Unha historia de afección.
Galicia Hoxe, 07.05.2009
Imaxe: Práctica de vela.Ao fondo a ponte de Rande. Foto do compañeiro Rodrigo Comba. "O deporte en Galicia é un feito cultural que cómpre ter en conta"
"O fenómeno deportivo pode e debe ser considerado como un feito social e cultural digno de ter en conta". É a idea que guiou o investigador e historiador Andrés Domínguez Almansa na súa obra Historia social do deporte en Galicia, na que dá conta do arraigamento das prácticas deportivas como unha forma de cultura cívica.
O autor reflexiona sobre a afección que dende sempre cultivou a sociedade galega sobre o deporte. Segundo conta Domínguez Almansa, as prácticas deportivas xorden en Galicia unidas a grupos progresistas no século XIX, moitos deles, vencellados ao republicanismo. Entre eles, nomea o Ximnasio de Vigo, exemplo de progresismo que sería duramente represaliado tras a sublevación militar do 36.
Antes da represión franquista, o deporte estaba ligado a unha forma de ser culto. De aí que a comezos do século XX, moitos intelectuais galegos estivesen ligados a clubs de fútbol como Roberto Blanco Amor, Valentín Paz Andrade, Gerardo Álvarez Limeses, Antón Losada Diéguez ou mesmo Castelao que mesmo se inspirou no fútbol para a súa obra de debuxante e caricaturista.
E non só iso senón que tamén mesmo se creaban asociacións de carácter deportivo que se achegaban a diferentes ámbitos culturais como o club de fútbol coruñés Bellas Artes, o Centro Artístico Sportivo de Ponteareas ou Iberia F. C., que incluso representaba teatro.
Ao ver de Domínguez Almansa, o desinterese dos historiadores galegos por estudaren a transformación da sociedade galega a través do deporte débese ao impacto da longa ditadura. Segundo indica no libro, "a represión e o estrito control exercido sobre a sociedade civil como forma de imposición do novo réxime ditatorial, leva emparellado o desmantelamento dun forte tecido asociativo de índole deportiva".
É máis, a incapacidade do franquismo de incluír con normalidade a práctica deportiva na educación levou tamén a que ficase desvencellado do ámbito da cultura e que o entramado deportivo "ficase en gran medida encadrado no ámbito da Falange".
Un investigador do asociacionismo .Andrés Domínguez Almansa (Vigo, 1966) é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade compostelá. Os seus traballos xiran arredor de tres eixes: o estudo do asociacionismo no ámbito rural, a transformación da sociedade galega a través do deporte e a destrución da modernidade tras o golpe de estado de 1936. Froito destas liñas de publicación, publicou A formación da sociedade civil na Galicia rural. Asociacionismo agrario e poder local en Teo (1890-1940), A cultura deportiva e a Universidade de Santiago, en Gallaecia Fulget. Cinco siglos de historia universitaria, Los orígenes de un fenómeno de masas contemporáneo: deporte, modernidade y mentalidad burguesa en Galicia, en El siglo XX, balance y perspectivas, e Mujer, memoria y represión, en IX Congreso da Asociación de Historia Contemporánea.
Actualmente é investigador do Proxecto de Investigación As vítimas, os nomes e as voces.
8 comentarios:
Cónstame que Rosalía xugou o golfe en Rois
Por certo, a foto está tomada, seguramente, dende unha embarcación que está amarrada -ou fondeada- no Náutico de San Xulián de Cobres, onde Xoan da Coba e eu temos a goleta invernando.
Interésame moito este tema: vou ler este libro con moita atención. Pero da entrevista dedúcense cousas que moi probablemente non estean no libro. Porque entre outras cousas o franquismo promoveu a práctica deportiva dentro dos organismos habituais, en particular a OJE e a Sección Femenina. O labor asimesmo dos colexios relixiosos (tipo maristas, especialmente significados no pulo do deporte) foi moi notable, case monopolístico. Se querías facer deporte, alí estaban estas asociacións case obrigatorias para practicalo.
De ahí vén a miña querencia polo billar e polos futbolíns, por suposto, acompañados dos jukeboxes regulamentarios, ceibos ata onde eu sei de control estatal e, por suposto, lonxe de calquera asociacionismo.
Hai anos publicárase o libro de Alfonso Eiré titulado O fútbol na sociedade galega, que algunha vez puxen eu de lectura obrigatoria como ensaio. A fins dos setenta e comezos dos oitenta, o Pucheiro debía ser dos poucos que non consideraban que o fútbol era opio das masas.
Por outra banda: non lles importará, espero, que eu volva traer aquí isto.
Non só non importa, senón que dá vostede pe para lle preguntar onde andan esas hortas, esas portas. Que xa vai sendo hora, digo eu. Eses editores, arrecarallo, en que pensan?
Eu considerei sempre o fútbol opio das masas. Pero nunca me importou o máis mínimo. Pasaba o mesmo coa Coca-cola. Moitos na (unha chiscadela para os de As Pontes que contraen a negación) tomaban por razóns de análoga (re)pulsión ideolóxica. Claro que o que bebían por contradiciren o imperialismo estragou os fígados de xeracións enteiras.
O meu fígado non sucumbiu aos encantos líquidos da Coca-Loca, o meu fígado sempre estivo blindado contra os ataques corrosivos e venenosos do imperialismo.
Élle culpa miña, Arume. Calquera día xa llelo explico.
Publicar un comentario