23 dic 2008

Soyinka en Avilés, de Luís González Tosar (ECG. 22-12-08)

A Academia Sueca conmocionaba, en 1986, o mundo literario concedéndolle o Nobel a un nixeriano; Wole Soyinka. O premiado tiña daquela 52 anos e, alén dunha obra na que están presentes as literaturas inglesa e norteamericana, mesturadas con elementos da oralidade ioruba, a súa, era un loitador que representou, naquela altura, o cambio de orientación nas letras dun continente que xa non se recoñecía na teoría da "negritude" mantida por Léopold Sédar Senghor e Aimé Césaire. En 2001, co patrocinio da Unesco, celebramos o Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, en Santiago de Compostela. Participaron máis dun cento de poetas, entre os que cómpre salientar dous Nobel: Derek Walcott (Castries, Santa Lucía, 1930) e Wole Soyinka (Abeokuta, Nixeria, 1934). Eran, como dixo Méndez Ferrín nas palabras de presentación, "representantes dunha xeración que abriu fendas contra o colonialismo". Soyinka propúxonos que Galicia era un bo lugar para un Centro de exportación de cultura de América Latina, África e Asia, cara ao mundo hispánico e a lusofonía. Considerábanos unha ponte para un novo modelo. Entendía, o autor de Poemas desde la cárcel, que cultura implica, ademais de identidade, intercambio. Non me estrañou ver a Soyinka participando no proxecto Niemeyer de Avilés, xunto con Woody Allen, Stephen Hawking, Vinton Cerf? traballando polo multiculturalismo. Nós, seguímoslle dando voltas aos contidos da Cidade da Cultura. E cando nos visita un Nobel, Gao Xingjian, dicímoslle que non pode vela "por seguridade". Os grandes asesores, en lugar de contactar co Pompidou, co Barbican ou co Festival de Avignon, andan á procura de rodas de carros e arados de pau; ignoran que temos un Museo do Pobo Galego exemplar. Cultura nacional, para eles, é etnografía morta.

No hay comentarios: