Antón Baamonde
Hai un par de meses o amigo Antón Baamonde estreou blog en O Café na Trincheira.
Di, como sempre, cousas sensatas. Velaí:
Vaia por diante que me conto entre aqueles que son favorables á existencia do estado de Israel e que xulgan que a existencia dese estado constitúe unha salvagarda para o pobo xudeu: para que non se repita a shoah e o exterminio. Pero a invocación do propio sufrimento acumulado non xustifica o sufrimento causado a vítimas inocentes, que foron desposuídas da súa terra, obrigadas a escoller entre o exilio ou a submisión aos seus novos amos. Só haberá paz en Oriente próximo se Palestina e Israel se recoñecen o un ao outro. Dous estados en Harmonía. Esa é a utopía sen a que veremos a guerra sucederse xeración tras xeración.
Pero non é esta a visión que alimenta hoxe Israel. O que busca o estado xudeu é mostrar a súa supremacía absoluta, demostrar que a derrota que lle foi infrinxida no Líbano por Hezbolá non tornará a suceder. O que Israel busca a través do exercicio do terror indiscriminado é mostrarlle aos palestinos que non teñen máis camiño que someterse aos seus ditados dunha vez e para sempre. É unha visión totalitaria que eles adornan co prestixio do realismo político.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
24 comentarios:
8 de xaneiro de 2008
MANIFESTO CONTRA DOS ATAQUES A POBOACION DE GAZA
Organizacións sanitarias en defensa do dereito á saúde da poboación civil
A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e Médicos do Mundo, ante os graves acontecementos de Gaza, queren manifestar:
1) A intervención do exército israelí, un dos mellor equipados do mundo, contra Gaza non só é unha resposta desproporcionada aos ataques con foguetes lanzados desde Gaza contra Israel, senón que representa ademais unha grave violación do dereito internacional humanitario, definido polas Convencións de Xenebra, como así o denunciou o Relator Especial de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Estes ataques contra Gaza cobráronse centos de vítimas entre a poboación civil desarmada, incluíndo persoal médico, así como nenos e nenas, que representan un 41% das vítimas, segundo datos da OMS.
2) A poboación de Gaza é vítima ademais desde fai meses dunha agresión continuada provocada polo bloqueo dos pasos fronteirizos a través dos cales abastécense de alimentos e medicamentos, así como pola destrución dos seus sistemas básicos de subsistencia.
3) Estes graves feitos colocaron á poboación de Gaza nunha situación de urxencia humanitaria que no ámbito da saúde tradúcese nunha situación de colapso ante os ataques contra persoal e infraestruturas sanitarias, escaseza de medicamentos e outro material médico, así como de combustible para a produción de electricidade nos hospitais por medio de xeradores, que se suman á falta de alimentos e outros servizos básicos (como auga potable, recollida de lixos, etc).
Conscientes como profesionais sanitarios, de que, tal e como sinala a Organización Mundial da Saúde, ?a paz é a premisa fundamental para a saúde?. Recordamos que o dereito á saúde debe ser garantido en situacións de conflito e de ocupación, e que o dificultar a atención sanitaria ás persoas feridas supón un crime de guerra.
Polo que esiximos:
- O cesamento da agresión ao pobo de Gaza.
- Valoramos positivamente o cesamento do fogo de tres horas diarias anunciado por Israel para permitir a entrada de axuda humanitaria á Gaza, pero consideramos que non é suficiente, polo que esiximos a apertura de canles estables e seguros para poder trasladar axuda humanitaria urxente a Gaza e poder restablecer os seus dereitos básicos á vida, á saúde, á alimentación e a unha vida digna.
- Unha resposta máis firme da comunidade internacional, e especialmente da Unión Europea e de Nacións Unidas, que garanta a paz e os dereitos humanos na zona.
Animamos aos profesionais sanitarios e aos cidadáns a sumarse ás convocatorias de mobilizacións que están tendo lugar en diferentes cidades españolas a favor da paz na zona e en solidariedade coa poboación civil de Gaza.
FEDERACION DE ASOCIACIÓNS PARA A DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
E eu me pregunto sin ningún ánimo maís que o meramente polémico, non é certo que no Congo están a morrer entre un mes e outro unhas mil persoas na guerra, e ningúen se manifesta por elas?. Pobriños, seica hai mortes de primeira e de segunda.
Stein: concordo completamente con vostede.
A xente mira para onde se lle fai mirar... e ademais está o politicamente correcto. A todas as nosas conciencias fáltanlles varios anacos.
Bravo, Iacobus.
Seguramente teña razón Iacobus, e todos eses que nos manifestamos onte en contra do exterminio do pobo palestino o fixemos porque nos importan un carallo todos o demais mortos, no Congo e no resto do mundo. Para preocuparse por eles, afortunadamente, xa están todos os que reiteradamente nos lembran que debemos amosar indeferenza polos masacrados en Gaza porque tamén hai otros na mesma situación noutros lugares do planeta.
