23 may. 2009












Album fotográfico: Pepe Trebolle.
VOZ DE LIBERDADE. CRÓNICA DE URXENCIA.
(A. para "As uvas")

No Hostal dos Reis Católicos, no mesmo edificio onde Otero Pedrayo fora homenaxeado o 3 de marzo de 1968, nun banquete que rematara cos primeiros berros de Viva Galicia Ceibe que existen gravados da nosa historia contemporánea, celebrouse onte día 22 de maio, aniversario da proclamación da liberdade relixiosa pola República Española en 1931, e do nacemento de Naomi Campbell en 1970, un novo xuntoiro ao redor do amigo Marcos Valcárcel.
Desta volta a desculpa foi o xustíiiiiiiisimo premio outorgado polo Pen Club internacional como Voz de Liberdade, a proposta da sección galega.
Poden ver outras crónicas de prensa a pé de escrito.
Non trataremos de dar outra visión.

Moita xente que quere a Marcos igual que os que estabamos, non puido asistir pero enviaron a súa adhesión: R.Villares, X.R. Barreiro, V. Freixanes, M. Rivas, Suso de Toro... Pero alí estabamos moitos. A cousa empezou con retraso por mor de inconvenientes de intendencia que retrasaron a chegada de Marcos a Santiago. Iso permitiu que os convidados todos agardasen a Marcos como a un primeiro ministro, todos na porta do Hostal facéndolle un “pasillo” como aos grandes e con tanto saúdo tardamos en entrar á Capela Real onde se desenvolveu o acto. Unha foto de Marcos, serio, circunspecto, case un pouco enfurruñado, presidía o salón. Na mesa, Bieito Alonso, Gonzalez Tosar, alias “Che”, Alonso Montero, Marcos, o novo Conselleiro, Roberto Varela, o valente novo Secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e o director Xeral de Xuventude e voluntariado Ovido Rodeiro.
Garabatas: Alonso Montero, Marcos e o Conselleiro. Sen ela, Bieito, Che, Anxo e Ovidio.
O acto empeza cun pouco de música clásica por un cuarteto sobrio e ben. O conselleiro levaba o compás da música cos dedos na mesa. Logo o Che abre o acto. Un discurso ben construído, afablemente ameazador. Citou, como resume, unha frase de Alonso, “Os escritores poden convertir as súas palabras en espadas” falando da lingua, etc. Beito coa simpatía e maxisterio ao que nos ten afeitos, lembrou os anos comúns con Marcos, desde o Instituto Masculino na transición, os combates de Santiago, e en medio de moita cita, veu reclamar a autenticidade fronte a un falso comopolitismo de papanatismo sobre Nova York etc. (O conselleiro, moi no seu papel, nin pensou que a cosa fose con el). Rematou evocando arrecendos a vainilla da rúa do Paseo de Ourense e desexando regalarlle con eles, un lago e dous cisnes. Moi moi aplaudido. Logo dos dez minutos de Bieito, Alonso Montero consumiu 22 minutos en facer unha laudatio máis formal da experiencia de Marcos como historiador e persoa comprometida propoñendoo como “Cronista oficial da República das letras galegas” e facendo as habituais mencións á ditadura, á república, a Franco, etc. Tamén moi aplaudido.
Logo Marcos leu pousadamente un fermoso discurso que levaba manuscrito e que fora ditado a María, a súa dona, -a quen comparou neste momento con Amalia Rosina, a muller de Lamas Carbajal. Marcos evocou os seus tempos mozos, de aprendizaxe na Auriense de Curros Enriquez e fixo unha gabanza daqueles vellos galeguistas que fundaran o tecido cultural das Asocacións Culturais dos sesenta e do impulso dos novos mozos que andaban ao redor delas, baixo o maxisterio de novos profesores como Paco Rodriguez e cun maxisterio paraleo a través das actividades daquelas asociacións. Definiu a aquela xeración ERGA como unha escola de civismo e compromiso co país. E considerou como momento inicíatico do seu compromiso, a lectura do texto Sementeira de Florentino Cuevillas –recollido nas súas Prosas Galegas- e definiuse como un “xornaleiro da cultura”, tomando as palabras do seu amigo Modesto Hermida. A emoción das últimas palabras fundiuse cun prolóngadísimo aplauso.
Logo falou o valente –e repito o de valente porque fai falta telos ben postos para asumir tal posto coa que está caendo- Anxo Lorenzo, Secreatrio Xeral de Política Lingüística quen nesta súa primeira intervención pública, engadiu ao curriculum citado de Marcos, o Manifesto Falamos galego en aberto e positivo que elaborara Marcos e Afonso Monxardín en maio de 2006, e citou as palabras finais nas que se facía un apelo ás importancia da vontade dos falantes máis alá das leis que non entran nas bocas. Foi aplaudido con vontade de esperanza polos presentes. Logo o Conselleiro tomou a palabra -esqueceuse de citar ao Director Xeral de Xuventude e Voluntariado que foi o único que non interveu dos da mesa- e fixo un discursiño discreto, correcto, con cita un pouco forzada dos escritores que estaban ingresando nese mesmo acto no Pen. A continuación o Che púxolles a insignia chegada de Londres e aplaudimos todos.
