23 may. 2009

A plantar salgueiros a outra parte!
Sección: Ao raiar o sol
Luís González Tosar.
Foto:Oscar Corral. El País 23.05.2009

Certo é que, despois da formidable resposta da República das Letras Galegas ao acto literario no que lle entregamos a Marcos Valcárcel o IV Premio P.E.N.-Voz de Liberdade e maila distinción de “membro de honra” da organización mundial de escritores, o desalento ábrelle paso á ilusión e o pesimismo trócase en luz esperanzada. Digo isto baseándome na resposta de case dous centos de amigos e amigas, traballadores da lingua e da literatura de noso, convocados por obra e gracia do homenaxeado, presenza que corroborou, na tardiña do pasado venres, en Compostela, unha verdade poucas veces posta en práctica: a unidade no esencial é posible. Creo que todos saímos reforzados dunha xuntanza na que nos sentimos, coma no verso de Lorenzo Varela, “cinguidos polo mesmo pensamento”. Nunca lle oín, en máis de trinta anos de amistade, a Marcos Valcárcel -exemplo nídio de bonhomía, cordialidade dialogante e firmeza na defensa da nosa identidade-, palabras descalificadoras, nin sequera para os que lle negaron, en varias ocasións, unha rabanda de pan e un grolo de auga, imprescindibles para repor folgos e seguir adiante. Dixérono ben claro Bieito Iglesias -colega seu desde a adolescencia- e Xesús Alonso Montero -verbo cálido e rigoroso-; Marcos encarna hoxe a continuidade do mellor galeguismo progresista, do nacionalismo non excluínte, da sensatez dos que constrúen, día a día e con esforzo, un modelo propio baseado na concordia, sen renunciar a nada, aspirando a todo. Velaí a encrucillada de arestora, unha situación de perigoso confusionismo e de intereses creados arredor do idioma propio de Galicia -así é como a define o actual Estatuto de Autonomía-, cooficial co castelán, do que nunca os galegos renegamos. Porque os que se consideran “perseguidos” non mencionan nunca a proscripción do galego durante a dictadura franquista? Ollo cos pirómanos. Tres ou catro, apenas media dúcia, poden alamparnos a todos. Nunca abrasarnos, porque de apagar incendios os galegos sabemos moito. Confiémoslle, pois, o proceso normalizador aos sociolingüistas -Anxo Lorenzo, actual responsable da política lingüística da Xunta é un dos mellores-, eles saberán facer as oportunas consultas e sentar, sen dúbida, uns puntos básicos para chegarmos ao consenso político e social. A responsabilidade, a sensatez, a sabiduría, están, polo de agora, no soberano -o tan invocado pobo galego, nada respectado polos que queren adecualo como sexa á súa ideoloxía-. A nosa xente segue a falar con naturalidade e cortesía -como di o Presidente Núñez Feijoo- na “lingua dos avós que temos mortos”, que cantara Celso Emilio Ferreiro e que non é proletaria, nin campesiña, nin mariñeira; é a lingua de Galicia enteira. “A fala é o que se fala”, pensamento máis fondo do que parece e que lle vin escribir, de puño e letra, a Ánxel Fole. Están aviados os que pretendan onda nós unha guerra lingüística. Poden ir plantar salgueiros a outra parte.

1 comentario:

marcel swann dijo...

Método dialéctico-crítico-contrastivo.
Tag: Lingua.

1. Luís González Tosar (El Correo Gallego: 24 de maio, 2009) "Na encrucillada de arestora arredor do idioma propio de Galicia -como define o Estatuto-, cooficial co castelán, do que nunca os galegos renegamos, cómpre ter coidado cos pirómanos. Tres ou catro, apenas media dúcia, poden alamparnos a todos. Confiémoslle, pois, o proceso normalizador aos sociolingüistas -Anxo Lorenzo, actual responsable da política lingüística da Xunta é un dos mellores-, eles saberán facer as oportunas consultas e sentar, sen dúbida, puntos básicos para chegar ao consenso. A responsabilidade, a sensatez, a sabiduría, están, polo de agora, no soberano -o tan invocado pobo galego, nada respectado polos que queren adecualo como sexa á súa ideoloxía-. A xente segue a falar con naturalidade e cortesía -como di o presidente Feijó- na "lingua dos avós que temos mortos", que cantara Celso Emilio Ferreiro. "A fala é o que se fala", pensamento máis fondo do que parece e que lle vin escribir, de puño e letra, a Ánxel Fole. Están aviados os que pretendan onda nós unha guerra lingüística. Que vaian plantar salgueiros a outra parte".

2. A Xunta restaralle peso ao galego nas oposicións (A Nosa Terra, 25 de maio, 2009)Europa Press . O Goberno galego reunirá o vindeiro venres a Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos -na que están representados a Xunta e os sindicatos CIG, CC OO e UGT- co obxectivo de 'expor' a proposta de reforma da Lei da Función Pública de Galicia que pretende impulsar a Administración autonómica para garantir 'a libre elección' de idioma en futuros procesos selectivos.