7 nov 2008

La Corte de los Milagros´, de X. L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 7-11-08)


Vexo na tele Pilar Urbano. A xornalista intervén, ex deliquio, cos olliños faiscantes e sen dar terminado unha triste oración, sobre un seu libro/entrevista a lo divino no cal deixou falar a Raíña de España. Fíxome moita graza cando dixo de Rouco Varela algo así como "que Dios le conserve el báculo", pro que facía mal en andar nas manifestacións. "Los curas que se limiten a lo suyo", engadiu ela con esa sinxeleza tan característica do estilo mañico e nada solemne da Escrivá de Balaguer. Ouvindo a Urbano veume á memoria a famosa diatriba contra as beatas que saía en El valor divino de lo humano, libro (dun autor non sei se Urteaga ou Arteaga) que representou (non tanto Camino) a pedra angular sobre a que se edificou en Compostela A Estila e noutros lugares diferentes edificios, non espirituais senón fisicamente tanxibeis, do Opus Dei para dar cobexo a actividades de signo nacional-católico. Sábese que o Opus gosta moito da doutrina da Graza de Estado, por iso "La perfecta casada" de Luis de León e as "Coplas" de Manrique son textos literarios moi aprezados no seus círculos. De xeito que os metalúrxicos deben ser bons metalúrxicos, as criadas de servir boas criadas de servir, os ministros de Franco bons ministros de Franco, os xornalistas bons xornalistas e os arcebispos de Madrid-Alcalá nada máis ca iso. Loitar por saír fóra do propio estamento no agrada aos ollos de Deus, provoca revolucións tribulación e non favorece a santidade das almas. Para Pilar Urbano a clase de tropa que forma a camarilla de Rouco Varela (kikos neocatecumenais, legionarios de Cristo e seitas así) leva o purpurado por mau camiño."O corazón aberto e as portas fechadas", soe decerse no seo da Opus Dei cando alguén o abandona ou cando un competidor disidente lle atranca o camiño a algún membro disciplinado da facción. Pilar Urbano, no mesmo programa de televexo, axustoulle as contas a Jaime Peñafiel usando do tópico vixente na Casa: "como persona le puedo donar un riñón pero como periodista mis puertas le están tan cerradas como las de la Casa Real, donde no lo reciben". Despois do seu éxito, Pilar Urbano parece chamada a ocupar o posto vacante de Sor Patrocinio no retábulo isabelino de Valle-Inclán en versión de debuxos animados.Si, Pilar Urbano acaba de lle render un grande servizo á Casa Real. Chamaba demasiado a atención a simpatía do Rei polos socialistas e, antes, pola xente que aglutinaba Adolfo Suárez. Mercé á Urbano isto contrapésase xa coa identificación da Raíña cos principios irrenunciabeis do Opus Dei a respecto do aborto, da eutanasia, da homosexualidade, obrigado ensino de Relixión e así. Veleiquí unha interesante diversificación das imaxes das dúas testas coroadas. Pro os éxitos do Opus non paran aí.Hai pouco Covadonga O´Shea entrevistaba Amancio Ortega en virtude dos bons oficios interpostos por Francisco Vázquez, veciño do home de negocios na coruñesa Rúa das Tabernas. Covadonga O´Shea é impulsora do novo feminismo católico e da atención que este lle empresta a Pardo Bazán, que tamén morou nas Tabernas. En canto a Vázquez, sempre se supuxo el ser a cabeza visíbel do grupo de presión do Opus Dei no seo do PSOE.O PP cabalga cara o ocaso, coma as personaxes de M.L. Estefanía. Por unha banda a Casa Real non perde o seu ligame co PSOE e pola outra interésalle non cortar os contactos co esencialismo católico. O Opus, con Urbano, asegura esta ambigüidade. Pro tamén o Opus, con O´Shea´, mantén drenadas as canles vivificadoras entre o PSOE e o grande capital.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Cando Ferrín trata de esculcar a realidade do diario parece un autor descoñecido. Para mín, que patina por todolos lados. Mistura, nomes e máis nomes con afan erudito pero insisto que se non soubera quén é pensaría que lle falta un fervor ou que se lle pasou o arroz.
Cantas persoas pensan o mesmo que a Raiña e non son precisamente do Opus, nin siquer crentes nin practicantes de ningunha secta cristiana, nin siquer da católica.

Anónimo dijo...

A influencia do OPUS nos medios de comunicación estatais é moi grande. Na tele, promocionan a personaghetes tipo "el psicólogo en casa" ou "el psiquiatra del desamor" para intentar influír na ideoloxía da sociedade. Mesmo se introducen nos programas de telelixo e de pseudo-ocultismo para facerse notar. Apóianse uns a outros, así que non nos debe de extrañar que estean incrustados na universidade e na política.

Anónimo dijo...

Moito telelixo tes que ver, amigo de case de todos. ¿Quen demo é ese psicólogo en casa? ¿E ese psiquiatra do desamor? Eu nunca oín falar da sús existencia, non digamos xa velos. Non sei se estarás a facer unha investigación profunda das cloacas do Opus, e ese é o motivo de papar tanta tele. Quero pensar que é así e que marcas distancias co que ves, porque temería pola túa saúde mental se papas tantas horas diante da caixa tonta sen ningún motivo. Convén refrescarse de cando en vez e tomar aire puro da serra, que é moi vivificante e tonificante.

Anónimo dijo...

Dizque o Escrivá facía retiros espirituais no Tirol...

Anónimo dijo...

Os que coñecen Lugo, saben que fai anos na Rúa da Miño había o que había.
Cando o Escrivá de Balaguer viña a Lugo, descansaba nunha casona dos Montenegro no medio e medio do barrio chino.
Dunha vez que sabiamos que estaba, xa fai anos, con Uxio Novoneyra, Jesús Vilela e non sei se viña Juan Soto, e algún maís que non lembro alugaramos unha tuna improvisada para que lle foran cantar unha serenata o monseñor.
Tínades que ver a todas as profesionais bailando o son da tuna e os petrucios avergoñados.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Delapierre: é vostede un terrorista. Hai algo peor que unha serenata da tuna?
[Exclúanse os curas castrenses]