11 jun 2009

Agustín Fernández Paz

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 11/06/2009

Entre tanto ar viciado, mentiras e descaro político que vivimos e sufrimos -engadamos aquí tamén ousadía e procacidade-, brilla por si mesma a personalidade dun escritor que acaba de pronunciar un Discurso. O Discurso. En singular e con maiúscula inicial. Elegante e sumamente afábel, discreto e sempre construtivo no seu ser e no seu estar, Agustín Fernández Paz, o autor do Discurso, é, sen dúbida, un dos grandes autores literarios do noso país, ben aprezado polos seus lectores, que son numerosos, e moi recoñecido fóra de Galicia, con libros traducidos, por exemplo, ao árabe ou ao coreano e, por suposto, ao castelán ou francés, entre outros. Agustín Fernández Paz, que non hai moito tempo recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, foi o encargado este ano de pronunciar o discurso que, con motivo da celebración do ditame dos Premios Xerais, centra os actos que teñen lugar de xeito solemne e literario arredor de ditos premios, "institucións" de alto valor que organiza a editora do mesmo nome. O profesor Fernández Paz titulou o seu discurso Oito doas para San Simón -a festa literaria tivo lugar na Illa do mesmo nome- e foi quen de construír unha "obra oratoria" que, neste ámbito ou rexistro, na miña opinión, pasará a formar parte dos grandes textos literarios do noso tempo. A "peza" literaria de Fernández Paz contén verdades profundas e certeiras sobre o noso idioma propio e sobre a creación literaria que del emana, mais o río oratorio creado polo autor destas Oito doas para San Simón posúe, ademais dunha linguaxe transparente e fluída, un ritmo verbal e unha "poética" definida que o converten nunha referencia estética, sen dúbida, e tamén nun relatorio conmovedor -provisto de "intelixencia sentinte", como quería o filósofo- cunha ben establecida base ética na súa práctica discursiva e interpretativa. Nestes tempos ateigados de falsidade e demagoxias, o Discurso de Agustín Fernández Paz é un bálsamo e unha luz no medio dun posíbel novo "tempo de pedra" que comeza a se albiscar.

2 comentarios:

Pintassilgo dijo...

Unha alfaia da literatura galega, o de Agustin Fernandez Paz.Nada sobra, e todo está dito. Hai moito que aprender do Sr. Fdez. Paz

ms dijo...

E continúan...


Esta é a carta de despedida de Luís Rei Núñez, o director do programa "Libro Aberto", un programa da TVG de promoción da lectura en galego.

Amigos de "Libro aberto":
Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005. Dado que ese programa de “Libro aberto” xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.

Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.

Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.

Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, “Libro aberto” acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.

Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.
Luís Rei Núñez
Director de “Libro aberto”