2 dic 2008


OURENSE: UNHA VISIÓN HISTÓRICA GLOBALIZADORA

O HISTORIADOR MARCOS VALCÁRCEL DÁ A COÑECER UN CONCISO E RIGOROSO ENSAIO SOBRE O PASADO DA CIDADE DAS BURGAS

Non é a vez primeira que Marcos Valcárcel se interna polos vieiros da historiografía, que eu non me atrevería a denominar unicamente local, pois tanto este libro que arestora chega aos andeis das librarías –Historia de Ourense- como outras achegas que o autor foi dando a coñecer ao longo dos anos, enriquecen, como poucos, o coñecemento que debemos de ter de nós mesmos e da nosa historia, a través da aplicación dun criterio globalizador e xeneralista, exhibindo unha visión de carácter integradora que fai harmonizar os avances na historia con achegas que asentan a súa orixe en fontes arqueolóxicas, económicas, paisaxísticas, arquitectónicas e, xaora, culturais e literarias... Velaquí, sen dúbida, un dos acertos deste volume e que é elemento caracterizador das pescudas do historiador ourensán: traballos de interpretación que concilian a rigorosidade histórica con outras frontes analíticas para abrir, así, novas portas interpretativas do noso presente e, asemade, proxectando as reflexións cara ao futuro.
A través, así pois, de sete breves capítulos, o volume permite viaxar, e non é un eufemismo, desde as orixes da vella Auria, pasando pola marca que deixou a topografía peculiar na cidade ou analizando as pegadas que as distintas épocas históricas foron deixando na cidade ata a actualidade, vendo así medrar unha cidade, por veces chegando a percibir plasticamente a súa dinámica vital ata datas contemporáneas. Conclúe o volume o profesor Valcárcel apuntando a idea crucial, que un asume, de que cómpre identificarse co patrimonio propio e mais coa identidade para garantir un futuro mellor da cidade e promover unha maior autoestima. Sen dúbida, tras a lectura deste ensaio, un decátase de que agora xa está máis achanzado o camiño para acadar ese obxectivo, e estao porque se compendian aquí moitos saberes e moita erudición, mais gobernada por unha inexcusable vontade didáctica e divulgadora, exposta nese preciso punto medio que fai atractiva e áxil a lectura.
Esta Historia de Ourense presentarase hoxe, loxicamente, na cidade das Burgas. A cidade á que o autor rendeu e rende horas de traballo e divulgación agora recoñece o seu labor nun acto de homenaxe. Salientar tanto o rigor dos seus traballos historiográficos, literarios e xornalísticos, por medio dos que tanto ensinou e segue a ensinar, e non só os referidos a Ourense senón a Galicia toda, como destacar esoutro espazo, aquel que atinxe ao seu perfil humano e que o sitúa nese lugar dos bos e xenerosos, resulta hoxe unha débeda, unha obriga que moitas persoas temos contraída con el.
ENSAIO. Historia de Ourense. Marcos Valcárcel. Xerais, 72 pp., 9 €

Ramón Nicolás (La Voz de Galicia, Culturas, 29-11-08)

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Quen carallo serán os rapaces da foto da capa do libro.

Anónimo dijo...

Chamoume a atención xa o primeiro capítulo porque non é habitual que nun manual de historia se faga tanto fincapé no valor da xeografía e da paisaxe como "condicionante" da evolución histórica.
Marcos fainos visualizar o peso da orografía (as terrazas do barbaña subindo cara Montealegre) na configuración da urbe incluso ata os nosos días. (Sempre reivindiquei, tamén neste foro, o papel do noso Barbaña, que eu denomino "a nai Barbaña" fronte ó convencional e manido "pai Miño").

Sendo ocasional profe de xeografía no noso IES fíxenlles observar e patear ós meus alumnos/as esta singular topografía da cidade contemplándoa tanto desde o montealegre como desde o punto oposto: o monte Castelo situado xusto por trás do noso centro, en Cabeza de Vaca. Vimos entón como o trazado das rúas da cidade se axustaba e adaptaba como unha luva ás curvas de nivel que a orografía ía descibindo.
¡Que intelixentes eran os nosos antepasados!

xabimusic

Anónimo dijo...

Vaia.

Có traballo que me costóu no seu día explicar o concepto de "curva de nivel". Si os tuvera levado ó monte do "Castelo Ramiro", e lles fixera observar as rúas de Ourense, tíñao máis doado.

Unha vez entendido ese concepto, e xeneralizando o concepto de "altura" , é doado explicar o concepto de outras "curvas equiescalares", como por exemplo as líneas isobáricas dos mapas do tempo. Unha vez aí, é doado explicar o concepto de campo escalar.
Subindo e baixando por o monte, atravesando "curvas de nivel", é doado explicar o concepto de "gradente", de "derivada direccional", de "campo vectorial"...
Todo eso, sin falar das plantas, paxaros, mineráis ,que atoparíamos polo camiño, dos tipos de nubes, que veríamos aparecer polo MOntealegre, dos plegues e fallas do relieve, dos...


Manda Carallo.

Por qué non me levarían ó Castelo Ramiro o primeiro día de clase, no Bachillerato...

Anónimo dijo...

Xa sabe, amigo Da Cova, que a Natureza é a primeira escola da vida, malia que a institución escolar a teña suplantado polos libros de texto.

Ademais na Natureza, como vostede moi ben apunta, as aprendizaxes danse dun xeitos global, interrelacionado e lóxico e non fragmentado en materias como se adoita facer na escola.

Xabi.