26 abr 2009



BNG, un xiro mirandés
Galicia Hoxe, 26.04.2009
MANOEL SANTOS

O acordo do BNG de concorrer ás misteriosas europeas do 7 de xuño na coalición Europa dos Pobos, composta entre outros por partidos soberanistas de esquerdas, como Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Eusko Alkartasuna (EA), non é intranscendente. Tampouco a escolla de Ana Miranda para a cabeceira da listaxe en Galiza -segundo posto na circunscrición estatal.
Deste xeito o BNG logra, quer de xeito intencionado quer indirecto, catro cousas fundamentais. Primeiro, ter algunha posibilidade de acadar representación no Parlamento, por canto a outra opción -PNV, CIU, CC- só ofertaba o cuarto posto na candidatura. Europa dos Pobos ten asegurada unha acta e se cadra dúas, mais de obter unha o posto sería por quendas. A importancia dun escano na UE non é menor, tanto dende o punto de vista organizativo, pois para formacións miúdas coma o BNG, Europa supón unha fonte de recursos económicos e estratéxicos nada desprezábel; como dende o punto de vista político, xaora que garante loitar en primeira liña por cuestións fundamentais para o país -pesca, agro, ambiente, lingua, construción naval- e, por que non dicilo, tamén formar futuros cadros políticos. Ana Miranda, que chegou a Bruxelas con Camilo Nogueira no 1999, é boa mostra disto.
En segundo lugar, o BNG cae onde ten que caer por ideoloxía fundacional. Como ERC e EA, forma parte da Alianza Libre Europea (ALE), partido político con 42 organizacións en cuxo grupo parlamentar (Os Verdes/ALE) se integraría a hipotética deputada. Amais, a vicepresidenta da ALE é a propia Ana Miranda. O feito devólvelle ao BNG a coherencia ideolóxica sobre o papel, especialmente se temos en conta o que a ALE defende: dereitos humanos e dos pobos, desenvolvemento sustentábel, abolición da enerxía nuclear e potenciación das alternativas, reorientación da Europa do neoliberalismo, a competencia e o centralismo, participación das nacións sen estado nas negociacións sobre temas da súa competencia, diversidade lingüística e cultural?
A terceira cuestión é máis importante do que parece. O xiro á esquerda, malia que tardío e sospeitoso por ser logo dunha desfeita electoral, alivia un chisco as dúbidas e desencantos dunha militancia que nos últimos tempos tivo moi difícil defender diante da sociedade galega algunhas decisións e derivas gobernativas do cumio da pirámide nacionalista.
E en cuarto lugar, a escolla de Ana Miranda achega un aire fresco imprescindíbel para quen está preto da asfixia. É nova, con moita experiencia nas labirínticas institucións europeas, coñece coma ninguén a Galiza exterior, ten unha sensibilidade para cos movementos sociais -é asidua dos foros sociais- que debería ser obrigatoria no BNG, excelentes relacións con outras nacións sen estado e, malia que resulte estraño por estratexia electoral, é pouco coñecida no país, o que hogano no BNG é case unha virtude. Máis alá dos resultados que obteña, é xente da súa xeración e preparación a que ten que ir collendo o temón dun BNG que nunca parece renovarse de verdade.

14 comentarios:

Etxe dijo...

Eu pensei de principio que o de "xiro mirandés" ía da dirección de Miranda do Douro e a súa minilingua e intuía crítica de xiro á marxinalidade.
Todo ben para Ana Miranda. Non se se ERC e Aralar serán mellor compañía que os outros parceiros, pero Ana é a mellor candidata, sem dúvida.

Anónimo dijo...

Sen ninguna dúbida, Ana Miranda é a mellor candidatura que poida presentar o BNG.

apicultor dijo...

O anterior era eu, escribindo desde un ordenata antediluviano.

Iacobus Von der Stein dijo...

