26 dic. 2008

Terra errante
Bieito Iglesias, ECG. 26-12-08

O Manifesto Verde Amarelo define a identidade brasileira nos seguintes termos: "A nação é uma resultante de agentes históricos. O índio, o negro, o espadachim, o jesuíta, o tropeiro, o poeta, o fazendeiro, o político, o holandês, o português, o francês, os rios, as montanhas, a mineração, a pecuária..." E o Manifesto antropófago engade: "Só a antropofagia nos une, tupy or not tupy, that is the question", en alusión humorística aos tupís caníbales e á inmensa nación fagocitadora de linguas e culturas de diversa orixe. Non hai moito que lle escoitei dicir a un historiador da emigración arxentino que os países latinoamericanos son verdadeiras trituradoras de diferenzas, de maneira que un galego, un xenovés ou un xudeu ruso apenas se distinguen por algún hábito alimentar unha vez abducidos pola megápole bonaerense. O profesor riopratense contrastaba este dato coas singularidades idiomáticas observadas na península ibérica, para concluír que unha identidade cultural precisa un territorio. Así o proba tamén o feito, notado por este que subscribe, de que dous nenos nepalís adoptados xa grandiños, cando os xuntan os novos pais aquí na Galiza, non dan unha fala na lingua natal e relaciónanse en castelán ou galego.
Todo o anterior vén a conto do voto emigrante nos vindeiros comicios autonómicos. Vaia por diante que son fillo, neto e bisneto de emigrantes a Suíza, Cuba e Montevideo, pouco sospeitoso por tanto de terlle inquina aos transterrados. Pero o voto emigrante ía ao PP cando gobernaba e vai ao PSOE agora que é dono da vara e da besta (das subvencións). O sentido dos sufraxios de alén-mar non coincide exactamente co de aquén e mesmo pode alterar a composición do parlamento. Se a iso lle agregamos a ausencia de urnas e garantías, recuamos aos tempos dos pucheirazos da Restauración Canovista, actualizados por caciques transoceánicos. Hai un galego na lúa, pero pode aceptarse o voto dun lunático?

5 comentarios:

Xosé M. González dijo...

Tiven ata o presente dous alumnos arxentinos, ambos de apelido itálico e cando menos un deles dobremente. A emigración aquí éralles ben doada, porque tiñan -supoño que de oficio- a cidadanía italiana. Dubido así e todo (o Arume igual sabe) que puidesen votar polo Berlusconi, Veltroni ou Alemanno.

Aquí, o dos votos lunáticos ou lunfárdicos seica leva outra tramitación. Aburrido polo evidente do asunto en si e a versión do PSOE, desta volta tenme máis interese o dos mariñeiros que non volven poder votar. Aínda que o seu caso leva pouca traza de espertar moita atención en foros diversos; se un fose mal pensado, igual pensaba que do Bieito Lobeira só se fala cando se fala mal.

XDC dijo...

Para mín, o do voto emigrante nas xeráis inda podía ter un pase. O das autonómicas, bastante menos. Nas municipáis xa é aberrante.

Pero todos sabemos por qué se mantén o "estate quieto" (statu quo) nese asunto: beneficia ao partido no goberno, que é o quen ten poder para cambialo. Como o interés dos cidadáns non conta para nada, seguirá aí "por séculos de séculos" (=decenas de milenios).
O BNG mantén unha actitude coherente no asunto.
Poderíamos pensar que é porque ese voto nunca o beneficióu especialmente, pero, por unha vez, vóulles conceder unha "presunción de sensibilidade cara os intereses da cidadanía, no canto dos seus".

Eu ,como cidadán, estóu "hasta os collós" do asunto das "sacas". Xa sólo por eso, non me merecen creto estes políticos.

Xosé M. González dijo...

A ver se a forza de falar acaban por facernos caso, da Cova. Todos eles.

Que conste que, polo menos, o asunto non pasa desapercibido, e cando menos prometen o voto en urna. Ad kalendas graecas, pero sempre ha de haber quen o recorde.

Anónimo dijo...

Eu xa non lles creo nas promesas dos partidos políticos. E nas de Anxo Quintana, menos, se cadra porque nalgún momento pensei que o BNG podía facer un traballo mellor no goberno.

Non fixeron practicamente nada. Seguimos á cola do estado en case todo, tamén en despoboamento (Lugo, Ourense). Prometeron sacar Ence da ría de Pontevedra e xa se ve o que pasou. O campo galego non ten futuro. Os fillos dos gandeiros deixarán de traballar a terra dos seus pais.

A señora Bugallo lisca do goberno deixándonos unha "cidade" da cultura (sic) que custou o dobre do orzamentado. A súa xestión en patrimonio foi desastrosa, e os galegos nin somos máis cultos nin máis lidos que cando ela chegou.

A morte do galego é imparable, por moito que Touriño (que non o fala, e menos na intimidade) nolo queira enterrar con frautas e chirimías.

arume dos piñeiros dijo...

E os chamados inmigrantes tampouco votan ou se lles dificulta o dereito. Aquí, por moito que nos queixemos, funciona de novo o concepto nación, paliado con lenitivos bondadosos (mesmo con ese eufemismo de nacionalidade), pero que impide votar a xente que vive aquí, por nacer fóra, e deixa votar a xente que non vive aquí pero que mantén ese fío que se chama patria matria ou sangue ou queseieu.
A pertencia (ou non) á tribu como coartada para o voto non parece racional. Sobre todo, a estas alturas.