23 dic. 2008

Antroponimia sindical
Afonso Monxardín, GALICIA HOXE 23-12-08

Xa sei que ha parecer pouco científico pero é o que hai. O día que me decatei que a persoa que levaba o mantemento da calefacción da casa se apelidaba tizón e que o banqueiro máis rico e con menos escrúpulos de España era botín dei en cismar no tema.
Partimos do terreo común aceptado nos estudos de antroponimia que indica que os apelidos na maioría dos casos son declaracións de filiación ou descendencia (os Fernández, fillos de Fernando, por exemplo), de terra de orixe (galego, franco, outeiriño), de oficio, profesión ou similar (conde, besteiro), ou fosilización de alcumes que poden responder a caracteristicas físicas (crespo, grande, rubio, delgado) ou apostas a determinados animais ou plantas (raposo, coello, carballo, toxo). Máis ou menos.
Claro que por iso dos tradicionais, pracenteiros e produtivos apareamentos home muller e dos misterios do xene dominante pode haber xente que entre en contradición directa co seu apelido, ou sexa delgados gordos, rubios morenos, raposos inxenuos ou toxos suaves.
En Ourense aínda botamos unhas risas cando hai case dous anos nomearon delegado de Medio Ambiente ao señor Fumega Piñeiro e pensamos moitos se estariamos predestinados polos apelidos ou se estes eran unha consecuencia da historia.
En calquera caso, é simpático pensar que algo pode haber. Vexamos o sindicalismo, por exemplo. O secretario xeral da CIG chámase Seixo e sería a dureza, o combate. E no último congreso de CCOO, eu espectador externo e diletante, vía tamén un combate antroponímico oculto. Unha cuestión de onomástica persoal. O señor Fidalgo nos últimos anos creo que se portou co que representaba no encontro: fidalguía, amabilidade, seriedade, bonhomía e varias outras cualidades que é positivo adornen un sindicalista en época de crise e de non crise. Pola súa banda, o señor Toxo representaría unha reacción sindical máis defensiva, dura e tradicional en época de problemas: a intención de "picar" e "facerlles a vida incómoda" aos que se acheguen con intencións diversas ás defendidas por el e mais polo sindicato.
Confiamos na sabedoría do ferrolán Toxo para combinar os seus espiños simbólicos coas non menos simbólicas flores que nós nomeamos chorimas, coa flexibilidade e estabilidade da planta e coa fidalguía de quen o precedeu. Mágoa que o abrazo fose imposible. Non porque puidese picar ao fidalgo senón porque lle había meter o nariz no embigo.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Ha, ha, ha.
Como se pasa, Monxardín.

Selina dijo...

Considero esta entrada de non moi bo gusto, pois este tipo de argumentos xa foron usados para despreciar a execelten persoas e artistas de gran altura por outros que ó mellor non podían botar man de argumentos máis racionais ou fundamentados.Xa sabemos como funciona a estulticia da vulgaridade, e conste que penso que este non será o seu caso.

AVMF dijo...

Ten razón Selina. Pídolle desculpas a Toxo. Ademais entre sen mangallón desproporcionado como o Fidalgo e xente de estatura normal tirando a baixo como o Toxo, mellor o segundom sen dúbida.
O meu bisavó librou da mili por pequeno e era boa xente.

apicultor dijo...

Eu non creo que o artigo de Monxardín faga exhibición de vulgaridade. Para nada. Eu creo que a frase final é un magnífico exemplo de retranca enxebre, de humorismo netamente galego. Aínda que comprendería que o señor Toxo non opinase o mesmo (pero penso que tanto lle ten).

Selina dijo...

pero... desculificar a xente polo seu tamaño o plo seu apelido!!! nun espazo como este no que a tolerancia debería ser a bandeira... en fin..
Estou dacordo en que o facer político e sindical de Fidalgo deixou moito que desexar, ese é o argumento, en ningun caso a súa pariencia física.
Ah! sr. Monxardín a chorima é a flor da xesta, a toxo é o alecrín.
"Alecrin, alecrin dourado que naceu no monte sen ser semeado..."

AVMF dijo...

En absoluto.
Chorima, derivado dun estraño superlativo latino de Flor (florecísima) é a flor do toxo.

O alecrín, igual que en portugués, en galego dialectal é o que nos chamamos máis ben "romeu" e en castelán "romero".

As flores das xestas, flores son. E eu outro nome non lles sei.

Ata onde eu sei e teño entendido.

AVMF dijo...

Por outra parte eu a min paréceme ben a forma de actuar que tivo Fidalgo, por suposto. Isto é: máis sindicalismo de xestión é menos de enfrontamento, conforme ao mundo no que vivimos.