Logo Isaac Díaz Pardo colleu a bolsa onde levaba o cadro de Anton Lamazares, agasallo do Pen Club a Marcos, entreabriuna, mirouno de esguello, movéndoo para un lado e para outro, e, como non ve ben de todo, non localizou cal era a parte de adiante e cal a de atrás así que subiu coa bolsa e entregoulla tal cal a Marcos. Apaudimos todos, pero quedamos sen ver o cadro. (Xa llo pediremos ao Marcos para sacarlle unha foto e colgalo).
Para pór remate, o amigo Xan Fonsesca, tocou un par de pezas na gaita –na primeira e máis ourensá non lle foi ben o roncón, por certo- e foi moi celebrado tamén.
A continuación tomamos uns xenerosos viños e excelentes petiscos –boa combinación de “febra” e pouco deseño- moi ben presentados e atendidos, e alegrámonos de que o aforro e austeridade continuamente predicadas, non empezara na ocasión.
Unhas cantas fotos de grupos –vellos rockeros de ERGA, blogueiros das Uvas na Solaina, etc.- e unha animada charla entre os amigos de Marcos, escritores, editores, xornalistas, algúns políticos, académicos, profesores, e as novas autoridades que se prolongou ata que o sentido común aconsellou tocar retirada.
.....................................................................................
Enlace ó eco de El País, A Nosa Terra, La Region. 22.05.2009
Nos blogs :
..........................................................
A cobertura de El Correo Gallego: 22.05.2009
...........................................................
Poida que poucas figuras do universo cultural galego susciten hoxe a unanimidade e o acordo que ergue a figura de Marcos Valcárcel, historiador, escritor, xornalista e blogueiro ourensán que onte, no Hostal dos Reis Católicos, recibiu o IV Premio Pen-Voz de Liberdade "pola súa defensa da liberdade de pensamento" e o nomeamento como membro de honra do PEN Internacional. Un "sincero e intenso agradecemento" foi o sentimento que expresou este colaborador habitual de Galicia Hoxe, quen dixo ter estimado sempre "nos escritores a súa capacidade para a lealdade e a xenerosidade". Esas cualidades, das que Valcárcel fai parte, conviven nel cunha seria falta de afectación que transmite a todo o que di e escribe. Lembrábao onte o escritor e amigo Bieito Iglesias, quen achou no estilo de Vicente Risco o correlato desoutro xeito valcarciano de dicir e narrar: "pluralidade de intereses, serenidade e ausencia de afectación". Valcárcel, -que onte se adscribía á Xeración ERGA, así nomeada por Xosé Miranda- declarouse -tomándolle tamén as palabras a Modesto Hermida- un "xornaleiro da cultura", no ronsel dos grandes mestres -Cuevillas, Piñeiro, Casares, Fiz Vergara Vilariño, tamén seu pai Fiz Valcárcel-, os mesmos que alentaron a súa obra e o seu pensamento no que, para o académico Alonso Montero, sobrancea a "virtude da ponderación" dos clásicos.
Unha cumprida representación do mundo da cultura galega arroupou onte, no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, a este incansábel traballador pola lingua e a cultura de Galicia. No estrado o presidente do Centro Pen de Galicia, Luis González Tosar, o Conselleiro de Cultura Roberto Varela -que se comprometeu a declarar o ano 2010 o Ano da Lectura en Galicia- e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que se valeu dun manifesto a prol da lingua creado polo propio Valcárcel en 2006 para lanzar unha mensaxe de concordia idiomática nun auditorio no que, cando menos, reinaba unha susceptíbel aínda que cordial expectación ante a presenza dos novos membros do Goberno.
O bo home, constante e firme -"un dos máis claros defensores da identidade do noso pobo" en palabras de Tosar-, contou, canda el, coa presenza fraternal de Isaac Díaz Pardo -que lle entregou un lenzo de Antón Lamazares-, os académicos Antón Santamarina, Fernández Rei, Rosario Álvarez, Manuel González, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina; políticos como Camilo Nogueira, Ceferino Díaz, Carlos Mella e Xesús Palmou; e amigos e compañeiros da escrita e da vida como Vázquez Monxardín, Manuel Outeiriño, Manuel Guede, Xusto Beramendi, Carlos García, Gonzalo Navaza, Xosé Miranda, Dolores Vilavedra, Anxos Sumai, Riveiro Coello, Rosa Aneiros, Antón Baamonde e Manuel Bragado, entre moitos outros.