Miguel Anxo Fernán Vello.
Galicia Hoxe.25.05.2009
(Foto:A Nosa Terra).Ben que sentín non poder estar fisicamente no acto literario de entrega do Premio do Centro PEN de Galicia a Marcos Valcárcel en Santiago de Compostela. O Premio dos escritores galegos e, por ende, dos escritores internacionais organizados no vello clube literario, denomínase Voz de Liberdade, e pensando no amigo ourensán premiado vénme á cabeza aquela idea de Sartre que nos traslada o entendemento da liberdade "en tanto que actuamos como somos" e en tanto que os nosos actos contribúen simplemente a "facernos ser". No caso de Marcos Valcárcel non cabe a menor dúbida de que sempre actuou e actúa como el mesmo é, un home libre e aberto ao mundo, xeneroso e dialogante como os mellores sabios, forxado na fidelidade á súa terra e firme nun ser que ten por norte a cultura e o coñecemento. Eu teño dito en máis dunha ocasión que Marcos Valcárcel responde con perfecta exactitude -semella todo un retrato do blogueiro de As Uvas na Solaina- a esa idea de intelectual que latexa na ideoloxía dun autor tan entrañábel para min como Pierre Bordieu: unha forma permanente de compromiso baseado na restauración da política, na acción e no pensamento. Talmente. Así é Marcos Valcárcel. Esa mesma persoa que no seu discurso de agradecemento polo premio do PEN se reivindica discípulo dos vellos galeguistas; o mesmo que define a xeración ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos), na que el participa de xeito moi activo, como unha escola de civismo e de compromiso co país e o mesmo que non dubida en se considerar, con humildade e ao mesmo tempo cunha dose certa de emoción ben galega -estouno vendo-, un "xornaleiro da cultura". Toda unha lección. Por iso fica ben claro que o centro PEN de Galicia non só acertou nomeando a Marcos Valcárcel Voz de Liberdade, porque, á par do galardón concedido, a propia institución internacional soubo prestixiarse a si mesma tendo entre os seus máis altos premiados a un escritor e a un intelectual coma poucos hai -parabéns de corazón, amigo Marcos- na gran República das Letras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario