24 may. 2009


Holocausto porcino.
A.V.M. La Región.23.06.2009.
Foto:Miguel Muñiz.

Cando o outro día os autócratas do Kremlin decidiron aconsellar aos seus concidadáns non visitar España polo medo á gripe A, moitos puxeron o berro no ceo. ¿Nós unha ameaza á saúde de ninguén? ‘Todo é política’, chegamos a concluír despectivos. Evidentemente as cuestións máis peregrinas poden ser argumentadas demagoxicamente para distraer ao vulgo iletrado dos seus problemas e focalizar en asuntos alleos o interese colectivo. E un problema serio acontece cando pasa desapercibida ou minusvalorada calquera acción deste estilo que teña como centro os naturais doutro país pero pertencentes a unha minoría étnica ou relixiosa. O paroxismo, como é sabido, foi a Alemaña de Hitler. Alí, desde as leis de Nuremberg no verán de 1935, chegaron a publicar máis de 3.000 decretos e ordes restrinxindo as liberdades dos seus concidadáns xudeus. Algunha tan alucinada como a prohibición de posuír paxariños, cans e gatos, ou de que os cegos levasen brazaletes que os identificasen como cegos. ¿A desculpa? Calquera valía para un pobo en proceso de fanatización.Pois algo semellante está acontecendo cos nosos irmáns cristiáns coptos de Exipto. É unha grande minoría -10 millóns de persoas- moito máis vella no país que os musulmáns, pois son herdeiros directos da etnia e lingua dos antigos exipcios das pirámides que foron cristianizados nos comezos da nosa era. Pois arestora están sufrindo continuos ataques por causa da crecente islamización do estado exipcio. E como unha medida máis contra os coptos -únicos que os crían e comen- deciden o sacrificio inútil dos 350.000 porcos do país, pregándose covardemente ás presións islamistas. Tamén é algo contrario a razón -escasean os tratos marrau mexicano/marrau exipcio-, aos ditados da ONU sobre medidas de saúde e a todo. E como a cousa ía en serio, o día 2 de maio come zaron as ‘execucións’ dunha forma salvaxe. O xornal Al Masri al Youm sinalaba que comezaran a facerse foxas no deserto onde guindaban vivos aos cochos, logo rociabanos con substancias velenosas ou botaban simplemente terra por riba. Tanto foi, que o primeiro ministro Ahmad Nazif tivo que pedir que diminuíse a ‘brutalidade’ do proceso. Aínda así, os máis arrichados defensores da medida, gobernadores incluídos, bromean dicindo que non poden ser degolados porque os marraus non teñen pescozo. ¡Que lonxe quedan os tempos en que Mediterráneo unía as culturas das súas beiras, e nas cidades de Alexandría, Salónica ou Constantinoplas vivían respectuosamente próximas as comunidades, como se fosen todas novayorkes da antigüidade! Ai, Kavafis, Kavafis, o poeta grego de Alexandría. Ai Naguib Mahfuz, único escritor árabe co Nobel, acoitelado por un integrista en 1994. ¡Que lonxe queda o voso país do Exipto de hoxe!

1 comentario:

Jorge dijo...

E que o Mediterráneo xa non che é o que era