Pois poderá ser a millor candidata, que non-o nego, pero non a millor candidatura. O peso que ten aba esquerda do BNG, obrígalle a tomar decisións que para min, son erros.
Recoñezo que non son votante habitual do BNG, pero nestas eleccións europeas, onde se podería asumir certo voto útil para ter voce en Bruxelas, desta maneira, non recibirá moito voto galeguista, xa que haberá unha esquizofrenia moi evidente entre o discurso no Parlamento Europeo e poño por caso nas Deputacións onde comparte poder con PSOE.
O Bng desta maneira non loita contra da abstención.

marcel swann dijo...

O mellor candidato para as europeas é (era) Camilo Nogueira, e para a presidencia da Xunta, Beiras, pero iso non vai ser así pola pinza upegallo-quintanista.

A UPG está feliz porque se non lle funciona o candidato de circunstancias, sempre poderán botar man (como fixeron co Quin) destro outro Quin 2.

Ao final, gañe o que gañe, gañará o o oficialísimo conglomerado upegallo quintanista. Que todo cambie para que non cambie nada. Aquí no ha pasado nada, muchachos... O que conta é que quede barrido o Encontro Irmanidño, non vaia ser que se lle acabe o choio a algúns....

Anónimo dijo...

Menos mal que o velairo nacionalista ten un pau central que o aguanta, diante de tanto nesgo na súa interpretación.

Xosé M. González dijo...

O que podo dicir de Ana Miranda é que ten traza de competente; entendo que o propio Camilo Nogueira -cuxa posición destes días éme ben difícil de comprender- avala a candidatura dela.

Vai ser interesante, en efecto, comparar o apoio electoral que reciba o Bloque desta volta co das anteriores eleccións europeas (se non lembro mal, uns 138.000 votos no país; aínda que mellor será referirse a porcentaxe sobre voto emitido). Como daquela do que se soubo foi de abstencionistas que non quería votar a CiU, isto confirmará ou desmentirá.

Aínda que a situación actual (crise, saída do gberno galego, debate interno) non é precisamente favorable.

X.L. dijo...

Non achan que Feijóo xogou moi forte na formación do seu goberno?
O PP galego síntese plenamente representado polo novo consello da Xunta?
Chama moito a atención que non contase con ningún represente de sectores do partido que, aínda estando hoxe nun segundo plano, manteñen moito poder político.
Qué estará pensando X.M. Barreiro en Lugo?
É bon para o seu futuro político a situación na que queda?
Barreiro foi un parlamentario de gran nivel (infinitamente por riba do actual portavoz e penso que do propio Feijóo) que, entre outras cousas, tivo que medirse co Beiras dos millores tempos.

E Baltar, non tén nada que dicir?
Están todos contentos no PP ?

http://www.xornal.com/artigo/2009/04/03/galicia/raquel-arias-estoy-disposicion-feijoo/2009040322551746481.html


A vella garda (Palmou,etc.) quedou relegada e, en vistas do novo estilo, desautorizada.

É todo así de simples?
Veremos!!!

Iacobus Von der Stein dijo...

Amigo X.L., fas unha boa exposición da situación do PP e do Goberno do PP.
Se profundizaras vas ben por ese camiño e donde te fas preguntas, terás a resposta.

Xosé M. González dijo...

Monsieur Swann: madia leva se non cambian. Velaí ten no lote o terceiro veterano que lle faltaba.

Xosé M. González dijo...

Hai confirmación dalgunha outra fonte. E anuncio de que Anxo Quintana propiamente pouca relación terá (aínda menos ca ata o de agora) no proceso asembleario.

Xosé M. González dijo...

Aquí, Swann, encontrará vde. moita información, debate e comentario que seguramente lle interesará aí, en Barcelona. Un saúdo.

Anónimo dijo...

A Ana Miranda está ben boa.
Eu votar botáballe o que eu sei.

Xosé M. González dijo...

El Rei está nu. E o xiro mirandés, probablemente entre nubeiros.