Non, querido Insensible. Iacobus non nos dixo que debamos ser insolidarios cos mortos de Gaza. Iacobus plantexa o incómodo dilema ético ou moral que atinxe practicamente a todo Occidente no que se refire o exterminio programado con cálculos posiblemente fríos e perversos de canta máis mellor cantidade de poboación de todo un continente.
Israel e o pobo palestino, créame se quere, comezan a ser -son, en realidade, desde hai moito tempo- unha angueira insoportable para min. Pero a traxedia de África, tanto a que se dá nas súas entrañas como a que cuspe cara a nós en pateras e caiucos, tamén. Como ser humano practicamente impotente perante ámbolos dous holocaustos -permítaseme a licenza- síntome concernido, interpelado, reclamado, xulgado e, seguro, condenado.
(De todas maneiras hoxe mesmo o suplemento semanal de El País leva á súa portada a traxedia do Congo)
Estimado Sr. Disimulando:
Entendo perfectamente o que di e compártoo absolutamente. A súa anotación anterior que contén a interesante afirmación " a todas as nosas conciencias fáltanlles varios anacos" xa deixaba entrever que este era o sentido da súa opinión. Pero, sinceramente, non era ese o mesmo sentido que lle atribuía a anotación do Sr. Iacobus, aínda que seguramente vostede teña razón e sexa iso tamén o que quixo dicir. Quizáis eu erroneamente percibín un ton distinto no seu comentario. Mea culpa.
Asegúrolles que a miña indignación neste momento co xenocidio palestino en modo algún supón que para min existan mortos de segunda.
Sobre o sr. Vargas LLosa e EP/alfaguara prefiro reservarme a miña opinión.
Agradezo, amigo Insensible, o seu recoñecemento. Ó mellor, ¿quen o sabe?, o noso mínimo intercambio de pareceres serve para algo. No tocante a Vargas Llosa e EP/Alfaguara, como vostede di, non teño opinión. Nin sequera sabía que o asunto ía con el. Só vin de pasada a portada do suplemento colacado encima dunha mesa da miña casa polo meu xenro.
Gracias, pois.
E o Obama inda non fixo declaraciós, nun senso ou en outro, ou anuncióu algún tipo de medida do seu país?.
Se o teñen a ben, eu agradecería que expuxesen a súa opinión sobre a reportaxe de Vargas Llosa sobre o Congo. Grazas.
Pola súa culpa, señor Apicultor, lin o que non pensaba ler: Vargas Llosa. Primeiro, no xornal, o artigo Morir en Gaza. Logo, cando o suplemento quedou libre, a reportaxe titulada con moita facilidade, se se me permite dicilo, Viaje al corazón de las tinieblas.
Non vou facer unha análise de fondo nin do artigo nin da reportaxe.
O artigo, Morir en Gaza, paréceme aceptable e plausible en todos os seus termos. Non apreciei ningunha disonancia ideolóxica e semella estar escrito desde o sentimento sincero. Non engade nada que non se saiba, talvez, pero tampouco non está de máis que alguén nos axude a reflexionar sobre os espantosos sucesos que nos deixan absolutamente enervados día tras día.
Na reportaxe si que atopei, axiña, unha rotunda disonancia. Non necesariamente no texto, senón na súa relación coas fotografías que o acompañan. Por exemplo,¿onde están eses pigmeos que se nos describen con profusión de rasgos epatantes e conmovedores? Os supostos congoleños que aparecen nas fotografías preséntanse ben mantidos e pouco "sufrintes". Penso que ese, o ton afastado da traxedia que se pretende ilustrar, que se detecta nas fotografías, contamina todo o texto. Calquera podería dicir que foi escrito de lonxe, utilizando e glosando datos remitidos desde "a fronte" ata algún lugar da retagarda. Non sei. É a impresión que tirei.
Desexaría que non fose fruto dun prexuízo. Espero que alguén me axude a dilucidar.
De todas maneiras, supoño que o texto pode ser útil. Para quen lé sentado nun confortable sillón, ó arrimo dun bo radiador e coa andorga chea, nunha tarde de domingo, quizá resulte útil. Non sei.
Eu admiro a Vargas Llosa.
Agardo, agora, a lapidación.
Seremos, pois, dous os lapidados, Arume. Dende hai moitos anos sigo con admiración a carreira literaria de VARGAS LLOSA, capaz de escribir novelas tan xeniais como LA FIESTA DEL CHIVO.
A reportaxe -máis que correcta, todo hai que dicilo- de VLL sobre o Congo que hoxe nos presentan, é un loable acto de información que trata de botar luz sobre un rincón escuro do mundo e de amosarnos a atrocidade humana? Foi este señor alí a facer unha reportaxe?
