23 may. 2009

Ese recadriño
da páxina 64.
Antonio Piñeiro.

La Región.23.05.2009.
Foto:La Región.
Foi nunha mesa do Café Real, logo de saír dunha das tertulias que durante un tempo celebramos no Liceo, a proposta túa e como consecuencia dunha miña columna na que teorizaba sobre cal debería ser o número máis axeitado nunha conversa de sobremesa para que a palestra fose froitífera e ó mesmo tempo amena.Non lembro ben cal fora a razón de que fixeramos aquel aparte fóra do Liceo, logo de rematada a sesión, aínda que penso que foi porque andabamos coa planificación dunha exposición sobre Curros Enríquez, cando dende a Fundación estabamos a definir cómo ía ser o decorrer do Centenario do poeta.O que si lembro moi ben é que, a carón dunha cervexa, falamos abondo do estado emerxente de decepción colectiva no que empezabamos a movérmonos, e de cómo había pouco tempo que abandonaras a túa militancia política, en consecuencia.Lembro que mo dixeches cunhas palabras máis ou menos coma estas: ‘A verdade é que os que temos a oportunidade de expresar na prensa as nosas opinións, estamos moito mellor co pensamento libre’.Cando o lector -e ti mesmo- teñades oportunidade de ler isto, xa terás vivido unha nova xornada de profundas contradicións, neste caso gracias ó recoñecemento do Pen Club de escritores de Galicia, onde as emocións transmitidas polo cariño dos amigos e coñecidos, terán petado contra o muro do teu peito cun acedo contrapunto marcado por esa inxusta situación na que, sen pedirche a máis mínima opinión, te ten colocado a vida.Querido Marcos: Nos últimos tempos non temos falado, nin a través do teléfono, nin por medio do correo electrónico, nin por ningún outro medio, como noutrora faciamos de vez en cando; o cal non significa que non saiba de ti e da túa evolución, polos amigos comúns que temos, e, malia todo, que non siga abrindo cada día o xornal coa esperanza de que nese recadriño da páxina 69, volva atopar a xaneliña diaria de pensamento libre que ti sempre terás aberta.

No hay comentarios: