2 dic 2008


Mozambique (por Luís Menéndez)
Entendéndose en galego coas tribos dos macuas.

A Marcos Valcárcel, coa meirande amizade, de sempre.

De delirios e feitiçarias
Teus encantos profundos de Africa

Noémia de Sousa.

-¿E os homes están, aonde?
-Nâo há na aldeia. Estan tudos na massanga.

Foi así como respondeu Eliana, mulher de dezaoito anos, nunha das tantas aldeas macuas –barro, canizo, palma- que abeiran a estrada terrea do norte que vai morrer en Mocimboa da Praia. Neno dormente baixo a capolana de cores, garrafa de cinco litros de auga na cabeza, equilibra o seu camiñar randeante na liña de area vermella que a leva do pozo á aldea seguida doutras mulleres ás que acompañan, coma sempre, multitude de crianças. E sorrindo, pero con indisimulado temor, continúa:

-O trabalho dos homes é fazer filhos, eles son a nossa riqueza. É asím.

Ben, si, ás veces velos cavando naquela terra árida, dándolle cun sacho de media manga, achaiando os terróns da massanga para plantar se acaso algunha papaieira desafiante a sequidade, a salinidade, o vento…Pero os máis deles están a durmir á sombra das acacias ou obrigando os rapazolos a botarse literalmente sobre a calzada provocando a freada do 4x4 e metendo pola xanela media libra de castana de cajú, as mangas de Macomia, un galo pericote…

Estou nun país musulmán, este norte mozambicano. Máis xiíta que sunnita. Mesquitas a eito, pero con cultos diversos segundo as confrarías. Todos se reclaman da umma, isto é, do mesmo Profeta e do mesmo Corán. E o home é o home. E a muller, tamén. Pero custa diñeiro, traballa e camiñan detrás do macho. Así foi de sempre….O Islam chega ata estes afastados contornos de África pero compite coas crenzas animistas aínda enredadas co miolo do saber popular. Tamén neses círculos de fe e confesións sobrenaturais a muller ten rol secundario, semella que asume resignadamente unha inferioridade imposta tras séculos de dominación masculina. Despois dunha danza damba na paradisíaca illa de Matemo, no arquipélago das Quirimbas, a grea infantil que participa despide entusiasta o home branco, rico, colono, “patrâo”, coas tres posicións do choque de mans (palma-polegar-palma). As nenas, xa mociñas, agardan para ao final, e cunha tímida reverencia collen a túa man aberta entre ás delas que suavemente esvaran coma un xesto entre protección e cariño. Pero tamén submisión.

A vela árabe, triangulando o ímpeto do vento, empurra a jalufa cara á illa de Ibo, á que fora capital de Cabo Delgado no tempo portugués. Chegar a Ibo é traspoñerse coma dun soño no que amodo vas camiñando pesadamente sobre un chan esvaradío, as figuras deambulan lentas, lentísimas, por aquelas rúas de area (non se coñece coche en Ibo) escoltadas por palmeiras e jacarandás, mesmo na liña das casas coloniais, estragadas totalmente por decenios de abandono. Baixo un sol cegador das nove de mañá, luz e calor pegañento, sae da escuridade interior dun predio un bacoriño negro, seguido de dúas pitas, para finalmente apoiarse no marco da porta un neno de ollos grandes e pel escura con trazos hindús, esculcando silente o paso do forasteiro…

(Foto, unha danza “Damba”, nas illas Matemo (Moçambique). Fermoso , ¿non? )

No hay comentarios: