Mostrando entradas con la etiqueta Real Academia Galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Real Academia Galega. Mostrar todas las entradas

28 oct 2008


francisco fernández rei O Membro MÁIS NOVO dá real academia galega «Prefiro que vos políticos falen mal ou galego a que non ou falen»
Pensa que dicir que ou castelán corre perigo en Galicia é unha falacia
;
di que a Academia ten que ser a máxima institución cultural deste país
O Membro MÁIS NOVO Dá REAL ACADEMIA GALEGA
Por Nacho Mirás Fole
Pois hai quen pensa que ou que está en perigo é ou castelán en Galicia...
-Iso é unha auténtica falacia. Se un Parlamento, por unanimidade, aprobou un plan de normalización, acordado, agora débese aplicar. ¿Entón aparecen con que se quere meter ou galego ou se tal? Un Goberno ten que gobernar e, aínda que aplique unha discriminación positiva, que non é tanto, cara ao galego... home... ¡Estamos en Galicia! Hai que ser amablemente intransixentes non uso diario do galego. Ou castelán segue a gozar de todo ou prestixio, non corre perigo ningún; non tes máis que poñer a televisión.
-¿É catastrofista coa situación dá lingua?
-Non. Son moi consciente do que había hai trinta anos e son moi consciente do que hai hoxe. Con todas as carencias que pode haber, con todos vos defectos e problemas de normalización. Tamén teño claro que ou nacionalismo foi ou motor fundamental dá normalización e dá dignificación do idioma. Pero ou idioma é de todos, e na normalización caben todos, galegos de nación e galegos de corazón.

7 jul 2008


Ramón Piñeiro a debate
La Región, 7-7-08. Caricatura de Siro López.

Letras 2009. Xa poden ir preparándose. A Real Academia Galega aprobou o sábado dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a don Ramón Piñeiro, falecido en 1990. Era unha opción das posibles e había outras moitas tamén merecidas: por exemplo, nomes como os poetas Manuel Luís Acuña e Florencio Delgado Gurriarán ou o ensaísta, novelista, poeta e autor teatral Ricardo Carballo Calero. Entre outros. En canto a nova chegou ós diarios dixitais, algunhas webs e blogs empezaron a botar fume. Como era de agardar. ‘Traidor á patria’, ‘filonazi’, ‘axente da CIA’, foron algunhas das primeiras babecadas asinadas sempre dende o covarde anonimato. En realidade, a Academia foi valente porque non ignoraba a transcendencia da súa decisión e a hostilidade visceral que o nome de Ramón Piñeiro provoca en certos colectivos, sobre todo no reintegracionismo e nacionalismo máis antisistema. No propio goberno bipartito a figura de Piñeiro, que eu saiba (creo que non me equivoco), foi sempre negada por unha banda substancial do mesmo, empoleirada en dubidosas teorías conspirativas arredor da nosa historia recente aínda non revisadas.
Referencia moral. A Academia xustifica o seu acordo arredor da figura de Ramón Piñeiro pola ‘dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura’, por canto ‘debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións’. (...) (...)

5 jul 2008


A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2009 a Ramón Piñeiro López
A institución recoñece a "dedicación, total e desinteresada" deste editor e ensaísta pola "defensa de Galicia e a súa cultura" (Galicia Hoxe, 16,41 h.)

Confirmouse o ruxe-ruxe que xa adiantaba hoxe El País. Vai ser un Día das Letras polémico, quizais, nalgúns sectores. Pero máis que merecido pola entidade xigantesca de don Ramón Piñeiro en favor da nosa cultura. A Deputación ourensá propuxera por unanimidade dos tres grupos o nome de Manuel Luís Acuña, que tamén o merecería. Como outros que seguirán en lista de espera como Ricardo Carballo Calero ou Florencio Delgado Gurriarán.

A Real Academia Galega, na sesión ordinaria do seu plenario celebrado hoxe en A Coruña, decidiu dedicará o Día das Letras Galegas de 2009 a homenaxear a Ramón Piñeiro López, galleguista e editor nacido en Láncara (Lugo) o 31 de maio de 1915 e que faleceu en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990. Segundo destacou a institución cultural galega, "a dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións".
A Real Academia Galega eloxia os seus traballos sobre pensamento e filosofía, principalmente dedicados á 'saudade' --nostalxia-- , así como as súas traducións, en colaboración con Celestino Fernández de la Vega, das obras de Pokorny e Heidegger. Estas supuxeron no seu momento "un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber".
Tamén se destaca o seu labor no campo do ensaio, que aparece parcialmente nos libros 'Olladas non Futuro', 'Galicia', 'A Linguaxe e ás linguas', 'Lembrando a Castelao', onde están os eixes fundamentais do seu pensamento que apuntan á "necesidade da reafirmación cultural de Galicia como camiño fundamental para a súa realización como pobo".
Ramón Piñeiro López tamén actuou como promotor da normalización da lingua galega nos anos difíciles da posguerra. Así, son numerosos os artigos e as actividades neste campo, entre elas, a publicación do 'Dicionario Enciclopédico de Don Eladio González (1958-1961)'.

