu, contado como meu,
até mesmo aquele pouco e miserável
que, só por vós, sem roubo, haveríeis feito.
Nada tereis, mas nada: nem os ossos,
que um vosso esqueleto há-de ser buscado,
para passar por meu. E para outros ladrões,
iguais a vós, de joelhos, porem flores no túmulo.
Non sei que dá, aquí, ler o Jorge de Sena (cun n) en español. Páseno ben na ourensanía.
Entón aquelo de "A fama costa..." complétase con "...aguantala",no canto de "...ganala".
CADERNO ABERTO
Marcos Valcárcel, intelectual e historiador
Galicia Hoxe, 14.11.2008
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Se un intelectual é aquela persoa que produce, e en certa maneira administra, os contidos culturais representativos da sociedade, o historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel responde perfectamente, sen dúbida, a ese retrato; e aínda a definición, no seu caso, fica curta e merece ser ampliada nos pormenores que lle afectan. Eu vexo a Marcos Valcárcel no papel que lle asigna ao intelectual Mario Bunge -o intelectual é aquel que busca a verdade e a difunde, di o filósofo-, mais, ao mesmo tempo, navegou e navega o noso amigo polas augas do que Pierre Bordieu -autor dun texto a estes efectos imprescindíbel: Contra a política da despolitización- consideraba absolutamente necesario como forma permanente de compromiso: a restauración da política, a acción e o pensamento. Velaquí, todo sumado, o perfil nidio de Marcos Valcárcel. E todo isto vén a conto porque o historiador, o profesor, o escritor, o homme de lettres, vai presentar nos próximos días na cidade das Burgas un novo libro, Historia de Ourense, obra esta que se unirá a ese inmenso labor de investigación, documentadísima en todos os aspectos, que Marcos Valcárcel leva realizado, relacionando -é un dos seus puntos maiores de interese- a historia cultural, social, humana e política do galeguismo coa cidade de Ourense. No ano 1987 publicaba xa unha obra titulada A prensa en Ourense e a súa provincia, e logo virían títulos como Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (1988), A cidade da Xeración Nós (1996) e Ourense, craro río, verde sol. A cidade na voz dos seus poetas (2001), entre outros. E non quero esquecer aquí outra obra: Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998). Agora o excelente profesor e tamén gran xornalista literario, compañeiro nas páxinas de Galicia Hoxe, publica unha Historia de Ourense, e os amigos de Ourense e da Galiza toda decidiron facerlle unha homenaxe: puro acto de xustiza poética cunha das figuras máis importantes da cultura galega do noso tempo. Alí estaremos.
ENTREVISTA: Luces MARCOS VALCÁRCEL Historiador
"Aínda temos mentalidade de leiriña"
El País, CRISTINA HUETE 14/11/2008
Marcos Valcárcel está a esperar aínda por Galicia. O historiador e galeguista (Ourense, 1958) mantén o espírito crítico, o ollo ao asexo e a análise sincopada, pero con esperanza ao cabo. Galicia é a que haberá de ser, máis aló da reserva na que, na súa opinión, está enquistada. "Temos que deixar o gueto e ser europeos", reclama asumindo o discurso da Xeración Nós, na que se especializou. Tras anos de investigacións, publicacións e colaboracións en xornais, sempre con Ourense ás voltas, Valcárcel aposta polo divulgativo. Hai case tres anos descubriu o estimulante poderío do blog (As uvas na solaina), ese xeito de xornalismo latexante, de ida e volta, que engancha e recolle aos afastados do papel. Nos próximos días saca á rúa nova obra, unha sorte de manual, para non iniciados sobre a historia de Ourense (Xerais). Oitenta páxinas de aproximación á cidade dende a chegada dos romanos até o século XX. Unha perspectiva que, de tan moderna, é antiga, "semellante ao que se facía no século XIX e comezos do XX". Coincidindo coa publicación, Valcárcel recibirá a semana que vén unha homenaxe dos amigos do mundo da cultura galega. Neste momento de emocións, o historiador aparenta sereo e reflexivo.
Pregunta. Vai vostede a contrapé. En canto o BNG no que militaba toca poder, afástase e vai á reserva civil.
