23 dic. 2008


A palabra de Laxeiro
andoliña 23-12-08

Entre os dez ou quince grandes xenios que nos deixou a Galicia do século XX, sen dúbida hai un lugar merecido para o pintor Laxeiro, do que este ano se celebra o centenario do seu nacemento. E con ese motivo o escritor Carlos G. Reigosa recupera unha entrevista co artista, realizada en 1983 e publicada co título Laxeiro por si mesmo (Xerais). Nas palabras que recolleu Reigosa está o mellor Laxeiro conversador, home de fantasía e imaxinación, creador dun vitalismo insuperable que se reivindica, ós seus 75 anos, como un máis dos pintores novos. Sempre aprendendo, como no debuxo de Goya.
A entrevista quedou inconclusa e o certo é que sabe a pouco: gustaríanos seguir a escoitar a palabra do xenio. O volume compensa esa eiva rescatando cartas e lembranzas de Laxeiro, a través dalgúns amigos. Tamén con textos críticos de Xosé Antón Castro, Antón Patiño e Leopoldo Nóvoa e fotos e obras: o primeiro dos traballos citados é unha boa síntese da evolución das liñas estéticas do artista.
Porque houbo moitos Laxeiros e todos moi grandes. Logrou conquistar unha voz propia. E por iso merece estar, como di Reigosa, nas grandes pinacotecas do mundo da arte contemporánea.

3 comentarios:

Iacobus Von der Stein dijo...

Se algúen ten un cadro de Laxeiro, que o coide moi ben por qué a bon seguro ten dous tesouros, un por diante e outro por trás.

apicultor dijo...

Como non se explique algo mellor, der Stein, alguén vai mal(ben)interpretar a súa frase.

Iacobus Von der Stein dijo...

No Museo de Pontevedra, hai unha exposición do primeiro Laxeiro, que recomendo visitala.
Laxeiro era un xenio, e un pouco trangalleiro, e si algunha vez non tiña lenzo ou material onde pintar, non se cortaba un pelo, collía unha navalla da que non se separaba- foi durante algún tempo barbeiro- recortaba o lenzo do bastidor, volvia a clavalo polo revés, e ¡alehop!, dúas obras o precio de unha.
Non me extrañaría que nos cadros expostos en Pontevedra que hai moito de coleccións particulares, aconteza o que anoto.