Ou é un acto de promoción da próxima novela deste señor, que casualidade, ambientada no Congo para tentar emular a Conrad?
Pois non o sei. Haberá opinións para todos os gustos.Supoño que o que se tratará é de aproveitar recursos de xeito que, postos a pagarlle a viaxe para que se documente, obtemos un artigo - dun ton un tanto distante, concordo con Disimulando- que nos da unha portada para o domingo unha estrela case solidaria e intrépida que compense o absoluto esquecemento de do sangre verquido por esta xentiña en África a diario xentiña, e , de paso, xa imos adiantando en propaganda.
Lexítimo. Mellor ca nada. A reportaxe paga a pena.
EP leva toda a semana promocionando o artigo baixo o lema "VARGAS LLOSA NO HA OLVIDADO EL CONGO, Y TÚ?", cunha foto do autor entre negriños propia dun anuncio de Camel.
Pero escribiu isto porque "no ha olvidado el Congo" ou haberá outros motivos comerciais?
Acepto calquera crítica desa natureza que poda recibir Vargas Llosa. Ten vostede moita razón. Seguro que é así. Pero, aínda con estas circunstancias, resulta admirable que un home con 72 anos ande por aí (con facilidades, claro) en troques de ficar na casa tranquilamente. Penso noutros moitos que dan leccións morais e políticas desde casa ou desde lugares confortables e danme arrepíos.
Non me sinto aludido nin no asunto da lapidación nin no das leccións morais desde sitios confortables.
Eu contestei con toda honestidade o requerimento do señor Apicultor.
Non ho, por favor, non se sinta vostede aludido o máis mínimo: refírome a eses gurús que imparten leccións universais polos mundos adiante. Aquí non pasamos de baiuca entrañable.
O que me arrepía a min é a facilidade conque o integrismo islámico sacrifica aos seus:
1) Cando envía homes bomba contra mercados en Bagdag, Mosul, Basora ou Kirkuk. Lembremos que as mortes indiscriminadas que a insurxencia Al Qaeda leva producido en Iraq forzaron un cambio de tendencia en que a insurxencia ligada ao partido Baas, se alía cos norteamericanos para que marchen rápido e non trunfe o islamismo radical.
2) Cando envía comandos suicidas a Bombay. A Bali. A Casablanca. A Madrid.
3) Cando masacra á poboación de Darfur por non ser da etnia árabe do norte de Sudán.
4) Cando lapida mulleres e homosexuais da súa cultura por ir contra as leis de Alá.
5) Cando usa aos seus nenos como escudos en Líbano ou Gaza. Ou sexa que é respectable que eles os manden como "homes bomba", que os usen como "escudos humanos", e non é lexítimo que lles disparen. Pois efectivamente, creo que é moralmente reprochable matar a escudos humanos. Porque se ten que distinguir a superioridade moral fronte ao inimigo.
6) Ten coña que se fale de "xenocidio continuado de Israel" e ao tempo se diga que 1/2 da poboación de Gaza ten menos de 15 anos... Moi pouco "péritos" deben ser estes xudeus cando o fan tan mal... ¿E non será que non é certo iso de que os queiran exterminar?
Moitas grazas, amigos O de sempre e Insensible, por darnos a coñecer as súas opinións sobre a reportaxe de Vargas Llosa. Permítanme dicirlles que son vostedes dous grandes contertulios e que é un pracer poder lelos.
A casa, quero dicir, AS UVAS NA SOLAINA, ten impronta propia. Un, simplemente, intenta manterse á altura do lugar. É un pracer asomarse por aquí.
¿Quen sabe? Quizás algún día debamos plantexarnos un congreso de solaneiros. Ben organizado pode ser moi proveitoso.
O III contubernio de solaineiros está xa... Xestándose, sr. Mesmo.
Espero a súa asistencia, e non vale anteface!
Case sen querer escoitar, souben o motivo de que VLL fose ao Congo.
O parecer os Enviados Especiais son sempre periodistas que teñen os seus tics e as súas propias maneiras de facer unha reportaxe.
Non sei se foi EL PAIS, ou a Axencia que edita o semanal, decidiron facer unha serie de reportaxes e/ou testemuñas literarias, e que fosen escritores de recoñecido prestixio os seus autorese que acodirán "in situ" para facelas colaboracións. Como teñen nómina importante, seguro que as colaboracións serán vistosas e literariamente ricas.
Hai unha premisa, na adxudicación dos traballos, debería ser a primeira vez que se achegara polo esceario que pensa plasmar.
Son eu quen agradece que lle fagan un sitiño neste parladoiro para poder sentar e disfrutar de tan agradable compaña.
Polo que leo, a voz da maior cordura seica debeu perder a batalla.
Publicar un comentario