7 may 2009


Sabat.
Bieito Iglesias. Pan e Coitelo.

El Correo Gallego.7.5.2009


Romero Brito

A sensacional campaña do Barça de Guardiola suscita todo tipo de ditirambos e florilexios en honra do xogo bonito. Os comentaristas destacan a filosofía balompédica baseada no toque, na asociación, na filigrana e a ofensiva constante, en oposición á furia e berisca para adiante da tradicional escola hispánica. Tamén resaltan os beneficios de contar cunha identidade de equipo forxada a partir do legado de Cruyff, tanto do xogador que en 1974 contribuíu a asaltar o feudo madridista cun tanteo de 0-5 como do adestrador que encheu a sala de trofeos blaugrana.

Todos estes valores brillaron a fin de semana pasada no Bernabéu e tal parece que o fútbol está a mudar a súa natureza inveterada, porque non esquezamos que se trata dunha variante do rugbi, igual de bruto por figurar unha metáfora da guerra pero máis impreciso ao xogarse cos pés. O principio de incerteza rexe este deporte no que o azar conta tanto ou máis que o mérito. A indeterminación, a inxustiza e o capricho dos deuses resultan decisivos no balompé como na vida, de aí que sexa o espectáculo máis popular.

Na liga española aínda en disputa, levamos asistido a unha refolada de vitorias do Real Madrid inexplicable (o conxunto branco semella hoxendía un bando de chanquiñas) se non soubésemos que os merengues son seres olímpicos, que gañan case sempre fagan o que fagan os rivais. Os adversarios achícanse diante das camisetas madridistas aínda que sexan vestidas por espantallos, experimentan o medo escénico ao trepar a herba de Chamartín e mesmo tiran penaltis á moda checa como se en lugar de pelota pateasen un cabazo.

O xa histórico 2-6 é unha excepción, un acontecemento insólito que nos reconcilia co mundo, pois supón a derrota da maioría, da vulgaridade, do Gran Costume, e o triunfo da rareza e da beleza. A beleza é o domingo da humanidade, en definición de certo esteta, o consolo de feocos e cinsentos días soltos. Desta vez celebrámola en sábado de propicias meigas.

7 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Marabilloso artigo-declaración do dereito humano á felicidade por medio dun partido de fútbol. Vouno enmarcar agora mesmo para colgar á entrada da miña casa.

Balonga dijo...

O Barça ven de conseguir para o seu museo un tesouro centenario: unha camiseta azulgrá usada en 1910-1912, polo dianteiro Pepe Rodríguez Vasquez que foi capitán e goleador zurdo, de terrorífico disparo e que contribuiu decisivamente na conquista dos trofeos nacionais e internacionais do clube.
En 1913 emigrou a Bos Aires para gañar cartos, e despois rematou en Melipilla(Chile).
Hoxe custa entender que a estrela e máximo goleador do Barça teña de emigrar a procura de fortuna.
Pois ben, Pepe Rodríguez era galego. Como non podía ser doutro xeito!.

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
X.L. dijo...

Para os británicos, hai unha diferencia sustancial entre rugbi e fútbol:
Rugbi é un deporte de plebeos xogado por cabaleiros.
Fútbol é un deporte de cabaleiros xogado por plebeos.

Oitavo Pecado dijo...

O tema do día de hoxe en todas partes é o partido do BarÇa. Un alivio, para polo menos olvidar o da crise.

Visita o noso novo blog
www.outropecadocapital.blogspot.com

Agradecemos a túa opinión sobre este novo proxecto

detective crepuscular dijo...

O 2-6 do sábado mellorou se cabe o 0-5 dos anos setenta e acabou co espellismo da épica testicular e agónica do Rial Madrí dos últimos tempos, gabada até o paroxismo polos altofalantes da prensa madrileña ou madridista ancorada aínda no esplendor imperial doutrora. Que formoso o título cortazariano de Juan Cruz de hai uns días: 2-6/MODELO PARA ARMAR. Aínda que eu poría mellor: 2-6/MODELO PARA AMAR ou 2-6/MODELO PARA DESARMAR A GRAN MENTIRA DO R.M. Ou 2-6/OS TESTÍCULOS DE CAMACHO REDUCIDOS A CINZA IMPERIAL. A fin de semana do primeiro de maio estiven no meu povo e chamoume a atención a euforia madridista. O Barça viña de empatar co Valencia e de bater impotente contra a ultradefensa bunkérrima do Chelsea, e só a 4 pontos dos de Juande, que as trompetas da remontada madridista daban por feito que o sábado pola noite a diferenza só sería dun ponto e a liga acabaría caindo como de "costume" do lado merengue. Mal pensaban eles que o que lles acabaría caindo seria meia ducia de coiros na portaría. Un chover sobre mollado esférico. Era tal a euforia, que o sabado pola mañá un madridista (e para mais inri do BNG, cousa normal no meu povo, onde hai unha peña oficial do R.M. dunha chea de membros e onde a dobre militancia no madridismo/BNG é moeda común) apareceu nos bares cunha bandeira do R.M., bueno, mais que cunha bandeira, cunha toalla do R.M. atada dun pau e axitándoa patrióticamente, o que provocou esta fina ironía dun barcelonista acérrimo e votante do BNG: "E logo hoxe hai congreso do BNG?" Pola noite, despois do partido, ou modelo 2-6, o da dobre militancia seguía polos bares, coa toalla do R.M. meio derreada ou arriada e despotricando contra o árbitro, porque lle pitara moitas faltas ao R.M. e permitira o xogo bonito (e "modélico" e farturento, digo eu) do Barça. E onte caiu o do multimillonario ruso, cun pouco de sorte, pode que con algún penalti non pitado, cun equipo que mesmo con superioridade numérica seguiu ultradefendendo e con outro equipo que pelexou até o último segundo, porque sabía que a primeira vez que tirara entre os tres paus o coiro batería na parte de dentro da rede. Irremediábelmente. Como así foi. Cousas do futebol.

Anónimo dijo...

Me gusta er furbo.....