Resposta. Sempre fun un militante crítico. Empecei en Erga e no nacionalismo de mediados dos anos 70, de aí pasei ao PSG-EG e acabei xa no BNG nos 90. Até hai tres anos. Entón xa non me necesitaban e, ademais, había cousas que non me gustaban. Aínda que o BNG cambiou moitísimo, fíxoo con moi pouca autocrítica. Non vin nunca un documento no que se autocriticara pola posición hostil a autonomía que mantivo até os 90.
P. Reclámalle un acto de contrición?
R. Hai cousas agora que tampouco me gustan. Non se poden asumir como se nada proxectos do PP, como o da Cidade da Cultura, que hai uns anos eran horribles. É necesaria unha reflexión. Aínda que tamén é certo que as ideas que ten Quintana, a súa liña reformista, son moi claras e hai que recoñecerlle o gran esforzo por levalas a cabo, considerando que hai moitos
que non comulgan con elas. É necesaria a reflexión para empezar unha etapa positiva para Galicia. Temos que deixar de ser un gueto e pensar como europeos.
P. É un problema de ideoloxía?
R. Non tanto como de captación de bases sociais. Consellerías como Medio Rural ou a Vicepresidencia, que inciden nos sectores dependentes, están a conseguir apoios no rural, pero o das cidades é moi preocupante. Estase a dar a volta á situación do 83, onde a base social do nacionalismo estaba nas cidades e o rural en mans do PP.
P. Nas cidades o movemento contra o galego é moi forte.
R. O caso do Club Financieiro de Vigo, ou o que está a ocorrer con algunha outra asociación que nin quero nomear, é preocupante. Pero o do idioma como sinal de identidade e de fortalecemento dun pobo é un problema de xeracións, non dun goberno de catro anos. Até que o galeguismo non se vexa como marca de estatus, que os líderes de opinión non estean nesa onda, que a nosa imaxe non deixe de ser a dun labrego de máis de 60 anos, non hai nada que facer. É un problema de séculos: a burguesía galega sempre estivo moi arredada da vida de Galicia como país e non hai sinais de identidade, senón ruptura de valores; nin sequera hai un programa na televisión pública que avós, pais e fillos poidan sentarse a ver xuntos. A burguesía galeguista fixo outras cousas, creou algunhas empresas, pero non fixo o que a catalana ou a vasca: fundacións que estudaran o país. Practicou un galeguismo privado e pouco máis. É necesario que políticos e empresarios sexan quen de afrontar unha imaxe de país atractiva en relación coa sociedade. Para que o galeguismo se vexa como marca de autoestima terán que pasar un par de xeracións, porque aínda temos mentalidade de leiriña.
P. E que pensa do papel que está a xogar o PP co idioma?
R. No PP hai sectores claramente identificados co ataque ao galego. Soben ao carro da campaña ditada por determinados líderes mediáticos e, o que é máis sorprendente, mentres, o sector galeguista, ao que representa José Luis Baltar, garda silencio. Pero, tarde ou cedo, o PP terá que virar esta postura. É que hai valores comúns dende o comenzo da autonomía e de etapa de Fernández Albor. Fraga asumiu e respectou o consenso de non crear conflito co idioma.
P. Esa falla de autoestima como está a afectar á cultura?
R. A cultura galega está nun proceso positivo. Hai un nivel moi alto, vai por diante da sociedade. Hai grandes escritores, e o cine e o audiovisual experimentaron un gran pulo, pero, pese a que se fixo moito, incluso na etapa de Fraga, queda moito tamén. Hai creatividade porque hai traballo esforzado, pero tamén confusión. As institucións limítanse a exhibir o que hai, pero non a impulsar novos valores e estanse gastando enormes cantidades de cartos públicos para exposicións de entidades privadas, cando ese diñeiro debería chegar aos grupos pequenos para que fixeran o relevo.
P. A que atribúe o éxito do seu blog?
R. Posiblemente ao intento de ver o mundo dende unha posición galeguista moi cortés, tanto, que ás veces até me sorprende. O blog é visitado por 200 ou 300 persoas diarias e ten case 1.000 entradas ao día, pero hai que ter en conta o nivel dos colaboradores, a maioría con alcumes, persoas relevantes do mundo cultural, xente con moitos coñecementos e que escribe moi ben. Ademais, creo que é importante o clima de respecto que hai nel, aínda que teño que actuar ás veces como censor.
Esta entrevista súa Valcárcel non merece que quede agazapada aquí no blog, precisa que sexa visible e merecente dunha entrada.
.....................................
Medela precisa contención.
A decir das lavandeiras lerchas, mentres delubaban a roupa suxa na auga dos labadoiros, non desbaratar panales e xabón da casa, así porque sí.(Non "dar xabón".
Non enxabone Medela que é malo para as mans...!)
Escusas por eses b´s de lavadoiro, e deluvar!
Obrigado Sr. Xosé M. González, non-o tiña na lingua orixinal, somentes o tiña traducido. Agradézolle enormemente que colgara acá o poema completo e en versión orixinal. Eu non me atrevín a traducilo ó galego por non mudalo sentido tan duro que se percibe na traducción española. Era asímesmo tan duro o ton a empregar naquel momento no blog polo anónimo antiMedela, que só se me acordou mandar aquelo para a cata a cegas proposta tentando neutralizala xenreira contra quen considero inxenuo, imaxinativo e divertido; e inda por riba póñolle a marca o viño de reserva nunha cata tapada!.
Insisto sr. Gonzalez, o meu enorme agradecemento.
Atte. Silverio
Artigo do Prof. Paz na "Región" de hoxe:PREMER.
Qué pasóu?:PREMER.
De nada, Silverio, a mandar.
E agora, o momento da risa. Dedicado particularmente ao amo da casa, que outras veces ten gustado de Vaya semanita
Arxides non quería, pero:
Caaaaraagho! Medela, buey, que usted no tiene quién le proteja, hijo de la gran chingada!, mira que larga el pinche cabrón.
Pero "al que suscribe", por ben menos delicto cercenárono, silenciárono sen compasión, sen contar as veces que se lle reclamou contención, e tivoa, e retirouse; áta poidera que parte da culpa mesmo fora dél, de non se expresar coa debida e consabida e conchapada corrección.
E agora que atacan con covardía e sen mesura a unha das almas do blog, ó distinto, salvo honrosas e tibias proclamas, o politburó nin aparece.
Vaia ser que o Medela navega no gremio dos "sen título", dos Bolaños da poesía da Universidade Descoñecida, poda que para a erudición da comparsa principal aqueles alegatos anónimos sexan merecidísimos, serán temas persoáis dun incerto e descoñecido, e turbio pasado dos que non paga a pena entrar, por fin non é dos nosos, é un "donninguén", universitario da silveira, como lles pareza. E estoume a arrepentir de lles dar aire. Insigne Medela: cree o seu propio blog, artistas da vida e outros infames acompañarémolo; deixe que esta caterva se difumine en canto se respiran o aire encantado úns dosoutros.
Diante do silencio e das portas pechadas na derradeira noite, por sorpresa apresentáronse, petaron con dous golpes de seco, de seca garganta, só o chiar dos ollos que non poden mirar, agrios levárono, como tal ó Forriolo, mesmo aló soarían tamén outros dous golpes secos, désta vez non-os calou o eco...
Traio novas de Poznan, don Júlio. Logo llas conto: son da súa amiga Galicka. Lembra?
Lembro, Arume, non vou lembrar...
Galicka, miña Galicka
máis bonita que ningunha
de día báñate o mar
á noita bícate a lúa!
lalalalalalalala
lalalalalalalala
Mais agora non lembro se Galicka era a nai e Danuta a filla, ou viceversa.
Saúdos. Aquí vai frío. Non che digo nada en Polonia.
Cando regresa, Arume?
E digo eu, non estades caendo nun punto así tipo barroco ref. Endorgarmia?
Non.
Élle costumbrismo psicodélico.
Caseta de tiro lisérxica.
Máis nada.