21 may 2008

Na frente unha estrela, de X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo 19.5.08)

Foi inaugurada na Casa dos Poetas de Celanova unha conmovente exposición sobre recordos e pertenzas de Curros Enríquez, no centenario do seu pasamento e enterro na Coruña. Boa nova que conxugaremos co traslado do monumento a Curros dendesde seu desterro ao centro de Vigo de onde un alcalde franquista o tiña expulsado. A exposición de Celanova leva o rubro dun poema dedicado a Rosalía por Curros: NA FRENTE UNHA ESTRELA. A estrela, como símbolo da Liberdade, do Xenio, da Enerxía Criativa, da Emancipación. Trátase seguramente da estrela vermella de cinco puntas que Castelao puxo onda unha fouce de ouro no escudo republicano de Galicia, deseño que, obviamente, non figura entre os símbolos oficiais hoxe, por non ser de substancia autonómica senón nacional e popular. De modo que a exposición de Celanova chámase NA FRENTE UNHA ESTRELA. Ordenou de facer a exposición a Academia Galega e executouna, co concurso do Patronato Curros Enríquez, X.L. Axeitos. Beizón aos leais e pertinaces! (...)
(o artigo completo)

17 may 2008

Álvarez Blázquez – A Academia en Vigo (notas telegráficas)

Bastante ben os actos do 17-M en Vigo. Moi ben os tres discursos sobre o homenaxeado: Vítor Freixanes (centrouse no editor), Darío Xohán Cabana (no poeta e investigador), X.L. Méndez Ferrín (nas súas esculcas sobre Vigo e no seu papel anovador publicando-descubrindo textos de Gonzalo Morullo ou de Anxo Rey Ballesteros). Barreiro, o presidente, rematou cunha contundente intervención sobre a necesidade de salvagardar a memoria histórica e facer xustiza ás vítimas, que rematou cunha cita moi axeitada de Juan Gelman. O local, o Auditorio do Concello, quizais pouco axeitado, pouco cálido. Algúns académicos botaron en falta maior mobilización da xente de Vigo: tamén dicían que o acto estaba mal anunciado polo Concello (mal polo Concello, prefiro non precisar, pero moi mal: só saír na foto e nada máis).
Si estivo case toda a saga-familia: os Álvarez, Álvarez Cáccamo, Álvarez Gándara, Xosé Lois Bóveda, etc. Faltou Xosé, o irmán maior, enfermo estes días e encamado: houbo moitas lembranzas para el, mesmo do presidente da RAG. E foi Afonso Álvarez Cáccamo o protagonista doutra nota de color. Tocouse o himno galego, con Ferreirós á gaita, e dende a mesa pediuse que a xente tamén cantase. Ferreirós rematou na primeira parte. Desconcerto. Alfonso A.C. e a fila da familia seguiu cantando e seguimos todos, e as autoridades sumáronse, qué remedio. Ferreirós incorporouse de novo coa gaita, aínda que todo un pouco mal acompasado.
Un dos momentos máis emocionantes: o aplauso entusiasta de todos/as á viúva de Xosé María, ó remate do xantar no Museo de Castrelos.
Logo, inauguración da placa en Travesas, co alcalde, e intervencións de Afonso A.C. e da poeta Luz Pozo.
A Academia estaba case en pleno, case todos os numerarios e uns cinco correspondentes. Ademais dos académicos, andaban por alí e puidemos falar con todos eles, M.Bragado, X. G. Palmeiro, M. Vidal Villaverde, Anxo Angueira, e outros que esquecerei sen querer.
Do resto tiven ocasión de saudar, despois de case 30 anos, a Xesús López Carrera, que agora é o concelleiro de cultura en Vigo (do BNG) e ó vello amigo o Chicho do Carballiño (sobre todo, amigo do meu irmán maior), que alá está instalado e mandou lembranzas para min (e para todos) de Lula Fortune, que traballa con el.
Tamén moitos comentarios sobre a falta de sintonía BNG-PSdG vigueses mesmo nunha data como esta: se non hai un mínimo de unión sequera no plano cultural... (Do PPG creo que non había ninguén: cando menos que eu recoñecese...).

12 may 2008

























Da xornada de Celanova (fototeca)
A imaxe do grupo que escoita atentamente a Méndez Ferrín mándama Xoán Fonseca: de esquerda á dereita, Xesús Rábade Paredes, Xoán Fonseca, M.V. , Ramón Villares e Andrés Mazaira. As dúas imaxes das estatuas son de Trebolle e das que falou tamén Ferrín: o Curros de mirar revirado (aquí parece que segue cos ollos o voar dunha pomba) e o Celso Emilio de Acisclo Manzano, case na entrada do mosteiro. O resto das fotografías son de Xulio Outumuro (clicar nas fotos para ampliar).

