26 abr 2009




D. Ramón en Buenos Aires


El Correo Gallego, 26.04.2009
XOSÉ NEIRA VILAS

Xullo de 1959. Inverno austral. Otero Pedrayo arriba ó Prata invitado polo Centro Galego de Buenos Aires para as Xornadas do Día de Galicia. Estivera na cidade doce anos antes, e publicara logo Por os vieiros da saudade. Alí coincidira con Castelao, compañeiro de inquedanzas. Un ano despois é reposto na súa cátedra en Compostela e dita unha emotiva conferencia sobre a emigración. Agora voltaba a Buenos Aires, con Fita, a súa muller. Eu víñame escribindo con el. E o noso primeiro encontro poducíase na 'Galicia ideal'. Foron días nos que Anisia e mais eu nos beneficiamos co seu maxisterio e coa súa erudita e amena conversa. Viamonos case a diario no hotel da Diagonal Sur no que se aloxaban. Poucos meses antes triunfara a Revolución cubana e el sabía do ancestro galego de Fidel. Falábanos do "desastre" de 1898, e da obra de Martí, e da valentía de Maceo, de quen lle tiña falado seu pai. Viámonos tamén nas conferencias que ofreceu no ámbito galego e fóra del (Museo Mitre, xornal La Prensa, Sociedad de Escritores...). A través da organización Follas Novas rendémoslle unha honenaxe, na que xunto con nós interviron Dieste, Ramón de Valenzuela, Xosé Blanco Amor, Suárez Picallo, Alonso Ríos e Molinari. Léronse adhesións de sociedades galegas de toda América, e do grupo Brais Pinto de Madrid e de personalidades como Cabanillas, Del Riego, Gómez Román, García Sabell, Carballo Calero, Piñeiro, Fole e outros. Montamos unha exposición da súa obra no Centro Lucense.
Días despois visitounos na sede de Follas Novas, onde foi recibido por un grupo de mozos. Chegou con Fita e con Virxinia Castelao. Dedicou exemplares dos seus libros e deixou escritas fermosas palabras nas que fala de Compostela, das cantigas populares, e do que significaba a emigración para a cultura galega.
Cúmprense 50 anos daquela visita e seguimos recordando aqueles seus días porteños.

1 comentario:

AFP dijo...

CARVALHO CALERO!!! Quando menos respeitade a vontade do mestre já que nom tomastes nota da sua proposta dum galego estenso.