Estabamos na conferencia de dona Maria Boguszewicz da Universidade de Varsovia, titulada "Antonio Benito Fandińo e “A Casamenteira”, como exemplo da problemática tradición dramática galega", emocionados como pode comprender ao escoitar falar a esta moza de ollos verdes (as polacas, mimá, as polacas) cun acento, unha sintaxe, un léxico, un idioma enteiro rico e portentoso, digo estabamos alí nese mesmo lugar onde ía falar e non falou
Maria Filipowicz-Rudek da Universidade de Cracovia sobre "De cómo vino al mundo Felix Muriel" de Rafael Dieste e a filosofia da existencia ao xeito galego.”, cando apareceu Katarzyna Moszczyńska tamén de Varsovia, que lera todas as novelas en español dos últimos digamos quince anos, xunto a Maja Koszarska da propia universidade de Poznań que tiña unha ponencia sobre os contos fantásticos de dona Emilia Pardo Bazán (todas elas sen sobrepasaren os 35 anos) e preguntaron pola nova narrativa galega. Eu conteilles como puiden os libros que me gustaran nos últimos anos, pero non puiden resistirme a recomendar as alfaias que podía un ler neste blog, en especial as asinadas por un tal Medela de Lobeira. Cando pronunciei o seu nome, amigo don Júlio, unha fermosa muller loira que permanecía silente a carón delas abriu os ollos e murmurou un lene Júlio entre os labios. "Coñece vostede a Júlio Medela?", preguntou entre case saloucos. Cando mirei para a súa cara, humedecida polas bágoas, non quixen averiguar máis. Díxome o seu nome (Galicka) e mandoume para vostede simplemente unha palabra enigmática: krupnik. Vostede saberá. Vostede contará.
Krupnik??
E a señorita non diría 'rosebud'??
Non lembro andar coa churrería por Poznan!
Beixos, polo si ou polo non, para Galicka.
{É estraño, doutor dos Piñeiros, mais o seu modo de escribir, sobre todo hoxe, lémbrame extraordinariamente a Hermann Hesse: "Unha fermosa muller loira que permanecía silente a carón delas abriu os ollos e murmurou un lene... Díxome o seu nome (Galicka) e mandoume para vostede simplemente unha palabra enigmática: krupnik"}
E tamén a un álbum dos Jethro Tull, que escoitabamos en Lobeira ao recollermos as patacas: 'Thick as a brick'.
Lelos é a gloria, señores. Á marxe da dificilísima reacción diante do que veu nos comentarios deste post desde o xoves pasado. Os elos da guerra sucia e os elos do infinito pracer de cada palabra. A gloria tanxíbel de saír catapultado a esquerda e dereita con cada imaxe. A gloria de estar accedendo a unha nova forma dramática e mais a unha teatralidade de formidábel poderío niso que Apicultor denominou a sobreactuación para definiren os personaxes que protagonizan este blog.
Parabéns a todos, tamén, con aceno torto, ao contraheroe, por faceres máis grande a sombra de Medela.
Fódase!!!
Despóis de tantos anos de misterio!. O Cidadán Caín non se refería nin ó seu trineo infantil, nin á c*** da sua muller!!
O que pedía antes de morrer era un grolo de "Roses,Four", e o outro entendeu mal!.
Ou era Vodka?:PREMER.
Enlacéi mal:PREMER.
Estás perdido XDC, xa só pensas no alcol.
Redímete e toma un vermú hoxe no sitio de sempre co Profesor Paz, a miña saúde.
OK. Esta cervexa, da que falo noutro fío, vai á sua saude. Estóuna tomando a carón do Miño, así que río sirve de "fio conductor" do meu brindis, hasta Lugo.
Arumeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeee
Mañá, día 19, ás 20.15 horas, no salón nobre do Liceo ourensán, presentación do libro "SEDUCIDOS POLA FILOSOFÍA" do catedrático de Filosofía (xubilado) Ramón Area Míguez.
Falarán Carme Adán, Ramón Area Carracedo e o autor do libro.
Xa sei que esta clase de entradas adoita a facelas o Marcos Valcárcel, pero bueno.
(Eu, coma un clavo ,a comprar o libro de quen foi meu profesor de Filosofía).
Publicar un comentario