11 may 2008


A ACADEMIA EN CELANOVA.
Dereito a ser rebeldes. Pasaron 57 anos desde a última xuntanza da Real Academia Galega en Celanova. Daquela, 1951, o motivo era o centenario do nacemento de Curros e a inauguración do busto de Asorey. O pobo de Celanova encheu as rúas, testemuñan as fotos. Naquela sesión entraron na RAG Xoaquín Lourenzo e Xesús Ferro Couselo. O pasado sábado, co concurso da Fundación Curros Enríquez, a Academia quixo renovar ese compromiso coa vila de Curros e Celso Emilio, nos cen anos da morte do primeiro. E aló se desprazaron case todos os académicos nun denso programa cheo de contidos e emoción. Só hai agora espazo para subliñar algúns trazos. Como o magnífico discurso de Méndez Ferrín diante do busto de Curros, que empezou lembrando a data de 1951: daquela o neno de trece anos Xosé Luís viu aquel suceso dende a súa bicicleta, camiño de Vilanova. Agora, Ferrín invocaba toda a potencia do verso currosiano e a forza estética da efixie do poeta que mira como revirado cara o mosteiro: agora, así son as cousas, en realidade mira a inmensa cabeza do seu discípulo Celso Emilio, esculpida en pedra alí preto por Acisclo.
Tamén estivo brillante Xosé R. Barreiro Fernández nas súas dúas intervencións da xornada: apelou ó poder das vilas na defensa da galeguidade do país, por riba das cidades cada vez máis castelanizadas, e, pola tarde e na Casa dos Poetas, invocou o dereito a ser rebeldes e mesmo a necesidade desa rebeldía no ronsel do exemplo ético do poeta republicano e progresista: “non se pode comprender a Curros sen afrontar a súa ideoloxía”, dixo o presidente da Academia. Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, centrouse na identificación co pobo de Curros, o poeta coroado en 1904 entre o aplauso e a aclamación dos coruñeses e do mundo intelectual galego, como demostra a exposición que se inaugurou tamén o sábado na propia Casa dos Poetas. María do Ceo. A música foi fundamental en toda a xornada: Celanova é vila literaria e musical. Sonou a Marcha do Antigo Reino de Galicia e tamén a Marcha procesional de Tui, interpretadas pola Banda de Celanova, unha das máis antigas de Galicia (fundada antes de nacer Curros). A Coral Solpor tamén participou con varias das pezas máis recoñecidas do poeta. E María do Ceo, con ese aquel de acenos musicais portugueses, encheu de emoción o Mosteiro cantando, acompañada de músicos lisboetas e de Aveiro, os poemas “Ai!”, “Unha estrela me namora” e “A Rosalía”, os tres do creador de “Aires da miña terra”, ademais de “Terra de proseguir e non dar nada”, de Méndez Ferrín, un auténtico himno e epopea da nosa identidade telúrica e colectiva. Ten moito mérito cantar tan ben como o fai María do Ceo e soster, sen grandes apoios exteriores, unha sólida carreira profesional que xa está a dar os seus mellores froitos.

Curros Enríquez por sempre. Políticos e intelectuais rendiron unha cálida homenaxe ó poeta en Celanova no centenario da súa morte
(Imaxe: Miriam Gilbertsson, tataraneta de Curros, na homenaxe diante do busto de Asorey, foto da web de La Región).
* Barreiro proclama que el pensamiento de Curros Enríquez ´está vivo y muy vigente´ (V. Rodríguez en Faro de Ourense).
* Ferrín reivindica a construción nacional na homenaxe a Curros (Cristina Huete en El País).
Nota: mañá publicarei aquí unha ampla crónica da xornada en Celanova, do contido dos discursos e das actuacións musicais de María do Ceo, Banda Municipal de Celanova e Coral Solpor. Como adianto, vai agora xa a "crónica social":
Estiveron presentes os académicos, ademais dos xa citados (Barreiro Fernández, Méndez Ferrín), Ramón Villares, Olga Gallego, Darío Xohán Cabana, Antón Santamarina, Salvador García-Bodaño, Xosé L. Axeitos, Luz Pozo Garza, Manuel González, Rosario Álvarez, Xesús Ferro Ruibal, Euloxio Ruibal, Ramón Lorenzo, Río Barxa e Francisco Fernández Rey, ademais dos correspondentes Xosé Mª Lema e este cronista.
Outros escritores presentes foron Luis González Tosar, Xesús Rábade Paredes e Helena Villar. E tamén andaban por alí os artistas Acisclo e Virxilio (este coa súa filla), Xoán Foseca, Segismundo Bobillo, o deseñador Pepe Barro, o editor Francisco Rodríguez, o realizador da TVG Carlos Menéndez, Francisco Fariña, Bieito Ledo, Xulio Outumuro, Andrés Mazaira, Javier Casares, Xosé M. Cid, Xaquín Vales, Fernando Román, etc. E, por suposto, Antonio Piñeiro argallando todo con xeito.